Brais Val Alonso, nado en Vigo o 1 de xuño de 2002, é un futbolista galego, que xoga como centrocampista no Arenteiro, da Primeira Federación.

Traxectoria Nado en Vigo, comezou a xogar ao fútbol no Atlántida de Matamá, incorporándose á canteira do Celta de Vigo con oito anos. En 2017 fichou polo Valencia, permanecendo na súa canteira durante tres anos, ata que no 2020 regresou a Galicia para ingresar no equipo xuvenil do Deportivo da Coruña. Na tempada 2020/21, con Óscar Gilsanz como adestrador, foi unha das principais figuras do equipo que conquistou a División de Honra Xuvenil e tamén a Copa de Campións, despois de derrotar na final ao FC Barcelona.

Na tempada 2021/22 subiu ao Fabril, onde tivo como adestrador de novo a Gilsanz, e afianzouse no centro do campo titular do equipo. O 23 de maio de 2022 debutou co primeiro equipo do Deportivo da Coruña, da man de Borja Jiménez, na derradeira xornada da Primeira División RFEF ante o Unionistas, substituíndo na segunda parte ao capitán Bergantiños. Continuou no filial o resto da campaña e disputou sen éxito a promoción de ascenso á Segunda RFEF.

Con todo, o Fabril conseguiu ascender na seguinte tempada ao proclamarse campión do Grupo I, cun Brais Val que disputou como titular todos os partidos do campionato, regularidade que mantivo na 2023/24, xa na Segunda RFEF. No verán de 2024 decidiu non aceptar a oferta de renovación do club e fichou polo Villarreal B, equipo que viña de descender á Primeira Federación. O seu balance final no Fabril foi dun total de 95 partidos en tres campañas.

No filial do Villarreal apenas contou con protagonismo, con só dúas titularidades e menos de 400 minutos de xogo ao longo da tempada. En xullo de 2025 anunciouse a súa fichaxe polo Arenteiro, da mesma categoría.

Palmarés Fabril Terceira División RFEF (1): 2022/23.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Datos do xogador en LaPreferente.com .

Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 2002 Categoría:Futbolistas de Vigo Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Villarreal CF B Categoría:Xogadores do CD Arenteiro Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes