A ponte da Palabra é unha ponte con piares en forma de V que cruza o río Lérez no barrio de Monte Porreiro na cidade de Pontevedra. Foi inaugurada en 2011 e conecta o barrio de Monte Porreiro coa parroquia de Lérez.

Localización A ponte atópase na parte baixa do barrio de Monte Porreiro, no final da avenida de Bos Aires, a 500 metros da praia do Lérez, río arriba.

Historia O proxecto da construción da ponte da Palabra xurdiu nos anos 2000 da necesidade de comunicar o barrio de Monte Porreiro coa parroquia de Lérez a través dun vial ata a zona da Porta do Sol, moi preto do Mosteiro de San Salvador de Lérez. Ao mesmo tempo pretendíanse mellorar os accesos ao Hospital Montecelo desde a zona norte do municipio e a estrada N-550 ata a N-541 e desconxestionar a circulación na cidade.

A Deputación de Pontevedra convocou o concurso de proxecto e obra no ano 2007. Tras varias vicisitudes a ponte empezouse a construír finalmente en 2010. Foi inaugurada o 30 de decembro de 2011 pola entón Ministra de Fomento Ana Pastor. Converteuse así na sexta ponte da cidade.

O 21 de marzo de 2012, con motivo do día da poesía, a escritora Fina Casalderrey amadriñou un acto no que participaron escolares de Monte Porreiro e de Lérez no que propuxeron que a ponte se chamase ponte da Palabra como mostra de unión simbólica entre eses dous barrios pontevedreses e de concordia, amizade e encontro.

Descrición Trátase dunha ponte con dous conxuntos de piares en forma de V feita de formigón armado. Estes piares non afectan o leito do río, espazo protexido declarado Lugar de Interese Comunitario (LIC) no ano 2000.

A lonxitude total da ponte da Palabra é de 170,48 metros. A viga central, que constitúe o van central da ponte, ten unha anchura de 14,70 metros e unha lonxitude total de 54 metros.

A ponte alberga dous carrís para a circulación de vehículos, un carril bici, dúas beirarrúas para os viandantes, varandas metálicas de cor azul e iluminación. Ten lombos no extremo máis próximo a Monte Porreiro e a velocidade está limitada a 30 quilómetros por hora.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Ponte das Correntes Ponte da Barca Ponte do Burgo Ponte dos Tirantes Ponte de Santiago Ponte de Ponte Sampaio

Categoría:Pontes de Pontevedra Categoría:Río Lérez