Stay Homas é un trío musical catalán que xurdiu como consecuencia do confinamento preventivo para reducir os casos de COVID-19. Os seus integrantes son Klaus Stroink (trompetista en Buhos, Nil Moliner e Horny Section, amais de actor de dobraxe), Guillem Boltó (ex-trombón e ex-cantante en Doctor Prats) e Rai Benet (baixista en Buhos e Nil Moliner). Os tres músicos compartían piso no Eixample de Barcelona dende uns meses antes do confinamento. O nome deriva da expresión inglesa stay home, é dicir, «queda na casa».
Traxectoria
Orixe e inicios A primeira canción, Confainament I, publicouse o 14 de marzo de 2020 na canle de Instagram de Benet. O día seguinte subiron Confainament II dende a conta de Boltó, e a terceire, Del confineo III, dende a de Stroink. A partir de aí, ante o éxito que tiveron, abriron contas co nome do grupo en diferentes redes sociais. As cancións, gravadas na terraza da súa casa, lembran con humor as medidas preventivas para loitar contra a pandemia de Covid-19, a vida illada na casa e a frustración derivada das actividades que xa non se podían realizar. Mesturan diferentes idiomas, entre eles o catalán, o inglés, o castelán e o portugués.
Os membros convidaron decote a outros músicos a colaboraren a través do móbil. Entre eles figuran Judit Neddermann, Sílvia Pérez Cruz, Macaco, Nil Moliner, Manu Chao, Oques Grasses ou Sr. Wilson.
A rápida difusión da súa música polas redes sociais traspasou fronteiras. Fixéronse eco dela medios como a revista The New Yorker, a canle de televisión CNN ou a radio NPR, entre outros. As súas cancións foron versionadas en varias partes do mundo. Michael Bublé adaptou «Gotta be patient» xunto co grupo Barenaked Ladies e a cantante mexicana Sofía Reyes.
Primeiros traballos publicados A principios de xuño publicaron a canción XXIX: Let it out, a última antes dunha parada que coincidiu coa flexibilización das medidas de confinamento en España. Gravaron cinco das súas pezas con calidade de estudio e publicáronas a principios de xullo no EP Desconfination. O grupo anunciou nun vídeo en directo de Instagram que as entradas para o seu primeiro concerto, o 31 de xullo de 2020 na sala Apolo de Barcelona, esgotáronse en só 10 minutos. Ante o éxito, decidiron programar máis concertos.
En decembro de 2020 lanzaron o álbum Agua co selo Sony Music. Dos seus doce temas, seis eran adaptacións de cancións que cantaran na terraza. Stay Homas mantiveron o eclecticismo musical, o multiculturalismo e o multilingüismo que os fixeron famosos.
Para celebraren o seu primeiro aniversario e quentaren motores para a xira estival, o grupo lanzou a partir de mediados de marzo unha segunda quenda de dez cancións. De novo dende a terraza continuaron co seu estilo, esta vez con colaboradores como Rita Payés, Juanito Makandé, Albert Pla ou Rubén Blades.
A xira de Agua A xira de presentación levou á banda a realizar concertos desde maio por todo o Estado. Destacando os directos no Vida Festival (Vilanova i la Geltrú) e Canet Rock (Canet de Mar), que causaron certa polémica pola grande afluencia de público malia as preocupantes estatísticas de contaxio. Tamén destacou o concerto do 4 de novembro en Razzmatazz, que marcou a reapertura da sala principal tras o confinamento.
Discografía
Desconfination (EP, 2020) Agua (LP, 2020)
Premios
Premios ARC 2020: Grupo ou artista revelación Proxecto artístico máis anovador realizado durante o confinamento
Premios Enderrock 2021: Mellor canción pop-rock, «The bright side» (con Oques Grasses) Mellor Artista revelación Mellor directo
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Páxina web oficial de Stay Homas
Categoría:Grupos musicais de Cataluña