Radio La Colifata é unha emisora de radio arxentina que emite en frecuencia modulada. Debe o seu nome á palabra lunfarda «colifato», que significa «tolo que se deixa querer». Posúe a peculiaridade de ser a primeira no mundo dirixida por pacientes dun psiquiátrico. Orixe Crouse o 3 de agosto de 1991 por iniciativa de Alfredo Olivera, aínda estudante de psicoloxía, como parte dunha terapia de recuperación para os pacientes del Hospital Neuropsiquiátrico Dr. José T. Borda. O obxectivo orixinal do programa era fornecerlles aos pacientes, tanto internos como externos, un espazo de autonomía e facilitarlles ferramentas para recuperaren a iniciativa necesaria na súa reinserción ao saíren do internamento. Olivera buscaba:
Os seus inicios No seu formato orixinal, as emisións gravadas cos internos transmitíanse nunha columna especializada na FM comunitaria S.O.S. de San Andrés, provincia de Buenos Aires. Olivera dirixía as sesións de gravación, nas que cada interno tomaba unha gravadora de cinta portátil e falaba libremente do que quixese comunicar. Logo eran editados de maneira artesanal cun sistema de dobre casete en forma de micro-programas de até dous minutos de duración. Os resumos das gravacións convocaron unha ampla audiencia, o que posibilitou que anos despois se reunise o equipo necesario para transmitir desde o mesmo Hospital Borda. Alí é onde se atopa dende entón a emisora.
Os locutores Lalo Mir e Adrián Noriega e o xornalista Nelson Castro captaron este proxecto e colaboraron no seu desenvolvemento transmitindo estes micro-programas nos seus programas radiais.
As transmisións directas desde o hospital realízanse os sábados entre as 14 e as 20 horas (UTC -3). A radio pódese escoitar en directo as 24 horas na páxina de Internet ou na FM 100.3 en Buenos Aires. As seis horas de programación retransmítense en formato de microprogramas que non duran máis de dous ou tres minutos durante a semana en varias emisoras arxentinas, uruguaias e mexicanas.
Os martes de 9:30 a 10:00 (hora local) realízase un dúplex entre La Colifata e Contacto Noriega, un programa presentado por Adrián Noriega que se emite en varias emisoras do país. Tamén se poden realizar visitas os días de transmisión no número 375 da rúa Ramón Carrillo, no barrio de Barracas (Buenos Aires).
Equipamento técnico O equipamento técnico adquiriuse mediante doazóns individuais e dúas subvencións oficiais, unha da Secretaría de Desenvolvemento Social da Nación (1996) e outra do goberno porteño (1997). O seu primeiro transmisor, de fabricación caseira, foi doado polo señor Américo, da radio barrial comunitaria de San Miguel (1992), cunha potencia de só 1 watts. En 1997 a empresa M-31, fabricante de equipamento radial, doou un transmisor de 300 watts, e o programa de televisión Sorpresa y Media, presentado daquela por Julián Weich, facilitou a antena.
Desde 2011 transmite cunha potencia de 10 000 watts. En 2014, con motivo do seu 23° aniversario, estreou nova antena e novo transmisor, cos que deron cobertura a case toda a cidade de Buenos Aires. Foron financiados con recursos do goberno nacional a través da Autoridade Federal de Servizos de Comunicación Audiovisual (AFSCA).
Desde 2015 a súa frecuencia atopábase ilegalmente interferida pola Cadena Vida, emisora que alugaba o sinal a quen tivese un transmisor ilegal, que se atopaba nas torres de Dock Sud. Desde 2016, La Colifata presentou varias denuncias de interferencia fronte ao ENACOM. En 2019, tras 28 anos de labor ininterrompido, o ENACOM concedeulle a licenza definitiva.
O resto do equipo —unha consola mesturadora de 6 canles, equipo de gravación e reprodución de CD, DAT, casetes e discos de vinilo, micrófonos e un Citroën empregado como unidade móbil— proceden de doazóns particulares.
O futbolista Oscar Ruggeri, xunto con Lalo Mir e a ONG Organización Ecológica Utopía, reuniu os fondos para a construción do local do estudo dentro do predio do Hospital Borda. Olivera actuou como enxeñeiro de gravación, coa colaboración de internos e exinternos. Tamén contan con estudos propios dentro do hospital, construídos grazas a unha empresa privada.
Influencia mundial The Coca-Cola Company promoveu Radio La Colifata en España para a bebida isotónica Aquarius.
Outro difusor da emisora foi o cantautor franco-español Manu Chao. Este coñeceu o proxecto a través dos micro-programas realizados na emisora e entregados ao director Carlos Larrondo. Estes formaron parte dunha compilación de grupos musicais da rúa do Barrio Gótico de Barcelona, entre outros, Che Sudaka. O grupo español El Canto del Loco publicou o CD+DVD Radio La Colifata presenta a El Canto del Loco, onde comparten vivencias cos membros do proxecto.
Os membros de La Colifata participaron como extras na película Tetro, de Francis Ford Coppola, e no videoclip dun tema do cantante arxentino Javier Calamaro, incluído no seu disco Este minuto.
En 2007 Radio La Colifata recibiu a Mención Especial dos Premios Konex, outorgados pola fundación homónima arxentina.
No audiovisual LT22 Radio La Colifata (2000), documental francés de 53 minutos dirixido por Pierre Barouger e Chloé Ouvrard. Rompiendo muros (2001), documental dirixido por Alejandra Perdomo. LT22 Radio La Colifata (2008), documental español dirixido por Carlos Larrondo. En 2021 a canle franco-alemá ARTE Reportage publicou un documental sobre a emisora que dá conta do seu alcance terapéutico. Mostra tamén os seus novos proxectos ligados á economía solidaria e sustentábel que permiten que os pacientes creen traballo para si mesmos, á vez que promoven o desenvolvemento das economías rexionais.
Experiencias similares no mundo Varias radios inspiráronse en La Colifata, cada unha adaptada ao seu criterio de traballo e á comunidade na que se atopan.
Radio Nikosia (Barcelona, España) Radio Vilardevoz (Montevideo, Uruguai) Radio Travesías (Marbella, España) Podemos Volar (San José, Costa Rica) Les Z'entonnoirs (Roubaix, Francia) Radio Diferencia (Valparaíso, Chile) Radio Estación Locura (Santiago, Chile) Radio Radiola (Tandil, Arxentina) Radio Total Normal (Estocolmo, Suecia) Radio Citron (París, Francia) Radio Descosidos (Lima, Perú)
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Sitio oficial LT22 radio La Colifata Sitio oficial. La Colifata! Streaming de La Colifata
Categoría:Emisoras de radio
Categoría:Psiquiatría Categoría:Cultura da Arxentina