A adenosín difosfato ribosa (ADPR ou ADP ribosa) é un éster formado entre unha ribosa e o último fosfato do ADP (que á súa vez contén outra ribosa). O ADPR fórmao o encima poli ADP ribosa polimerase. Este encima detecta as roturas de febra simple do ADN danado, únese a elas e crea neses puntos unha cadea polimérica de ADPR, o que marca o ADN para a súa reparación; despois da reparación estas cadeas de ADPR son eliminadas. O ADPR créase tamén a partir da ADP-ribosa cíclica (ADPRc) polo encima CD38 usando o dinucleótido de nicotinamida e adenina (NAD+) como cofactor.

O ADPR únese e activa a canle iónica TRPM2. O ADPR é o agonista máis potente da canle TRPM2. O ADPRc tamén se une ao TPRM2 e a acción de ambas as moléculas é sinérxica, xa que cada unha das moléculas potencia a acción da outra na activación desta canle.

A toxina diftérica bloquea a síntese de proteínas por tansferencia de ADP-ribosa desde o NAD+ a un residuo do aminoácido especial diftamida do EEF2, que é un factor proteico necesario para a síntese de proteínas eucariota.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Adenosín difosfato ADP-ribosilación Ribosa

Categoría:Nucleótidos Categoría:Organofosfatos