O factor intrínseco (IF), factor intrínseco que se une á cobalamina, ou factor intrínseco gástrico (GIF) é unha glicoproteína producida no estómago humano polas células parietais ou no estómago de ratos polas células principais. É un factor necesario para a absorción da vitamina B12 no íleo distal do intestino delgado. Nos humanos a proteína factor intrínseco gástrico está codificada polo xene CBLIF do cromosoma 11. A haptocorrina (transcobalamina I) é outra glicoproteína segregada polas glándulas salivares que se une á vitamina B12. A vitamina B12 é sensible aos ácidos e ao unirse á haptocorrina pode pasar indemne a través do ambiente ácido do estómago e chegar ao duodeno.

No ambiente menos ácido do intestino delgado, primeiro os encimas pancreáticos dixiren a glicoproteína transportadora da vitamina B12 haptocorrina, polo que a vitamina queda libre e pode agora unirse ao factor intrínseco. Este novo complexo é despois absorbido por endocitose polas células epiteliais (enterocitos) do íleo. Dentro das células, a vitamina B12 disóciase de novo e únese a outra proteína, a transcobalamina II; o novo complexo pode entón saír dos enterocitos e ser transportada ao fígado.

Sitio de secreción O factor intrínseco segrégano as células parietais da mucosa do estómago humano, polo que está presente no zume gástrico e na mucosa gástrica. O pH óptimo para esta acción é de aproximadamente 7. A súa concentración non se correlaciona coa cantidade de ácido clorhídrico ou pepsina do zume gástrico; por exemplo, o factor intrínseco pode estar presente mesmo cando a pepsina está practicamente ausente. O sitio de formación do factor intrínseco varía en diferentes especies. En porcos obtense do píloro e parte inicial do duodeno; en seres humanos atópase no fondo e no corpo do estómago.

A cantidade limitada de factor intrínseco gástrico humano normal limita a eficiencia de absorción normal de vitamina B12 a uns 2 μg por comida, unha captación nominalmente adecuada de vitamina B12.

Insuficiencia

Na anemia perniciosa, que adoita ser unha enfermidade autoinmune, os autoanticorpos xerados dirixidos contra o factor intrínseco ou as propias células parietais orixinan unha deficiencia de factor intrínseco, unha mala absorción de vitamina B12 e anemia megaloblástica. A gastrite atrófica pode tamén causar deficiencia de factor intrínseco e anemia por danos nas células parietais da parede estomacal. A insuficiencia pancreática exócrina pode interferir coa disociación normal de vitamina B12 das proteínas ás que está unida no intestino delgado, impedindo a súa absorción por medio da formación dun complexo persistente co factor intrínseco. Outros factores de risco que contribúen á anemia perniciosa son calquera cousa que dane ou elimine unha parte das células parietais da parede gástrica, como a cirurxía bariátrica, tumores gástricos ou úlceras gástricas.

As mutacións no xene que codifica o factor intrínseco son responsables dunha rara doenza herdable chamada deficiencia de factor intrínseco, que ten como resultado a mala absorción de vitamina B12.

Tratamento

Na maioría dos países utilízanse inxeccións intramusculares de vitamina B12 para tratar a anemia perniciosa. Administrada oralmente a vitamina B12 sen a presenza de factor intrínseco só se absorbe a un nivel de menos do 1% do que se absobería con factor intrínseco. Malia as pequenas cantidades absorbidas, a terapia oral de vitamina B12 é efectiva para reducir os síntomas da anemia perniciosa. A vitamina B12 pode tamén administrarse por vía sublingual, pero non hai evidencias de que esta ruta de administración sexa superior á ruta oral, e só no Canadá e Suecia se prescribe esta vía de administración de rutina.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas

Categoría:Hematoloxía Categoría:Estómago Categoría:Glicoproteínas