Un regulador do crecemento dos insectos (RCI) é unha substancia química que inhibe o ciclo vital dun insecto. Utilízanse como insecticidas para controlar poboacións de insectos daniños, como cascudas e pulgas.
Vantaxes Moitos destes reguladores están etiquetados como que teñen un "risco reducido" por algunhas axencias gobernamentais, como a Axencia de Protección Ambiental (EPA) dos EUA, o que significa que afectan a poboacións de insectos xuvenís daniños, mentres que causan menos efectos prexudiciais aos insectos beneficiosos. Moitos apicultores informaron que os reguladores do crecemento de insectos afectan negativamente ás larvas das abellas. A diferenza dos insecticidas clásicos, os RCI non afectan o sistema nervioso do insecto e son así máis inocuos cos "insectos traballadores" dentro de ambientes pechados. Os RCIs son tamén máis compatibles cos sistemas de xestión de pragas que usan controis biolóxicos. Ademais, aínda que os insectos se fan resistentes a moitos insecticidas, é menos probable que adquiran resistencia a RCIs.
Mecanismo de acción
A medida que un insecto crece, muda, forma un novo exoesqueleto baixo o antigo e despréndese do vello para permitir que o novo se expanda e adquira o novo tamaño antes de endurecer. Os RCIs impiden que un insecto chegue á madurez ao interferir co proceso de muda. Isto fai declinar as infestacións porque os insectos inmaturos non se poden reproducir. Como estes RCIs funcionan interferindo co proceso de muda, matan os insectos máis lentamente que os insecticidas tradicionais. A morte adoita ocorrer en de 3 a 10 días, dependendo do produto RCI, o estadio de vida que ten o insecto no momento en que se aplica o produto e o rápido que se desenvolve o insecto. Algúns RCIs causan que o insecto pare de alimentarse moito antes de que morra.
RCIs hormonais
Os RCIs hormonais funcionan tipicamente imitando ou inhibindo a hormona xuvenil, unha das dúas maiores hormonas que afectan a muda. Os RCIs poden tamén inhibir outra hormona, a ecdisona, cuxos niveis elevados desencadean a muda do insecto. Se está presente a hormona xuvenil no momento da muda, o insecto muda orixinando unha forma larval grande; se está ausente, muda nunha pupa ou adulto. Os RCIs que imitan a hormona xuvenil poden producir unha muda prematura en estadios xoves inmaturos, alterando o desenvolvemento larval. Poden tamén actuar sobre os ovos, causando esterilidade, alterando o comportamento ou interferindo na diapausa, o proceso que causa que o insecto quede dormente antes do inverno. Os RCIs que inhiben a produción de hormona xuvenil poden causar que o insecto mude prematuramente dando un adulto non funcional. Os RCIs que inhiben a ecdisona poden causar unha mortalidade pupal ao interromperen a transformación de tecidos larvais en tecidos adultos durante o estadio pupal.
Inhibidores da síntese de quitina
Os inhibidores da síntese de quitina funcionan impedindo a formación de quitina, un carbohidrato necesario para formar o exoesqueleto do insecto. Con estes inhibidores un insecto medra normalmente ata que muda. Os inhibidores impiden que se forme o novo exosesqueleto axeitadamente, causando que o insecto morra. A morte pode ser rápida, ou tardar varios días dependendo do insecto. Os inhibidores da síntese de quitina poden tamén matar os ovos ao alterar o desenvolvemento embrionario normal. Os inhibidores da síntese de quitina afectan os insectos por períodos de tempo máis longos que os RCIs hormonais. Estes son tamén máis rápidos á hora de actuar pero poden afectar a insectos predadores, outros artrópodos e mesmo peixes. Entre estes compostos están os pesticidas de benzoilurea.
Exemplos
Inhibidores da síntese de quitina Diflubenzurón (Vigilante), unha benzoilurea Triflumurón (Starycide), outra benzoilurea
Xuvenoides Os xuvenoides imitan a hormona xuvenil e tamén se chaman análogos da hormona xuvenil: Fenoxicarb (Varikill, Insegar, Logic) Hidroprene (Gentrol) Metoprene (Precor) Piriproxifén (Nyguard, Nylar, Sumilarv)
Outros Azadiractina (AzaGuard) – 20E e antagonistas da hormona xuvenil, entre outros, con accións non relacionadas co crecemento.
Notas
Categoría:Insecticidas