María Suceso Portales Casamar, nada en Zahínos (Badaxoz) o 4 de marzo de 1904 e finado en Sevilla o 23 de xaneiro de 1999, foi unha anarcofeminista estremeña. Destacou por participar en Mujeres Libres, organización dedicada á liberación das mulleres, e sobre todo na revista homónima. Ademais militaba en Juventudes Libertarias e na Confederación Nacional do Traballo. Traxectoria Traballou como modista e desde 1934 estivo activa no movemento anarcosindicalista. En 1936 colaborou no proceso da colectivización e participou no periódico Mujeres Libres. Cando estalou a Guerra Civil Española trasladouse a Guadalaxara, onde foi propagandista e asesora do campesiñado. Portales consideraba a guerra «un momento de dobre ruptura: da erradicación do "privilexio de clase" e da supremacía da "civilización masculina"». O 20 de agosto de 1937 participou no I Congreso de Mulleres Anarquistas Confederadas e na organización da Granxa-Escola Sant Gervasi. En outubro dese ano tamén participou na Conferencia Nacional de Mujeres Libres en Barcelona.Destacou a participación de Suceso Portales na prensa, no periódico da agrupación. No artigo «Necesitamos una moral para los dos sexos» plasma os ideais de Mujeres Libres. Chegou a expresar nunha das editoriais:

O fin da guerra en 1939 sorprendeuna no porto de Alacant, de onde conseguiu fuxir xunto a outras 183 persoas a Gran Bretaña a bordo do Galatea, pensando que meses máis tarde se retomaría a confrontación en España. Estabeleceuse un tempo no fogar da familia Peggy Spencer, en Londres, onde participou en diversas publicacións libertarias e contactou cos resistentes do interior. En Londres participou en todas as manifestacións que se organizaban contra o franquismo (entre elas as que tiveron lugar durante as visitas dos ministros Fernando María Castiella en 1960 e Manuel Fraga en 1963).

En 1962 contactou con antigas compañeiras libertarias exiliadas en Francia e volveron editar o periódico Mujeres Libres, portavoz da Federación do Movemento Libertario Español no exilio. Lanzaron unha edición especial denominada Mujeres Libres en el Exilio. En 1972 instalouse en Montadin, onde vivía Sara Berenguer, e encargouse da edición da revista até 1976.

Tras a morte de Francisco Franco volveu a España e organizou, xunto con Saturnino Mauricio, a CNT. Na década de 1980 instalouse en Novelda e colaborou na reconstrución de Mujeres Libres. O último acto no que participou foi en 1996, no 60º aniversario da fundación de Mujeres Libres. Posteriormente mudouse a Sevilla, onde morreu con 94 anos o 23 de xaneiro de 1999.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Suceso Portales no sitio web da CNT de Puerto Real

Categoría:Nados na provincia de Badaxoz Categoría:Anarquistas de España Categoría:Feministas de España Categoría:Exiliados do franquismo Categoría:Nados en 1904 Categoría:Finados en 1999 Categoría:Anarcosindicalistas Categoría:Anarcofeministas