Ephippiorhynchus asiaticus é unha especie de cegoña alta e de pescozo longo e negro que vive no subcontinente indio e sur de Asia cunha poboación separada en Australia. Vive en hábitats de zonas húmidas e preto de campos de certos cultivos como o arroz e trigo onde procura comida capturando unha ampla variedade de presas. As aves adultas de ambos os sexos teñen un pesado peteiro e debuxos de cor branca e negra iridescente, pero hai un dimorfismo sexual na cor do iris do ollo, que nas femias é amarelo e nos machos é escuro. É unha das poucas cegoñas fortemente territorial cando se alimenta e reproduce.

Taxonomía e sistemática

miniatura|Macho en Darwin, Australia. Describiuna por primeira vez John Latham co nome Mycteria asiatica, pero despois foi situada no xénero Xenorhynchus baseándose na súa morfoloxía. Atendendo ás súas semellanzas de comportamento, Kahl suxeriu situar a especie no xénero Ephippiorhynchus, que daquela contiña unha soa especie, a cegoña africana Ephippiorhynchus senegalensis. Esta clasificación destas dúas cegoñas no mesmo xénero foi despois apoiada por datos osteolóxicos e comportamentais, así como datos de hibridación ADN-ADN e do citocromo b. Os xéneros Xenorhynchus e Ephippiorhynchus foron ambos creados ao mesmo tempo, e como primeiro revisor, Kahl seleccionou o segundo como o xénero válido para estas dúas especies. As dúas especies deste xénero son as únicas cegoñas que teñen un marcado dimorfismo sexual na cor do iris ocular.

Recoñécense dúas subespecies: E. a. asiaticus, propia da rexión oriental, e E. a. australis, do sur de Nova Guinea e Australia. Charles Lucien Bonaparte creou o xénero Xenorhynchus en 1855 e situou dúas especies nel: X. indica e X. australis. Este tratamento foi seguido en traballos posteriores, pero James Lee Peters na súa obra de 1931 tratounas como subespecies. En 1989, McAllan e Bruce propuxeron elevalas outra vez ao nivel de especie, e usando o novo xénero Ephippiorhynchus de Kahl chamáronlles: E. asiaticus á oriental e E. australis á de Australia e Nova Guinea. Esta recomendación estaba baseada na distribución separada de ambas e en diferenzas na coloración iridescente do pescozo que os autores suxerían que podería reflectir diferentes comportamentos de exhibición. Porén, esta recomendación non se adoptou e os posteriores estudos non atoparon diferenzas consistentes nas cores. As análises das secuencias do citocromo b mitocondrial si atoparon diverxencias xenéticas significativas. A distancia xenética medida entre unha cegoña que se supuña era unha Ephippiorhynchus asiaticus asiaticus e un individuo confirmado de E. a. australis era do 2,1%, moito maior que as distancias xenéticas entre cegoñas individuais da mesma especie. Aínda así, o tratamento conservador como dúas subespecies foi o seguido na lista australiana de fauna de Christidis e Boles.

Nun traballo lexicolóxico propúxose como nome desta especie en galego xabirú asiático.

Descrición miniatura|Femia adulta en voo no río McArthur no Territorio do Norte de Australia. É unha ave grande de 129–150 cm de altura cunha envergadura de 230 cm. O único peso publicado para esta especie foi o dun só espécime de 4100 g, pero iso é case un 35% menor que a masa media do seu conxénere africano de tamaño similar e moi relacionado E. senegalensis. Por tanto, este espécime medido podería estar no extremo máis baixo do seu intervalo de tamaños ou quizais algo malnutrido. O deseño da plumaxe é moi rechamante, e os exemplares novos son distintos dos adultos. Os adultos teñen unha cabeza, pescozo, plumas de voo secundarias e cola iridescentes negro azuladas brillantes; un píleo marrón cobrizo; un dorso e ventre brancos brillantes; peteiro negro cun bordo superior lixeiramente cóncavo; e patas vermellas brillantes. Os sexos son idénticos excepto en que o iris das femias adultas é amarelo e o dos machos adultos é marrón. Os exemplares novos antes dos seis meses teñen un iris de ton marrón; un peteiro claramente menor e máis recto; unha aparencia acolchada; cabeza, pescozo, parte superior do dorso, ás e cola marróns; ventre branco; e patas negras. Pero cando teñen máis de seis meses presentan unha aparencia xaspeada especialmente na cabeza e pescozo onde a se desenvolve parcialmente iridescencia; primarias externas marróns escuras; primarias internas brancas que forman unha mancha a modo de ombreiro cando as ás están pechadas; un peteiro pesado idéntico en tamaño ao dos adultos pero aínda máis recto; e patas de rosa claro a rosa escuro. Igual que a maioría das cegoñas, esta especie voa co pescozo estendido, non retraído como unha garza. En voo parece longa e delgada e unha barra negra percorre as ás brancas (parecéndose algo á cegoña negra migratoria, pero esta ten toda a á negra) con pescozo e cola negros que a fan distintiva. miniatura|Femia co iris amarelo.

Distribución e hábitat

Na India a especie vive no oeste, terras altas centrais e chairas ganxéticas do norte estendéndose cara ao leste polo val de Assam, pero é rara na India peninsular e Sri Lanka. É ocasional no sur e leste de Paquistán, e está confirmada como especie reprodutora nas terras baixas centrais de Nepal. Espállase polo sueste asiático, por Nova Guinea e a metade norte de Australia. Comparada con outras aves acuáticas grandes como as grúas, cullereiros e outras especies de cegoñas, o E. asiaticus é menos abundante en lugares que teñen unha gran diversidade de aves acuáticas grandes.

A poboación máis grande desta especie está en Australia, onde se encontra desde o río Ashburton, preto de Onslow, Australia Occidental, a través do norte de Australia ata o noroeste de Nova Gales do Sur. Esténdese polo interior na área de Kimberley ata o sur de Halls Creek; no Territorio do Norte ata Hooker Creek e Daly Waters; e en Queensland ata a área de Boulia e a fronteira con Nova Gales do Sur, con algúns rexistros polo sur ata as chairas do noroeste de Nova Gales do Sur, ao longo da costa de Sidney e anteriormente reproducíanse preto do río Shoalhaven. É rara ao longo do extremo sueste da súa área de distribución, pero común polo norte. Estímase que hai unhas 1800 na rexión dos ríos Alligator do Territorio do Norte, cun número global baixo durante as inspeccións realizadas en todas as estacións. Unha combinación de inspeccións aéreas e de recontos en terra na zona media da chaira de inundación do río Fly en Papúa-Nova Guinea estimou 317 (decembro de 1994) e 249 exemplares (abril de 1995).

A maior poboación reprodutora coñecida localízase nas terras principalmente agrícolas do sueste de Uttar Pradesh na India. Estimáronse densidades duns 0,099 exemplares por quilómetro cadrado nesta rexión constituída por un mosaico de campos cultivados e zonas húmidas. Atopáronse seis parellas nos 29 km2 do Parque Nacional de Keoladeo. Observouse unha parella reprodutora no distrito de Bhagalpur, no oeste de Bihar.

En Sri Lanka, a especie é un residente reprodutor raro, con 4-8 parellas reprodutoras no Parque Nacional de Ruhuna. É moi rara e posiblemente xa non se reproduce en Bangladesh e Tailandia.

Busca comida en diversos hábitats húmidos naturais e artificiais. Frecuentemente usa hábitats de zonas húmidas de auga doce naturais como lagos, lagoas, marismas, pradeiras inundables, meandros abandonados, pantanos, ríos e prados húmidos. Os hábitats de auga doce artificiais que usa inclúen terras en barbeito inundadas e campos de arroz, campos de trigo húmidos, lagoas de almacenamento para a rega e canles, pozas de augas residuais e chairas de inundación secas. Un pequeno número de exemplares pode verse en zonas húmidas costeiras da India, incluíndo regatos de mangleirais e marismas. En áreas cultivadas prefiren as zonas húmidas naturais para buscar comida, aínda que usan preferentemente campos de arroz asolagados durante o monzón, probablemente debido á inundación excesiva de lagos e lagoas. Fai os niños normalmente nas árbores localizadas en sitios apartados das grandes marismas ou en campos cultivados como na India e terras baixas do Nepal.

Comportamento e ecoloxía

Esta gran cegoña fai unha exhibición parecida a unha danza. Unha cegoña ponse en fronte da súa parella, ambas estenden as ás e axitan as puntas das ás rapidamente adiantando as cabezas ata que as xuntan. Entón repenican batendo as dúas metades do peteiro e sepáranse. A exhibición dura un minuto e poden repetila varias veces.

A construción dos niños na India comenza durante o momento álxido do monzón e a maioría dos niños inícianse en setembro-novembro e uns poucos máis tarde ata como máximo xaneiro. Aniñan en grandes árbores, ás veces illados en grandes marismas ou en terreos agrícolas, nos que constrúen unha plataforma. Nos terreos agrícolas as alteracións humanas poden causar que os adultos nidificantes abandonen os niños nalgúns lugares, pero noutros lugares nidifican con éxito. O niño é grande, de 0,9 a 1,8 metros de ancho e está feito de paus, ramiñas e forrado con xuncos, plantas acuáticas e por veces lama nas beiras. Poden reutilizar os niños ano tras ano. A deitada de ovos normal é de catro ovos que son de cor branca apagada e de forma oval, pero pode variar desde un a cinco ovos. O período de incubación exacto non se coñece pero sospéitase que é duns 30 días. Os polos fan eclosión con penuxe branca que é substituída por outra gris escura no pescozo nunha semana. As plumas escapulares saen primeiro, seguidas das primarias. Os paxaros novos que xa adquiriron a plumaxe adulta fan un son como un chac seguido dunha chamada repetida ui-ui-ui, que ten unha calidade de ventrílocuo. As aves adultas fan quendas no niño e cando un torna ao niño para substituír o outro, realizan unha exhibición de saúdo coas ás abertas e un movemento da cabeza arriba e abaixo. Os adultos traen a comida para os pitos, regurxitándoa sobre a plataforma do niño. Os adultos deixan de alimentar as crías no niño e empezan a mostrar agresión cara a eles cando estes teñen 3 ou 4 meses de idade. Os exemplares novos poden permanecer preto do niño durante un ano, pero dispérsanse axiña. O normal é que nun niño exitoso cheguen a adquirir a plumaxe adulta dun a tres pitos, pero fano ata cinco en anos con moitas chuvias. O número de parellas de cegoñas que crían con éxito, e a media de tamaño dos pitos con plumaxe adulta están fortemente relacionados coas chuvias do monzón e posmonzón, aumentando nos anos con máis chuvias.

En Bharatpur, nas árbores onde nidifican, que son normalmente altas con grandes troncos e larga copa, estas aves competían cos voitres Gyps bengalensis e ás veces non conseguían nidificar por mor dos voitres. Aínda que moitas das especies de aves das zonas húmidas son espaventadas polas aves de presa, estas cegoñas normalmente non se senten intimidadas e poden ser bastante agresivas con outras aves acuáticas grandes como garzas e grúas. Os adultos defenden agresivamente pequenas depresións de augas profundas contra garzotas e garzas (en Malabanjbanjdju no Parqaue Nacional de Kakadu, Australia), e partes secas da zona húmida contra aves acuáticas como os cullereiros e outras especies de cegoñas (no Parque Nacional de Dudhwa, Uttar Pradesh, India).