Mercè Comaposada i Guillén, nada en Barcelona o 14 de agosto de 1901 e finada en París o 11 de febreiro de 1994, foi unha pedagoga e activista anarquista española. Xunto con Lucía Sánchez Saornil e Amparo Poch y Gascón, fundou a organización Mujeres Libres, cunha importante participación na revolución social española de 1936.
Traxectoria Filla de Josep Comaposada, un zapateiro socialista, criouse nun ambiente militante e cultivado, e aprendeu mecanografía aos doce anos. Da nai, porén, non se coñecen datos.
Abandonou os estudos moi nova para traballar como montadora nunha empresa de produción cinematográfica. Máis tarde afiliouse ao Sindicato de Espectáculos Públicos de Barcelona, pertencente á Confederación Nacional do Traballo.
Pouco despois marchou a Madrid para realizar estudos de Dereito, con Antonio Machado e José Castillejo como profesores. Tamén se formou como pedagoga co fin de ensinar a outras mulleres. Nesta etapa coñeceu a Lucía Sánchez Saornil, con quen tivo a idea de crear un grupo de mulleres específico no ámbito do movemento libertario. Ambas «ensinaran en cursos de instrución elemental para obreiros e obreiras, promovidos pola CNT de Madrid nos anos 30. Porén, viron necesario realizar formacións específicas para as mulleres debido á misoxinia e aos prexuízos existentes».
Mujeres Libres En abril de 1936, xunto a Lucía Sánchez Saornil e Amparo Poch y Gascón, fundou a organización feminista Mujeres Libres. Xunto coa Confederación Nacional do Traballo, a Federación Ibérica de Juventudes Libertarias e a Federación Anarquista Ibérica, foi unha das principais organizacións do movemento libertario español.
A organización medrou axiña e chegou a superar as 20.000 integrantes obreiras e labregas da zona republicana en 1938.
A propia Mercé viaxara a Barcelona cos estatutos dunha Federación Nacional. Buscaba un grupo de mulleres que formara a Agrupación Cultural Feminina un tempo antes. A maioría eran membros da CNT e de organismos como os ateneos e as Juventudes Libertarias. O obxectivo era comunicarlles que xa se formara unha organización similar, e pediulles que se unisen a elas.
En maio de 1936 publicouse o primeiro número de Mujeres Libres, a revista anarcofeminista que xurdiu da organización homónima. O obxectivo da publicación, que seguiu activa até 1938, era, segundo afirmaba o primeiro número:
Nos 12 números publicados colaboraron mulleres como Federica Montseny, Emma Goldman, Lucía Sánchez Saornil, Mary Giménez ou Carmen Conde. O seu compañeiro Baltasar Lobo, escultor a quen coñeceu en 1933, traballou na revista como ilustrador. Máis tarde, entre 1964 e 1978, volveuse editar noutras cidades e por outras persoas, na súa maioría mulleres. miniatura|Primeiro exemplar de Mujeres Libres Cando se produciu o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 volveu a Barcelona. Alí uniuse a outro grupo de mulleres, con quen colaborou na creación dunha nova federación nacional.
Traxectoria tardía Malia a súa fráxil saúde, nunca deixou de lado o seu labor de educadora e as súas colaboracións coa prensa libertaria. Nos primeiros anos da Segunda República española colaborou en numerosos títulos da prensa libertaria. Escribiu sobre todo para Tierra y Libertad (editado pola Federación Anarquista Ibérica), Mujeres Libres (do que foi redactora xefa durante a revolución social española de 1936) e Tiempos Nuevos. Neste último tivo unha sección na que trataba temas como a medicina e a sexualidade, entre outros.
Tras a derrota, viuse obrigada a exiliarse a París xunto co seu compañeiro, Baltasar Lobo. Ficaron baixo a protección de Pablo Picasso, para quen traballou como secretaria. Tamén realizou numerosas traducións de autores casteláns, sobre todo de Lope de Vega, e exerceu como representante da obra artística do seu compañeiro. Durante os anos 60 e 70, desde París, continuou a colaborar coas publicacións Mujeres Libres, Tierra y Libertad e Tiempos Nuevos, e uniuse a outras, como Ruta e Umbral. Tras a morte de Franco considerou escribir un libro de características descoñecidas, aínda que se sabe que pediu ás veteranas cartas nas que escribisen a súa experiencia persoal. Elaborou un manuscrito que, tras a súa morte, desapareceu xunto coa documentación.
Morreu o 11 de febreiro de 1994 en París.
Obra Á parte dos seus numerosos artigos de prensa, publicou varias obras, algunhas delas baixo o nome de Mercedes Guillén.
Esquemas (1937) Las mujeres en nuestra revolución (1937) La ciencia en la mochila (1938) Conversaciones con los artistas españoles de la Escuela de París (1960, como Mercedes Guillén) Picasso (1973, como Mercedes Guillén) Picasso con los exiliados (2023, como Mercedes Guillén)
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Feministas de Cataluña Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Nados en 1901 Categoría:Finados en 1994 Categoría:Anarquistas de Cataluña Categoría:Anarcosindicalistas Categoría:Anarcofeministas