miniatura|O título foi incluído na Biblioteca Galega 120, co número 32. As crónicas do sochantre é un libro de Álvaro Cunqueiro publicado en 1956 por Editorial Galaxia. A obra xunta varias historias de misterio e crime. Está ambientada nos tempos da Primeira República Francesa, e narra as viaxes do sochantre de Pontivy polos camiños da Bretaña acompañado dunha comitiva de finados contadores de historias.

Trama

Charles Anne de Crozón é un home bretón, de finais do século XVIII. Logo de aprender a tocar o bombardino, pasou a ser o sochantre de Pontivy, e como tal, adoita tocar nos servizos relixiosos. Un día de 1793 é chamado para ir tocar no enterro dun veciño de Quelven. Ao saír de mañanciña da súa vila, dinlle que debe subir a unha carroza con outras persoas que tamén van ao enterro.

Ao pouco de partiren, descobre que os cinco acompañantes son cadáveres de persoas falecidas: Coulaincourt de Bayeux (un coronel aforcado), Guy Parbleu (queimado na fogueira), Jean Pleven (un escribán aforcado), Clarina de Saint-Vaast (unha muller envelenada) e monsieur de Nancy. A carroza está tirada por tres cabalos mortos.

Logo do susto inicial, vai collendo confianza con eles. Ao chegar a noite, os corpos perderon as súas carnes, quedando só os esqueletos. E nunha parada da carruaxe, os mortos comezan a contar as súas historias. Ao proseguir a viaxe, que se ve delongada, vense envoltos nunha batalla da Revolución Francesa, e fan unha particular representación de Romeu e Xulieta.

O sochantre, á fin, toca para o fidalgo de Quelven, pero vese envolto nunha lea amorosa co seu esqueleto, e remata correndo escapando del. Finalmente, chega de regreso á súa casa, logo de tres anos de viaxe.

Narración A obra está contada en terceira persoa. Hai numerosas descricións, tanto do espazo como da fisionomía das persoas e as súas roupas.

Estrutura Comeza cunha introdución sobre a terra da Bretaña e outra sobre o personaxe do sochantre. A acción está dividida en catro partes: "A carroza" (4 capítulos), "As historias" (7), "Os viaxes" (4 capítulos, incluíndo a representación da obra de teatro, e unha parte final.) A seguir, hai dous apéndices: o Dramatis personae e unha noticia sobor dun personaxe secundario.

Edicións Foi editado por vez primeira en agosto de 1956 por Editorial Galaxia, coa portada deseñada por Ignacio Suárez Llanos e ilustracións de Xohán Ledo,Edición en Galiza durante a etapa franquista Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega, UDC. adicado a Francisco Fernández del Riego. A editorial publicouno posteriormente na colección Narrativa. En 2002 fíxose unha edición para a Biblioteca Galega 120 de La Voz de Galicia, e en 2004 apareceu na Biblioteca Álvaro Cunqueiro.

Traducións Ao castelán polo propio autor co título de Las crónicas del Sochantre publicado en 1959 por Editorial Destino, recibindo a obra o Premio da Crítica de narrativa castelá en 1960. Ao italiano por Giovanni Allegra co título de Cronache di un maestro di coro publicado en 1983 por Jaca Book, Col. Jaca letteraria. Ao francés por Claude Bleton co título de Les Chroniques du Sous-chantre publicado en 1992 por Actes Sud, Col. Lettres hispaniques. Ao alemán por Elke Wehr co título de Die Chroniken des Kantors publicado en 1996 por Suhrkamp Verlag. Ao asturiano por Milio Rodríguez Cueto co título de Les cróniques del sochantre publicado en 1999 por VTP na colección Kêr ar mor.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Ficha na páxina web da editorial.

Categoría:Obras literarias de 1956 Cronicas do sochantre Categoría:Obras literarias de Álvaro Cunqueiro Categoría:Editorial Galaxia