Os receptores de glicocorticoides de membrana (mGRs) son un grupo de receptores que se unen e son activados por glicocorticoides como o cortisol e a corticosterona, así como por certos glicocorticoides exóxenos, como a dexametasona. A diferenza do clásico receptor de glicocorticoides (GR ou GCR) citosólico, que actúa no núcleo e exerce os seus efectos por medio de mecanismos xenómicos, os mGRs son receptores da superficie celular que alteran rapidamente a sinalización celular pola modulación das fervenzas de transdución de sinais intracelulares. As identidades dos mGRs aínda non se dilucidaron completamente, pero pénsase que comprenden os receptores de glicocorticoides asociados á membrana así como outros receptores acoplados á proteína G (GPCRs) aínda non caracterizados. Os rápidos efectos da dexametasona non se poden reverter co antagonista do GR mifepristona, o que indica que hai máis receptores á parte dos GR clásicos.

Os mGRs foron implicados nos efectos rápidos dos glicocorticoides na resposta ao estrés temperá do sistema nervioso central por medio da modulación da actividade neuronal no hipotálamo, hipocampo, amígdala e córtex prefrontal, entre outras áreas. En consecuencia, os glicocorticoides afectan a cognición, comportamento adaptativo ao estrés e produción neuroendócrina (por exemplo, supresión da secreción de oxitocina e vasopresina) en cuestión de minutos. Os mGRs parecen estar en parte implicados nos efectos antiinflamatorios e inmunosupresores dos glicocorticoides. Os mGRs están presentes en moitos sistemas corporais e órganos e parecen regulalos, incluíndo o sistema cardiovascular, inmunitario, endócrino, nervioso, músculo liso, músculo esquelético, fígado e tecido adiposo. Os mGRs parece que cooperan, se complementan e sinerxizan cos GR nucleares clásicos de varias maneiras.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Receptor de esteroides de membrana Receptor de glicocorticoides (citosólico/nuclear)

Categoría:Receptores acoplados á proteína G Categoría:Receptores