A praia de Praceres ou praia da Posta é unha praia galega situada no municipio de Pontevedra, na provincia de Pontevedra. É unha praia marítima semiurbana cunha lonxitude de 50 metros.
Localización e acceso A praia está localizada na parroquia civil de Lourizán na marxe esquerda da ría de Pontevedra, a 4 quilómetros da cidade e a menos dun quilómetro do barrio de Estribela. Atópase entre os estaleiros do porto e o cabo dos Praceres.
Historia A finais do século XIX durante o verán a vida social de Pontevedra víase animada por turistas e veraneantes que se trasladaban ás praias dos arredores da cidade, e en especial á praia dos Praceres que foi a praia de moda no período da Restauración e que estaba unida á cidade por tranvía.
A principios do século XX á dereita da praia na punta do Cabo no istmo dos Praceres inaugurouse en 1902 o Gran Hotel de Baños de Mar de Los Placeres, propiedade de Eugenio Montero Ríos que acollía a invitados e veraneantes e que en 1918 tras a súa morte, foi doado polo seu fillo Avelino Montero ás relixiosas do Sagrado Corazón e que se converteu no Colexio Sagrado Corazón de Praceres.
Na primavera de 1936 os anuncios de prensa centrábanse en publicitar para o turismo hoteis, restaurantes, casas de baño e a praia dos Praceres, para a que o servizo de tranvía ofertaba bonos de 10 viaxes de ida e volta a 4,25 pesetas. Na sociedade clasista da época no verán eran famosos os baños na praia de Praceres. Ata mediados de século XX a praia presentou un aspecto salvaxe.
O 19 de maio de 1947 aprobouse o proxecto de construción dunha estrada ao longo da ría de Pontevedra, entre Pontevedra e Os Praceres. As obras desta estrada, que comezaron en 1949 e finalizaron en 1955, modificaron totalmente a zona ateigándoa con recheos, o que afectou tamén á praia que quedou reducida. En 1969 completouse a estrada con catro carrís de circulación e inaugurouse como autovía o 8 de agosto de 1969.
O 28 de xuño de 2023 o Estado desafectou a praia do porto xa que era innecesaria para a actividade portuaria e incorporouse ao réxime xeral de dominio público marítimo-terrestre.
Descrición É unha praia practicamente rectilínea e chaira situada nunha contorna semiurbana. Trátase dunha praia marítima de area branca e fina con fronte á ría de Pontevedra. Ten unha orientación noroeste.
Atópase situada moi preto da autovía PO-11 e é unha praia de augas tranquilas que ten vistas á ría e á illa de Tambo. Dispón de duchas e establecemento de bebidas.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Ría de Pontevedra Praia do Lérez Paseo marítimo de Pontevedra
Ligazóns externas Praia dos Praceres na páxina web Spain info Praia dos Praceres na páxina web InSpain Praia da Posta dos Praceres na páxina web MapCarta
Praceres Categoría:Turismo en Galicia