Jesús Maraña Marcos, nado en Sahagún (provincia de León) en 1961 é un xornalista, escritor e tertuliano español. É director do xornal dixital Infolibre.

Traxectoria Primeiros anos Naceu na vila leonesa de Sahagún nunha familia de catro irmáns e tres irmás. Un dos seus irmáns é o xornalista especializado en relacións internacionais e profesor da Universidade Complutense, Felipe Sahagún. Jesús Maraña estudou o bacharelato no instituto de Villalón de Campos e con 16 anos saíu de León para facer o COU en Madrid. Dende entón levou a cabo unha extensa carreira profesional fóra da súa terra.

Carreira no xornalismo Licenciado en ciencias da información pola Universidade Complutense de Madrid, iniciou a súa andaina profesional no diario Informaciones de Madrid. Na prensa pasou máis tarde a traballar como reporteiro no Diario Ya. Colaborou con Televisión Española no programa Si yo fuera presidente, e máis tarde no programa Hora Cero en Antena 3 con Jesús Hermida. Continuou a súa carreira en distintas revistas e semanarios dende 1985 no Grupo Zeta: foi redactor da revista Tiempo e cofundador da revista Tribuna en 1988.

O seu regreso ao xornalismo diario produciuse en 1995 no diario El Mundo como redactor xefe. En 1999 incorporouse a Interviú, sendo nomeado director da publicación. En novembro de 2001 participou na tertulia da emisora Onda Cero La brújula. En 2002 asumiu a dirección do conxunto das revistas do Grupo Zeta e dende 2005 fíxose cargo da dirección da revista Tiempo de Hoy. En 2005 empezou a participar nas tertulias políticas Madrid opina, de Telemadrid. Colaborou nos programas de RTVE Los desayunos de TVE, 59 segundos e En días como hoy en Radio Nacional de España. Tamén aparece de maneira habitual nos debates dos programas La Sexta noche e Al rojo vivo.

Dende 2007 até 2010 ocupou o cargo de subdirector no xornal Público, após a partida do seu anterior director, Félix Monteira, ao ser nomeado este secretario de Estado de Comunicación. Maraña foi director de Público até que deixou de publicarse o diario na súa edición en papel en 2012. En 2013 fundou o xornal en liña Infolibre, web da que é director.

Obras 2015 – Conversaciones con Luis García Montero. Ediciones Turpial. ISBN: 9788495157836. 2017 – Al fondo a la izquierda. Editorial Planeta. ISBN:9788408171157.«Jesús Maraña presenta su libro 'Al fondo a la izquierda' este domingo en Aravaca». Infolibre. 31 de outubro de 2017.

Notas

Categoría:Xornalistas de Castela e León Categoría:Nados en 1961 Categoría:Nados na provincia de León Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid