Salut Borràs i Saperas, nada en Barcelona en xaneiro de 1878 e finada en París o 11 de agosto de 1954, foi unha militante anarquista española.

Traxectoria Era a filla máis vella da parella anarquista formada polo internacionalista Martín Borrás Jover e por Francesca Saperas i Miró. A finais dos anos 1880 e comezos dos 1890 participou coa nai na distribución a domicilio das subscricións ao periódico Tierra y Libertad, fundado polo seu pai. Foi compañeira de Lluís Mas Gasió desde 1895. Tras o atentado da rúa dels Canvis Nous en Barcelona en 1896, o seu compañeiro foi detido. O 4 de maio de 1897, dúas horas antes da execución de Mas, foron obrigados a casar baixo ameaza de internar nun convento o fillo que esperaban. Tamén foi detida xunto coa súa nai e encarcerada un ano antes de ser expulsada a Francia. Alí instalouse en Marsella.

A súa tarefa no movemento anarquista consistía, entre outros, en facer de correo cos presos, estabelecer contactos cos comités nos tempos de clandestinidade, enterrar en segredo os seus mortos e solidarizarse cos perseguidos.

A partir de 1908 foi compañeira de Octave Jahn, en México, onde el participou na revolución canda Emiliano Zapata. En 1911 regresou a Barcelona e en 1913 estabeleceuse co seu fillo en París. Alí traballou como modista e viaxou de xeito constante entre Francia, Cataluña e México. En 1930 volveu a Barcelona e instalouse nunha pequena casa da rúa de Robador, no Raval.

Tras o triunfo do franquismo exiliouse en Francia. Nunha saída campestre o seu fillo foi asasinado. Borrás morreu o 11 de agosto de 1954 no Hospital de la Pitié-Salpetrière de París, onde vivía recollida. Unha parte do seu arquivo (correspondencia e documentación sobre as revolucións mexicana e española) atópase fotocopiado no Internationaal Instituut voor Sociale Geschiedenis (Instituto Internacional de Historia Social) de Ámsterdam.

Notas

Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Nados en 1878 Categoría:Finados en 1954 Categoría:Anarquistas de Cataluña Categoría:Personalidades sen imaxes