Josefa Carpena-Amat, máis coñecida como Pepita Carpena, nada en Barcelona o 19 de decembro de 1919 e finada en Marsella (Francia) o 5 de xuño de 2005, foi unha feminista e anarcosindicalista española.

Frecuentou desde moi nova o movemento libertario e tomou parte na Revolución social española de 1936, dentro da Confederación Nacional do Traballo (CNT), das Juventudes Libertarias e do movemento Mujeres Libres.

A súa sobriña Griselda Martín Carpena, doutora en medicina, profesora de ciencias e escritora, publicou a novela Mujeres en la sombra, baseada na vida de Pepita. O personaxe de Paula está inspirado na súa tía.

Traxectoria Naceu no barrio barcelonés de El Poble-sec, nunha familia numerosa de clase obreira. Comezou a traballar aos 12 anos como costureira. Aos 14 anos implicouse na revolución española e adheriuse á Confederación Nacional do Traballo e ás Juventudes Libertarias (JJLL).

O 18 de xullo de 1936 tomou parte na revolución e o 20 de xullo participou no asalto ao cuartel de Drassanes. O 17 de novembro uniuse á compañía de Pedro Pérez Mir, quen morreu na fronte. Participou nos sucesos de maio de 1937 e a finais dese ano uniuse ao movemento anarcofeminista Mujeres Libres. Foi designada polo movemento como secretaria de propaganda do Comité Rexional de Cataluña. Impartiu conferencias nas vilas e na fronte, onde coñeceu a Emma Goldman. Durante a guerra civil española tamén traballou nunha fábrica de armamento e municións.

O 25 de xaneiro de 1939, véspera da entrada das tropas franquistas na cidade, partiu a Francia. Foi internada durante case un ano nun campo en Clarmont d'Erau, na fronteira con Montpellier. Casou cun francés a quen deixou á súa chegada a Marsella, onde había numerosos refuxiados españois. Converteuse en compañeira do anarquista Juan Martinez Vita, chamado Moreno, e continuou a súa militancia despois da Liberación de París.

En abril de 1945 foi delegada en Tolosa para o I Congreso da FIJL no exilio. Posteriormente tomou parte no grupo de teatro Acratia e militou na CNT no exilio. Desde 1979 colaborou no Centro Internacional de Investigación do Anarquismo (CIRA), do que foi coordinadora da rama marsellesa entre 1988 e 1999. En 1992 escribiu as súas memorias, publicadas en francés en 2000 co título Toute une vie: mémoires. En 1994 participou nun debate sobre feminismo e posfeminismo. Colaborou nas obras históricas colectivas Mujeres Libres e Luchadoras Libertarias, e tamén no boletín do CIRA e noutras publicacións libertarias españolas e francesas.

Morreu en Marsella o 5 de xuño de 2005, onde o seu corpo foi incinerado.

Filmografía De toda la vida (Toutes nos vies), filme de Lisa Berger e Carol Mazer (1986). Coa participación de Sara Berenguer, Pepita Carpena, Mercè Comaposada, Federica Montseny, Conxa Pérez, Suceso Portales e Dolors Prat. Ver online O filme Libertarias (1996), de Vicente Aranda, fala das mulleres que militaron na organización Mujeres Libres. Os personaxes son interpretados por Ana Belén, Victoria Abril e Ariadna Gil.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos Libertarias Mujeres Libres Ligazóns externas Biografía na web do CIRA de Marsella. L'Éphéméride anarchiste: Biografía. Biografía no CIRA de Lausana.

Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Feministas de España Categoría:Nados en 1919 Categoría:Finados en 2005 Categoría:Anarquistas de Cataluña Categoría:Anarcosindicalistas