Pedro Álvarez de Soutomaior, alcumado Pedro Madruga, talvez finado en Alba de Tormes en 1486, foi unha das figuras máis salientables do medievo galego, considerado hoxe o prototipo de cabaleiro feudal. De orixe bastarda, foi un home belicoso que chegou ao máis alto rango da liñaxe dos Soutomaior. Temido e admirado, os ecos dos seus feitos promoveron centos de estudos sobre a súa figura e mais o seu tempo. Foi un acérrimo inimigo de Alonso II de Fonseca e defensor dos dereitos sucesorios de Xoana de Castela.

A figura de Pedro Madruga e as súas orixes Pedro Álvarez de Soutomaior eríxese como unha das figuras máis controvertidas da Galicia feudal. Moito se ten escrito sobre as súas accións e maneiras, e a súa figura suscita xenreira e loanza por igual. Vasco da Ponte, cronista galego de comezos do século XVI, testemuña de primeira orde que nos legou unha valiosa obra que narra os sucesos de tan convulsos anos, escribía:

miniatura|esquerda|210 px|Castelo de Soutomaior. Era de orixe bastarda. Seu pai, Fernán Eanes de Soutomaior, tivérao de resultas dos seus amoríos cunha familiar da condesa de Ribadavia, probablemente unha irmá ou unha curmá. Como fillo ilexítimo, procuróuselle un futuro tranquilo na carreira eclesiástica, establecendo seu pai a Esteban de Soutelo como mestre de seu fillo. Mesmo o monarca castelán Henrique IV pronunciou o seu nome para ocupar a mitra compostelá en mans dos Fonseca, familia que non mantiña moi boas relacións coa coroa. De feito, o citado monarca consideraba os Soutomaior necesarios para ver freadas as ansias do arcebispo de Santiago.

Tralo falecemento de Fernán Eanes, sucédeo no morgado o seu lexítimo primoxénito, Alvar Páez de Soutomaior, casado con María de Ulloa. O seu mandato non estivo exento de confrontacións cos Sarmiento, inimigos acérrimos dos Soutomaior. Os intereses de ámbalas dúas casas chocaban frontalmente polo control do sur da actual provincia de Pontevedra. Mais o matrimonio non deu os froitos agardados, e Alvar Páez lexitimou o seu medio irmán Pedro no ano 1468, herdando este e actuando en contra dos desexos de seu pai, que se negaba a que un bastardo ocupase a máis alta distinción da casa familiar.

Os Irmandiños miniatura|350px|Os soldados de Pedro Álvarez usaban modernos arcabuces na segunda guerra irmandiña. O da imaxe é de 1425. miniatura|Afonso V de Portugal axudou a Pedro Madruga.

Precisamente neste mesmo ano a figura de Pedro Madruga entraría coma un vendaval no panorama político e militar da Galicia, xusto cando a Gran Guerra Irmandiña (1467-1469) nacía e varría do panorama o poder nobiliario. Farto das inxustizas e desmandos da clase dirixente, o Terceiro Estado (apoiado por fidalgos e membros do baixo clero) levántase en armas contra os seus señores naturais. Durante dous anos fanse co poder efectivo do territorio derrubando canta fortaleza aparecía ao seu paso. Non imos analizar nestas liñas as causas do alzamento irmandiño, como tampouco as diferentes fases do conflito bélico. Interésanos máis a contraofensiva nobiliaria e os seus efectos, na que a figura de Pedro Madruga tivo un papel decisivo.

Ao comezo da revolta, Alvar Páez atopábase na vila de Tui, onde a súa liñaxe tiña postos grandes intereses polo seu control. Alí probablemente foi o escenario do seu recoñecemento como morgado dos Soutomaior. Asediado pola irmandade, Pedro foxe para Portugal, onde bos valedores o agardaban, e nesa mesma vila morrerá seu irmán. Neste período contrae nupcias con Tareixa de Távora, filla do cabaleiro Álvaro Pérez de Távora, fidalgo portugués de certa importancia.

Rematada a inestabilidade entre os nobres partidarios do monarca e a liga desafecta a este, a nobreza galega comeza a manter contactos co obxectivo de coordinar unha ofensiva sobre Galicia e recuperar o poder perdido; nacía deste xeito, e para sorpresa de moitos, unha confederación nobiliaria onde se inscribiron aqueles que ata o momento estiveran ensarillados en guerras privadas, acérrimos inimigos. Chegados a un acordo, decidiuse atacar con tres exércitos que penetrarían no territorio galego por tres frontes:

Pedro Madruga, grazas á colaboración do rei portugués Afonso V e do seu sogro, logra reunir un exército mixto de galegos e portugueses e entra polo sur de Galicia coa intención de reunirse en Compostela co arcebispo Alonso II de Fonseca e Juan de Pimentel (irmán do conde de Benavente). Dende Salamanca parte o arcebispo Fonseca, á cabeza dun segundo exército acompañado do citado Pimentel e outros cabaleiros da cidade leonesa. O terceiro continxente parte de Ponferrada, comandado polo conde de Lemos, D. Pedro Álvarez Osorio, acompañado polo mariscal Pero Pardo de Cela, co obxectivo de chegar ata Monforte.

miniatura|esquerda|Escena de batalla medieval Mais o protagonismo absoluto recae no de Soutomaior, cuxa iniciativa e ferocidade en combater os irmandiños foi salientable. O primeiro obstáculo tomou o nome da Framela ou Famela, castro situado no actual concello de Cotobade e do que previsiblemente se valerían os irmandiños para acometer o Soutomaior. Unha vez máis, é Vasco da Ponte quen relata o sucedido:

O seguinte enfrontamento constituíuno Pontevedra, que presentou batalla a Pedro Madruga comandada por Lope Pérez Mariño, da liñaxe dos Lobeira. Desta volta sorteouse o obstáculo de xeito menos expeditivo. Probablemente en inferioridade numérica e canso tralo encontro anterior, Pedro Madruga botou man do enxeño e cun simple engano burlou a ferocidade do adversario que se amparou tralos muros da cidade:

Desta guisa pasaron xunto aos muros cando a marea deu baixado, seguindo sen oposición ata a cidade arcebispal. Fonseca e Xoán de Pimentel mantiñan a cidade baixo asedio cando Pedro Álvarez de Soutomaior arribou á cidade arcebispal. Ante eles presentaba batalla Pedro Osorio cun exército que tenian de diez mil hombres arriba entre fidalgos e viláns. Ante a indecisión do Fonseca e do Pimentel, Pedro Madruga recrimínalles a súa actitude e botando man dunha valentía desmedida, arremete contra o exército inimigo gañando o decisivo lance para a causa señorial. Os autores sitúan este triunfo nun lugar chamado Balmacige (ou a Almáciga, como apunta algún autor), preto de Santiago. A descrición que nos fai Da Ponte deste episodio fai fincapé na ousadía e descaro do de Soutomaior, que fai alarde da fama que o precederá ao longo da súa convulsa vida:

Logo desta fazaña, o exército da irmandade tiña os días contados. A partir de aquí, Pedro de Soutomaior axudaría aos seus aliados a recuperar os seus dominios.

A morte da condesa de Santa Marta miniatura|250px|dereita|Castelo de Ribadavia, pertencente á familia Sarmiento Teresa de Zúñiga detiña o señorío das terras de Ribadavia tras enviuvar de Diego Pérez Sarmiento, falecido no 1465. Cando a revolta irmandiña se alzou en Galicia, a nobre Teresa adoptou unha estratexia de achegamento ao terceiro estamento coa idea de verse ceibe da presión da que era obxecto por parte dalgúns señores que pretendían desprazala do poder e apoderarse dos seus señoríos: Sancho de Ulloa, Diego de Andrade e Pero Pardo de Cela. Mais non conseguiu o que desexaba, e traizoando os dous primeiros, captúraos en Melide e exíliase cos prisioneiros en Mucientes (Valladolid), onde detiña señorío.

No 1470, derrotados os irmandiños pola reacción nobiliaria e acaudillados por Pedro Madruga, Teresa de Zúñiga decide liberar os cativos e volver a Galicia coa intención de tomar posesión do señorío de Ribadavia no nome de seu fillo, Bernardino Sarmiento, en minoría de idade. Segundo nos relata Vasco da Ponte, Zúñiga non era precisamente unha excelente diplomática, e foi a súa actitude pretensiosa e con pouco tacto a que a levou á tumba; pois os seus vasalos, logo de dous anos libres das presións e inxustizas señoriais, non permitiron este comportamento que lles lembraba anos pretéritos, e matárona: [...] su tía, se avenía mal con los suyos por sinraçones que les haçia... . Parece ser que a dita señora foi alanceada e arrastrada pola praza da vila xunto co seu meiriño Pedro Oxea.

Logo deste episodio é cando entra en escena Pedro Madruga. O Soutomaior xa fora advertido pola condesa da súa chegada a Ribadavia; nun primeiro momento o seu sobriño, Sancho de Ulloa, comprometera a súa palabra de que lle axudaría a recuperar as súas terras unha vez que a condesa o liberase, mais chegados a Galicia pareceu esquecer a promesa. Deste xeito recorreu ao outro sobriño, Pedro Madruga. A represión que levou a cabo o Soutomaior foi moi dura e cruenta:

miniatura|250px|dereita|Igrexa do Mosteiro de San Clodio ao que pertencía o abade obxecto da acción de Madruga

De Pedro Madruga eran célebres os métodos expeditivos aos que adoitaba recorrer. É salientable subliñar neste punto a humillación á que foi sometido o abade do mosteiro de San Clodio do Ribeiro; algún autor indica que quizais o caudillo feudal mantiña algún tipo de contenda co abade, ou talvez este fora unha sorte de instigador do asasinato da condesa. Mais non remata aquí o episodio.

Logo do castigo infrinxido contra o campesiñado e o citado abade, Pedro Madruga leva a cabo unha acción máis no castelo de Ribadavia. Parece ser que xunto a el permanecía na fortaleza o señor de Sobroso, Diego Sarmiento de Soutomaior, en calidade de familiar da falecida. As relacións entre ámbolos dous señores feudais non pasaban por ser boas, mais ben todo o contrario. As disputas polo control do sur de Galicia eran continuas.

Un emisario do arcebispo compostelán Fonseca chegou ao castelo portando unha misiva de seu señor para Diego Sarmiento, atopouse con Madruga e inquirido por este emisario se el era Diego, respondeu afirmativamente. Na mensaxe en cuestión o arcebispo constrinxía a Diego Sarmiento e aos seus a que se aviñesen ao seu bando e matasen a Pedro Madruga. Sen máis dilacións, Pedro Madruga tomou a iniciativa e cortoulle a cabeza ao Sarmiento. Tamén tentou atrapar e degolar os principais seguidores do nobre, pero estes lograron fuxir ao abeiro de Compostela. Deste episodio fálanos un notario de Pontevedra interrogado durante o preito Tabera - Fonseca:

Hai autores que defenden que esta brutal reacción do señor de Soutomaior se inxire directamente baixo o tecido político e de intereses da nobreza galega. Por unha banda eliminaba un rival directo polo control do sur de Galicia, a inimizade Soutomaior-Sarmiento é de sobra coñecida; mesmo tentou atrapar no castelo os cabaleiros afectos tanto a Diego Sarmiento de Soutomaior coma ao arcebispo Fonseca. Por outra banda, establecía a ruptura oficial do pacto señorial imperante en Galicia para lles facer fronte aos irmandiños. Pedro Madruga erixírase como o antifonseca máis pertinaz, líder indiscutible da bandeira (onde podemos destacar os Moscoso) que se formará na contra da sé compostelá.

Unha terceira sorte de beneficio para a figura de Pedro foi o extremo da represalia contra os labregos levantadizos. A hipótese que algún autor baralla estriba no achegado da revolta irmandiña, como querendo castigar tamén polo acontecido ou acalentando os ánimos para unha posible resposta campesiña.

A liga anti-Fonseca miniatura|esquerda|150px|O rei Henrique IV de Castela. O episodio de Ribadavia foi quizais a gota que encheu o vaso que as tradicionais querelas e enfrontamentos, entre as diferentes faccións de poder na Galicia medieval, foran cubrindo ao longo dos séculos. As intencións dos Moscoso e os Soutomaior polo control de territorios e vilas, prebendas e rendas do arcebispado compostelán eran xa abondo coñecidas. As diferenzas semellaban irreconciliables e a única vía aberta para solucionalas recaía no enfrontamento armado. Mais antes cabería salientar un episodio acontecido nos precedentes do alzamento da irmandade galega e que nos servirá de presentación para o tema a tratar neste apartado.