Arnold Machin, nado en Stoke-on-Trent o 30 de setembro de 1911 e finado en Stafford Borough, no condado de Staffordshire, o 9 de marzo de 1999, foi un escultor e gravador e deseñador de selos e moedas inglés.
Traxectoria
Primeiros anos e formación Arnold Machin naceu en Stoke-on-Trent, Staffordshire, en 1911, no seo dunha familia de oleiros. O seu pai era un creador independente e construíu para Arnold as súas primeiras ferramentas de modelaxe."Arnold Machin - the sculptor of the "Queen's Head" was born in Stoke-on-Trent". Thepotteries.org Comezou a traballar á idade de 14 anos como aprendiz de pintor de porcelana de estilo chinés na compañía Minton Pottery,Batkin, M. (1999). onde permaneceu durante sete anos.Veasey, M. "1947 A Staffordshire Spring". En The Royal Academy Summer Exhibition: A Chronicle, 1769-2018.Machin, A. (2010). Páxinas 30, 41.
Durante a Gran Depresión aprendeu a esculpir no Stoke-on-Trent College of Art, que estaba fronte á fábrica Minton. Na década de 1930 mudouse a Derby, onde traballou en Royal Crown Derby ao tempo que se seguía formando na Derby School of Art. Nesa cidade coñeceu a que despois sería a súa esposa.
Tres anos máis tarde acadou unha bolsa de estudos que o levou a Londres, para continuar a súa formación no Royal College of Art, onde se centrou principalmente na escultura, da man do profesor Ricard Garbe. Alí concluíu os seus estudos en 1940 cun traballo de graduación en terracota titulado Mother and Child ("A nai e o neno").
Carreira artística miniatura|Taurus the Bull (1945), obra de louza Machin, producida en asociación con Wedgwood."Taurus the Bull". Birmingham Museum of Art (Artsbma.org).|260x260pxDurante a segunda guerra mundial, Machin foi encarcerado durante 12 meses por se declarar obxector de conciencia, e en 1943 retomou a súa actividade artística e comezou unha longa asociación coa compañía Wedgwood, onde produciu moitos dos seus deseños, entre eles Taurus the Bull (1945), un exemplar do cal lle presentou o político británico Hugh Gaitskell a Nikita Khrushchev durante unha visita a Moscova en 1956.
Varias das obras de terracota de Machin foron escollidas pola Royal Academy para a súa exposición de verán de 1947, entre elas Mary Magdalene ("María Magdalena"), Angela e, sinaladamente, Spring ("Primavera"), un dos seus traballos máis sobranceiros, que foi adquirido no marco dun programa da propia Academia, para a Tate Gallery, logo de estar exposto nun lugar preferente.Machin, A. (2010). Páxinas 8-10, 13-14. Como consecuencia desta exitosa experiencia, o 24 de abril de 1947, Machin foi elixido membro asociado, e o 21 de febreiro de 1956 membro de pleno dereito da Royal Academy."Arnold Machin RA (1911 - 1999)". Royal Academy (Royalacademy.org.uk).
Desde entón, Machin mantivo unha forte vinculación coa Academia, e entre 1959 e 1966 exerceu como profesor na súa Escola de Escultura, ao tempo que mantiña outras relacións de tipo profesional con compañías como Wedgwood e Royal Worcester. Porén, a súa relación coa Academia rachouse a raíz da venda por parte desta dun debuxo de Leonardo da Vinci en 1962, que foi moi cuestionada por Machin.Machin, A. (2010). Páxina 126.
Ademais da Academia, Machin foi tamén profesor na Escola de Arte de Stoke-on Trent na década de 1940, onde el mesmo estudara, e posteriormente no Royal College of Art, entre 1951 e 1958.
Outras das súas obras salientables son as de temática bíblica St. John the Baptist ("San Xoán Bautista") e The Annunciation ("A Anunciación"), ambas adquiridas pola galería Tate en 1994,Rothenstein, J. (1947). “The Tate, 1897-1947”. En The Times. 21 de xullo. Páxina 5. ou Fallen Angel ("Anxo caído", ca. 1956), que forma parte da colección da Royal Academy."Fallen Angel, ca. 1956". Royal Academy (Royalacademy.org.uk).
En 1956 foi elixido académico e membro da Real Sociedade de Escultores Británicos.
Entre os seus recoñecementos pola súa traxectoria artística destaca o nomeamento como Oficial da Orde do Imperio Británico, nas Honras de Aninovo de 1965.The London Gazette. Suplemento 43.529. 29 de decembro de 1964. Páxina 13.
Deseño de selos e moedas
Moedas
En 1964 Machin foi elixido para realizar o deseño dunha nova imaxe da raíña Isabel II para os anversos da primeira serie da libra esterlina como moeda decimal, que estaba previsto introducir a partir de 1968. O busto creado por Machin utilizouse para todas as moedas británicas cuñadas desde 1964 ata 1984."Arnold Machin". The Royal Mint Museum (Royalmintmuseum.org.ok). Do mesmo xeito, o deseño de Machin utilizouse nun gran número de emisións, tanto circulantes como conmemorativas, de diversos territorios de soberanía británica ou que forman parte da Commonwealth de nacións:"Arnold Machin". Numista.com
Ascensión (1978-1984) Australia (1966-1984) Bahamas (1966-1973) Barbados (1978) Belize (1978) Bermudas (1970-1985) Caimán (1972-1986) Canadá (1965-1989) Caribe Oriental (1981-2001) Cook (1972-1985) Dominica (1978-1979) Fiji (1969-1986) Gambia (1966-1970) Guernsey (1966-1981) Hong Kong (1975-1987) Jersey (1971-1997) Malvinas (1974-1999) Man (1970-1984) Mauricio (1975-1982) Nova Zelandia (1967-1985) Papúa-Nova Guinea (1977) Rodesia do Sur (1964-1968) Saint Kitts e Nevis (1983) Santa Helena (1973-1984) Seychelles (1972-1975) Illas Salomón (1977-1985) Tokelau (1978-1988) Tristan da Cunha (1977-1981) Turks e Caicos (1975-1992) Tuvalu (1976-1985) Illas Virxes Británicas (1973-1984) Xamaica (1981) Xibraltar (1971-1993)Ademais deste icónico retrato, tamén son obras de Machin o reverso da coroa de 1972 conmemorativa das vodas de prata de Isabel II e o Príncipe Filipe,"25 New Pence - Elizabeth II Silver Wedding". Numista.com así como ambas as faces da coroa de 1977 conmemorativa dos 25 anos de reinado."25 New Pence (Crown) - Elizabeth II Silver Jubilee". Numista.com
Selos miniatura|195x195px|Placa de xeso co gravado orixinal de Machin da nova efixie para os selos de Isabel II."QEII The Machin Design: Harrisons' Photograph of Machin's Final Cast". The Postal Museum (Postalmuseum.org). miniatura|184x184px|Selo británico de 10 xilins de 1969. En 1965 pedíuselles a cinco artistas que presentasen deseños para un novo modelo da serie básica de selos británicos, e o seleccionado foi Arnold Machin, quen xa resultaba moi coñecido polo seu deseño previo do anverso das moedas. Inicialmente, Machin tomou o seu retrato creado para a moeda e deulle a volta para que a raíña ollase cara á esquerda, e logo gravou en xeso esta proposta."The Machin Design". The Postal Museum (Postalmuseum.org).
Mais o Comité Asesor de Selos solicitou que se tomasen novas fotografías da raíña para o deseño dos selos e, logo do consentimento desta, o 22 de xuño de 1966 o fotógrafo John Hedgecoe visitou o palacio con tal propósito, e as fotografías que el tomou —nas que a raíña loce un diadema, e non a tiara das moedas— servíronlle finalmente a Machin para que en outubro de 1966 fixese un modelo en xeso sobre ese novo deseño.
Este novo deseño foille enviado á raíña para recadar a súa opinión e,"Introduction of Machin Head designs. Submission to HM The Queen". The Postal Museum (Postalmuseum.org). logo da aprobación real, a nova efixie serviu para a produción da nova serie básica de selos británicos, que se deu en coñecer como "serie Machin". O primeiro selo impreso desta serie foi o de catro peniques, o 5 de xuño de 1967, en cor marrón oliva sepia, por desexo expreso da raíña —para lembrar o Penny Black—, e logo expandiuse a todos os selos británicos, en diferentes cores. Considérase que este deseño é un dos retratos artísticos máis reproducidos da historia, con máis de 200 mil millóns de copias producidas.
En varias ocasións, a propia raíña achegouse con suxestións para a substitución do retrato do selo levada a cabo por Machin. Aínda que considerou alternativas, nunca aprobou ningún deseño novo, e estipulou que calquera substitución tería que ser "un traballo de verdadeira calidade".Muir, D. N. (2007).
O 5 de xuño de 2007, os selos deseñados por Machin aínda estaban en uso no seu 40 aniversario e, para conmemorar a ocasión, o Royal Mail emitiu un selo conmemorativo cunha fotografía de Machin. Tamén estaba dispoñible para a venda nunha folla miniatura, así como dous selos dunha libra co deseño de Machin en diferentes cores.
En 2017, Royal Mail celebrou o 50.º aniversario cunha gran cantidade de produtos, entre eles follas en miniatura, paquetes de presentación, sobres de primeiro día, un folleto de selos cos valores máis pequenos, un folleto de selos de prestixio, unha cuberta para medallas e novos selos xenéricos.Tomlinson, G. "50th Anniversary of an Icon". The Postal Museum (Postalmuseum.org)."Anniversary of 'Queen's head' design marked with new stamps". En BBC News (BBC.com). 5 de xuño de 2017.
Vida familiar Machin casou en 1949 coa autora e pintora Patricia Newton. O matrimonio adquiriu unha casa en The Villas, Stoke-upon-Trent, onde ambos traballaban, aínda que Arnold viaxaba semanalmente a Londres, onde tamén tiña un pequeno estudio. Os Machin tiveron un fillo, Francis (1949-2007), que tamén foi artista.
En 1956, a parella recibiu a atención da prensa británica cando Machin pediu á súa muller que o encadease a un antigo farol metálico que estaba fronte á súa casa, nunha zona residencial vitoriana en Stoke-upon-Trent, que estaba previsto retirar, en sinal de protesta. Malia esta acción reivindicativa, o farol foi substituído por outro de formigón; con todo, o metálico foille regalado á familia, que o instalou no seu xardín, e Patricia encargouse de abrilo para que a veciñanza a puidese visitar. Finalmente o farol foi restituído á súa situación orixinal.
A partir da súa xubilación, Machin viviu na súa residencia Garmelow Manor, en Eccleshall, Stafford Borough, Staffordshire, ata a súa morte o 9 de marzo de 1999, aos 87 anos."Derbyshire’s Artistic Heritage - Arnold Machin and the Queen’s Head". Great British Live (Greatbritishlive.co.uk).14 de marzo de 2014.Thomas, R. (1999). "Arnold Machin, 87, Creator Of Ubiquitous Royal Portrait". En The New York Times. 14 de marzo de 1999.
Logo do pasamento de Francis, algunhas das posesións do seu pai que quedaran na casa familiar foron vendidas nunha poxa,"Arnold Machin, Artist of an Icon – Press Release 22/08/2008". Cuttlestones. Auctioners & Valuers. entre elas a cuarta das placas finais de xeso coñecidas gravadas por Machin para crear a serie de selos de Isabel II;Alleyne, R. (2008). "Arnold Machin plaster cast used for image of Queen on stamps is found". En The Telegraph. 3 de setembro. os outros tres consérvanse nos arquivos de Royal Mail.
Na súa honra, o planeta menor (3109) Machin , descuberto en 1974, leva o seu nome."(3109) Machin". Minor Planet Center (Minorplanetcenter,net).Schmadel, L. D. (2003). "(3109) Machin". En Dictionary of Minor Planet Names. Springer, Berlín. Páxina 256.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Baker. (2008). “Machin, Arnold: (1911-1999)”. En Oxford Dictionary of National Biography, Oxford University Press. Batkin, M. (1999). "Obituary: Arnold Machin". En The Independent. 15 de marzo. Machin, A. (2010). Machin: Artist of an Icon. The Memoirs of Arnold Machin RA. Frontier Pub., Norfolk. ISBN 978-1872914251 Muir, D. N. (2007). A Timeless Classic: the Evolution of Machin's Icon. British Postal Museum, Londres. ISBN 978-0955356919
Categoría:Nados en 1911 Categoría:Nados en Stoke-on-Trent Categoría:Finados en 1999 Categoría:Deseñadores de moeda do Reino Unido Categoría:Personalidades do gravado Categoría:Personalidades da filatelia Categoría:Escultores do Reino Unido Categoría:Membros da Royal Academy Categoría:Orde do Imperio Británico Categoría:Personalidades sen imaxes