Serxio María Rodríguez Álvarez, nado en Ourense en 1996, é un politicólogo e historiador galego.
Dende setembro de 2024 é profesor de Ciencia Política no departamento de Ciencia Política e da Administración, Socioloxía e Filosofía da Universidade de Vigo. Os seus traballos de investigación céntranse no eido da historia política e a historia do pensamento.
Traxectoria Estudou Ciencias Políticas e Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, e un posgrao en Historia Contemporánea. Como historiador, ten abordado o pensamento de Vicente Risco e Ramón Piñeiro, así como a historia política de Galicia, os nacionalismos peninsulares en perspectiva comparada, a fronteira galego-portuguesa e tamén o estudo dos sistemas de partidos español e galego, así como os distintos procesos políticos que ocorren en todo o mundo e, especialmente, en Galicia e Europa.
O seu labor investigador céntrase fundamentalmente no eido da historia política, a historia dos movementos políticos e sociais e, a historia do pensamento político e a teoría política, como politicólogo destaca por ter defendido unha metodoloxía cualitativa que fai da historia unha ferramenta útil para analizar sistemas sociais, sistemas de partidos, sistemas políticos en xeral e tamén para analizar os imaxinarios políticos e as culturas políticas en xeral. Como polítólogo especializado en teoría política tense especializado no estudo do pensamento político de Jacques de Maritain, Emmanuel Mounier, Ramón Piñeiro, e os teóricos do nacionalismo galego, entre eles Vicente Risco ou Castelao. na actualidade investiga sobre o pensamento político e a identidade nacional na dereita española ao abeiro do Grupo de investigación HISPONA.
En maio de 2025 Asociación de Historia Contemporánea outorgou o IV Premio de Divulgación Manuel Pérez Ledesma á exposición Rolando 2:15-2:45. 50 anos da primeira masacre de ETA, que abordou o primeiro atentado masivo desta banda terrorista e que contou coa participación de Serxio María Rodríguez Álvarez no seu comisariado. Esta mostra itinerante foi unha iniciativa do Centro Memorial Vítimas do Terrorismo, que o pasado mes de novembro puido contemplarse na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, da man dos profesores Luis Velasco e Serxio María Rodríguez, tras exhibirse previamente no campus de Ourense.
Dende xaneiro de 2024 é membro do Consello de redacción da revista Encrucillada, a cargo da área de pensamento político, no seo da revista ten publicado artigos sobre pensamento político neotomista, historia contemporánea da Igrexa, e análise da doutrina social da igrexa e a súa pegada sobre os movementos sociais católicos e a Democracia Cristiá. O 7 de agosto de 2024 recibiu o Premio Alecrín de Ouro á investigación no eido das Ciencias Sociais e as Humanidades nun acto celebrado no Auditorio de Ribadeo.
Foi presidente de Novas Xeracións de Ourense, responsabilidade que ostentou até marzo de 2019, data na que abandonou a militancia e todos os cargos no Partido Popular polas diferenzas ideolóxicas coa liña centralista emprendida no XIX Congreso Nacional dos populares. Participou activamente de distintos movementos xuvenís, políticos e culturais como a Asociación de Estudantes Alborexar. Identificado cunha liña de pensamento galeguista, foi fundador en 2018 da asociación de estudantes Irmandade Galega Universitaria, de orientación nacionalista, da que foi é vicepresidente e representante no claustro da USC.
Actualmente é voceiro da Iniciativa polo Couto Misto e colabora recorrentemente con numerosos medios dixitais como columnista. É o autor do prólogo da Teoría do nacionalismo galego de Vicente Risco.
Obra
O pensamento político de Ramón Piñeiro (2024). Vigo: Galaxia. 144 páxs. ISBN 978-84-1176-184-0.
Notas
Categoría:Nados en Ourense Categoría:Nados en 1996 Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Historiadores de Galicia Categoría:Políticos do PPdeG Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes