Bárbara Gómez Oubel, nada en Taragoña (Rianxo) o 1 de setembro de 1994 e finada en Caboalles de Abajo (Villablino) o 2 de setembro de 2023, foi unha piloto e copiloto galega de rallys. Participou en máis de 80 probas entre rallys e rallymixes, case sempre como copiloto da súa parella, Tínín Iglesias. Competiu tamén como piloto en varias probas do Campionato Galego de Autocrós. Faleceu aos 29 anos, nun accidente durante a disputa do Rally Valle de Laciana na provincia de León.

Traxectoria Aos 16 anos comezou a colaborar na organización do Autocrós do Castro, na súa vila natal, onde pouco despois coñeceu ao piloto Tinín Iglesias, co que iniciou unha relación sentimental. Dende entón colaborou coa escudaría Desguaces Tino, fundada polo pai de Tinín, o tamén piloto Tino Iglesias, ao tempo que exercía como comisaria en rallys. En 2017 decidiu probar como copiloto de Tinín, ante a ausencia do compañeiro habitual deste, Telmo Díaz. O seu debut produciuse no Rally Cidade de Narón, a bordo dun Citroën Saxo VTS, obtendo o 21º lugar. Correu xunto á súa parella tamén no Rally Ourense-Ribeira Sacra dese ano e xa a partir da seguinte tempada foi a única copiloto de Tinín, co que disputou máis de 80 probas nos seguintes seis anos.

En 2018, primeiro ano no que competiu asiduamente, levou o premio da Federación Galega de Automobilismo á mellor copiloto feminina do ano, na suma dos campionatos galegos de rally, rallymix e autocrós. Ademais, estreouse como piloto, disputando as catro probas do Campionato Galego de Autocrós, conducindo un Peugeot 106, e conseguiu o cuarto posto no Autocrós do Castro.

Na tempada 2020 do Campionato de Galicia de Rally acabou na sexta posición absoluta entre os copilotos e proclamouse campioa no certame de copilotos da Copa Top Ten Pirelli. Na seguinte campaña conseguiu o quinto posto absoluto, o mellor da súa carreira.

Faleceu o 2 de setembro de 2023, un día despois do seu 29º aniversario, durante a disputa do sexto treito do Rally Valle de Laciana na provincia de León. Competía como copiloto de Tinín Iglesias e a parella ocupaba a segunda posición da clasificación provisional, cando o seu Ford Fiesta N5 saíu da estrada batendo contra un valado. A copiloto faleceu no acto, mentres que o piloto foi hospitalizado polas súas feridas.

Notas

Categoría:Copilotos de rally de Galicia Categoría:Nados en Rianxo Categoría:Nados en 1994 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes