, nado o 25 de febreiro do 1640 e finado o 3 de abril do 1701, foi un monxe budista xaponés e erudito da escola kokugaku de mediados do período Edo. O máis importante pensador da kokugaku, Motoori Norinaga, consideraba a Keichū o fundador desta tradición intelectual.
Traxectoria Keichū naceu en Amagasaki, o terceiro dos oito fillos da familia Shimokawa. O seu avó foi un servo de Katō Kiyomasa, mais o pai foi un rōnin do feudo de Amagasaki. A pesar da decadencia familiar, a súa nai ofreceulle unha educación rigorosa. Aos once anos, Keichū abandonou a casa familiar para ingresar na seita Shingon, estudando en Myōhōji, Imasato e Osaca. Tras rematar a súa formación, obtivo un posto de ajari ou mestre no templo do monte Kōya, e logo foi sacerdote superior no Mandara-in de Ikutama, Osaca. Durante este período, fíxose amigo do poeta e estudoso Shimonokōbe Chōryū (1627-1686).
Con todo, Keichū estaba descontento coas súas obrigas monacais e, tras unha viaxe pola rexión de Kinki, regresou ao monte Kōya. Despois, serviu como sacerdote superior no templo Myōhōji. Keichū pasou os seus últimos anos en Enju'an, na provincia de Settsu.
Obra Moi influenciado polo pensamento de Kūkai, tamén estudou os clásicos xaponeses baixo a tutela de Fushiya Shigetaka, un patrón das artes da provincia de Izumi. A súa prolífica obra estableceu un novo estándar para o estudo dos clásicos, fundamentado en traballos anteriores sobre a materia.
Cando o daimyō de Mito, Tokugawa Mitsukuni, decidiu patrocinar unha nova edición do Man'yōshū, encargou o traballo a Shimonokōbe Chōryū, discípulo do grande poeta e erudito Kinoshita Chōshōshi (1569-1649). Porén, tras falecer por unha enfermidade, a obriga recaeu sobre o seu amigo Keichū, que fora recomendado polo propio Shimonokōbe Chōryū.
O resultado foi o Man'yō Daishōki 万葉集大匠記 ("Gran rexistro do Man'yōshū", 1687-1690), unha obra moi influente entre os autores da kokugaku. En particular, destacou por aplicar os métodos da filoloxía chinesa, combinados cun ríxido empirismo. Tamén empregou esta metodoloxía hermenéutica para elaborar unha crítica filolóxica do budismo, ensalzando o shintō como a relixión indíxena do Xapón.
De xeito similar, o seu Waji shōranshō 和字正濫鈔 ("Tratado sobre o modo apropiado de escribir as palabras xaponesas", 1695) puxo en dúbida as convencións ortográficas tradicionais, establecidas por Fujiwara no Teika. Ademais, ofreceu unha nova interpretación sobre o uso dos kana nos textos antigos.
Tamén escribiu o Kōganshō 厚顔抄 (1691), o Kokin yozaishō 古今余材抄 ("Restos materiais das épocas antiga e moderna"), o Seigo okudan 勢語臆断 ("Conxeturas sobre os Contos de Ise), o Genchū shūi 源註拾遺 ("Notas complementarias sobre a orixe") e o Hyakunin isshu kaikanshō 百人一首改観抄 ("Unha nova mirada sobre o Hyakunin isshu").
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Hyakunin isshu kaikanshō 百人一首改観抄 (Internet Archive)
Categoría:Finados en 1701 Categoría:Nados en 1640 Categoría:Filosofía xaponesa Categoría:Escritores en lingua xaponesa Categoría:Escritores do Xapón Categoría:Lingüística Categoría:Filósofos do Xapón