Sergio Barcia Laranxeira, nado en Vigo o 31 de decembro de 2000, é un futbolista galego que xoga como defensa central no Legia de Varsovia.

Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol no Colegio Hogar do seu Vigo natal, ingresando aos nove anos na canteira do Celta de Vigo. Foi subindo polas diferentes categorías inferiores do club, ata chegar ao equipo xuvenil, co que xogou durante tres campañas na División de Honra, proclamándose campión en dúas delas. Rematada a súa etapa como xuvenil, en agosto de 2019, saíu cedido ao Ourense CF, da Terceira División. Titular indiscutible no equipo de Fran Justo, rematou segundo e disputou a promoción de ascenso á Segunda División B.

Desvencellado do Celta, no verán de 2020 asinou contrato co Recreativo Granada de Segunda B. O 8 de novembro debutou co primeiro equipo do Granada na Primeira División, nunha derrota por 2-0 contra a Real Sociedad, encontro ao que o seu equipo chegou moi afectado pola pandemia de COVID-19, tendo que xogar con varios futbolistas do filial.

Na seguinte campaña xogou un segundo partido na máxima categoría, fronte o Celta de Vigo. Nos seus dous anos en Granada, disputou un total de 47 encontros co filial, nos que marcou 6 goles, e 3 co primeiro equipo. En xullo de 2022 regresou a Vigo para xogar co Celta B na Primeira Federación. Disputou 31 partidos coa camiseta celeste, 30 deles como titular, e marcou un gol.

Antes do inicio da tempada 2023/24 asinou un contrato de dous anos co Mirandés, club da Segunda División, no que finalmente só xogou un ano. Foi titular indiscutible no equipo de Alessio Lisci, disputando un total de 41 partidos, 39 deles saíndo dende o inicio, e contribuíu de xeito significativo a que o club conseguise a permanencia. Ao remate da campaña foi traspasado ao Legia de Varsovia, da Ekstraklasa de Polonia.

Notas

Categoría:Nados en 2000 Categoría:Nados en Vigo Categoría:Futbolistas de Vigo Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Ourense CF Categoría:Xogadores do Celta de Vigo B Categoría:Xogadores do Granada CF B Categoría:Xogadores do Granada CF Categoría:Xogadores do CD Mirandés Categoría:Xogadores do KP Legia Warszawa