Khvicha Kvaratskhelia (en ), nado en Tbilisi o 12 de febreiro de 2001, é un futbolista xeorxiano que xoga como extremo esquerdo no Paris Saint-Germain, da Ligue 1 francesa, e na selección de Xeorxia.
Comezou a súa carreira no Dinamo Tbilisi, co que debutou aos 16 anos, antes de pasar ao Rustavi, onde xogou media tempada. A continuación xogou tres anos na Liga Premier de Rusia, nas filas do Lokomotiv Moscova e do Rubín Kazán, sendo elixido dúas veces consecutivas como mellor xogador novo da liga. Tras un breve paso polo Dinamo Batumi, fichou en 2022 polo Napoli, ao que guiou na conquista do seu primeiro título da Serie A en 33 anos, acabando como o máximo asistente da liga e sendo elixido mellor xogador da competición. Tamén destacou na Liga de Campións, da que foi elixido mellor xogador novo.
Co PSG conquistou varios títulos, entre eles dúas ligas e dúas Ligas de Campións, sendo elixido mellor xogador da máxima competición europea na tempada 2025/26.
Amplamente considerado como un dos mellores futbolistas xeorxianos da historia, destacou en todas as categorías da selección xeorxiana, debutando coa selección absoluta en 2019.
Traxectoria
Inicios Naceu en Tbilisi, sendo o segundo dos tres fillos do matrimonio formado por Maka Lukava e o exfutbolista xeorxiano Badri Kvaratskhelia, que desenvolvera boa parte da súa carreira en Azerbaidján, polo que recibira a cidadanía dese país e fora internacional coa selección de Azerbaidján.
Formado na canteira do Dinamo Tbilisi, debutou co primeiro equipo en 2017, con só 16 anos, nun partido ante o Kolkheti-1913 Poti. Xogou un total de cinco partidos co primeiro equipo do club, marcando o seu primeiro gol na vitoria por 1-0 ante o Shukura Kobuleti, tres semanas despois do seu debut. As súas actuacións coa selección sub-17 de Xeorxia valéronlle en 2017 o premio Aleksandre Chivadze da Federación Xeorxiana como mellor xogador novo do país, galardón que celebraba a súa primeira edición.
En marzo de 2018 deixou o Dinamo Tbilisi como resultado dunha disputa contractual e asinou co Rustavi. Disputou 18 partidos co equipo de Rustavi na liga xeroxiana, marcando tres goles. En 2018, The Guardian nomeouno como un dos 60 mellores xogadores novos do mundo.esquerda|miniatura| Kvaratskhelia xogando no Lokomotiv Moscova en 2019. En febreiro de 2019 trasladouse a Rusia para xogar cedido no Lokomotiv Moscova da Liga Premier. Debutou o 10 de marzo, substituíndo ao peruano Jefferson Farfán no minuto 86 dun partido ante o Anzhi Makhachkala. Ao remate da tempada deixou o club da capital rusa, a pesar do desacordo do adestrador Iurii Semin, que o consideraba un xogador extremadamente talentoso.
Rubin Kazán En xullo de 2019 asinou un contrato de cinco anos co Rubin Kazán. Debutou contra o seu anterior club, o Lokomotiv, entrando dende o banco de suplentes na segunda metade e marcando o gol do empate final (1-1).
As súas grandes actuacións levárono a ser aclamado pola prensa rusa e o seu valor de mercado multiplicouse por cinco nunha soa campaña. A principios de 2021, L'Equipe publicou unha lista dos 50 mellores xogadores nacidos no século XXI, sendo Kvaratskhelia o único xogador da liga rusa na lista.
Dinamo Batumi O 7 de marzo de 2022, a FIFA anunciou que, debido á invasión rusa de Ucraína, os xogadores estranxeiros en Rusia poderían suspender unilateralmente os seus contratos ata o 30 de xuño, permitíndoselles asinar con clubs doutros países ata a mesma data. O 24 de mrzo de 2022, o Rubin Kazán anunciou que o contrato de Kvaratskhelia fora suspendido. Ese mesmo día, o xogador fichou polo Dinamo Batumi de Xeorxia.
Kvaratskhelia participou en 11 partidos de liga co Dinamo Batumi, marcando oito goles e proporcionando dúas asistencias. A liga xeorxiana nomeouno mellor xogador da segunda volta da competición.
Napoli O 1 de xullo de 2022, o Napoli da Serie A italiana confirmou a fichaxe de Kvaratskhelia, co que asinou un contrato ata 2017. O seu traspaso acordouse nunha cifra de entre 10 e 12 millóns de euros. Debutou o 15 de agosto, na primeira xornada de liga ante o Hellas Verona no Estadio Diego Armando Maradona, partido no que marcou un dos cinco goles do seu equipo, que venceu por 5-2. Na seguinte xornada anotou dous goles ante o Monza, converténdose no primeiro xogador da historia do Napoli en marcar tres goles nos dous primeiros partidos de liga. Ademais, foi nomeado Xogador do Mes da Serie A no seu primeiro mes en Italia. dereita|miniatura| Kvaratskhelia xogando no Napoli en 2023. O 4 de outubro marcou o seu primeiro gol na Liga de Campións na histórica vitoria por 1-6 ante o Ajax no Johan Cruyff Arena. Fixo outro gol e deu unha asistencia no partido de volta unha semana despois, sendo nomeado mellor xogador do partido, e foi incluído no equipo ideal da semana da Champions. Con tres goles e unha asistencia durante o mes de febreiro de 2023, Kvaratskhelia foi nomeado Xogador do Mes da Serie A por segunda vez, converténdose no primeiro xogador en gañar o premio máis dunha vez na mesma tempada. As súas actuacións no seguinte mes valéronlle máis recoñecementos, recibindo un novo premio ao Xogador do Mes da Serie A, un trofeo similar da Asociación de Futbolistas de Italia, e os premios ao Gol do Mes da Serie A e ao Gol da Temporada da Serie A por un asombroso tanto conseguido na vitoria por 2-0 contra a Atalanta o 11 de marzo.
O 4 de maio, tras un empate 1-1 co Udinese, o Napoli proclamouse campión da Serie A por primeira vez en 33 anos. Kvaratskhelia rematou a tempada con 12 goles e como o xogador con máis asistencias (10), recibindo os premios ao mellor xogador da Serie A e ao mellor xogador novo da Liga de Campións. O seu estilo de xogo e a súa fama en Nápoles fixeron que fose alcumado polos seareiros "Kvaradona", en referencia á lenda do Napoli Diego Armando Maradona, grande artífice das dúas únicas ligas gañados polo club ata a chegada de Kvaratskhelia.
O 10 de outubro de 2024 recibiu o seu cuarto galardón como Xogador do Mes da Serie A, igualando o récord de Paulo Dybala. O 16 de xaneiro de 2025 anunciou a súa saída do Napoli nese mesmo mercado invernal.
PSG O 17 de xaneiro de 2025 o Paris Saint-Germain, da Ligue 1 anunciou a fichaxe de Kvaratskhelia, asinando ambas partes un contrato ata 2029. O prezo da operación estimouse nuns 70 millóns de euros máis variables. Converteuse así no primeiro e único futbolista xeorxiano na historia do club. Debutou coa casaca do seu novo club o 25 de xaneiro, nun empate 1-1 diante do Reims, partido no que lle deu unha asistencia a Ousmane Dembélé para facer o único gol do seu equipo. O 7 de febreiro marcou o seu primeiro gol co conxunto dirixido polo asturiano Luis Enrique, nunha vitoria por 4-1 sobre o Monaco. O 19 de febreiro marcou o seu primeiro gol co equipo francés na Liga de Campións, na ampla goleada por 7-0 sobre o Brest.
En abril conquistou o título de liga e en maio a Copa de Francia, converténdose en ámbolos casos no único xeorxiano en conseguilo. O 31 de maio marcou o cuarto dos cinco goles do seu equipo na final da Liga de Campións contra o Inter de Milán, contribuíndo así ao primeiro título da historia do club na competición. Converteuse ademais no segundo xeorxiano en gañar o máximo título continental, só por detrás de Kakha Kaladze. Os éxitos colectivos continuaron na seguinte campaña, na que o PSG gañou unha nova liga, a Supercopa de Francia, a Supercopa de Europa e a Copa Intercontinental da FIFA, marcando Kvaratskhelia nesta última o único gol do seu equipo na final ante o Flamengo. O conxunto de París rematou a tempada gañando a súa segunda Liga de Campións consecutiva, tras derrotar na final ao Arsenal inglés. Kvaratskhelia foi elixido mellor xogador do torneo.
Selección nacional Despois de pasar polas categorías inferiores, debutou coa selección de Xeorxia o 7 de xuño de 2019, como titular nunha eliminatoria para a Eurocopa de 2020 contra Xibraltar. O 14 de outubro de 2020, marcou o seu primeiro gol internacional, nun empate 1-1 ante Macedonia do Norte na Liga das Nacións da UEFA. O 28 de marzo de 2021, marcou un gol contra España, seguido doutro gol tres días despois contra Grecia. O 11 de novembro de 2021, dous goles seus foron vitais para derrotar a Suecia.
Na primeira fase da Liga de Nacións 2022/23 marcou cinco goles en seis partidos, contribuíndo ao primeiro posto da súa selección, que conseguiu así o ascenso á Liga B. En outubro de 2023 marcou cinco goles en catro encontros, converténdose no primeiro xogador xeorxiano en marcar en catro partidos consecutivos.
En marzo de 2024, coa guía de Kvaratskhelia, a selección xeorxiana conseguiu a primeira clasificación da súa historia para unha Eurocopa. Xa na fase final do torneo, celebrada en Alemaña, foi titular en todos os partidos de Xeorxia e no terceiro partido da fase de grupos ante Portugal marcou un dos dous goles do seu equipo, contribuíndo así á clasificación as roldas eliminatorias. Xa en dezaseisavos de final realizou unha boa actuación ante España, pero non puido evitar a eliminación do seu equipo ante a campioa final do torneo.
Vida persoal Casou en outubro de 2023 coa estudante de Medicina Nitsa Tavadze, nunha cerimonia celebrada no mosteiro de Samtavro, en Mtskheta.
Palmarés Lokomotiv Moscova Copa de Rusia (1): 2018/19.
Napoli Serie A (1): 2022/23.
Paris Saint-Germain Ligue 1 (2): 2024/25, 2025/26. Copa de Francia (1): 2024/25. Supercopa de Francia (1): 2025. Liga de Campións da UEFA (2): 2024/25, 2025/26. Supercopa de Europa (2): 2025, 2026. Copa Intercontinental da FIFA (1): 2025.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador no sitio web do Napoli .
Categoría:Nados en 2001 Categoría:Nados en Tbilisi Categoría:Futbolistas de Xeorxia Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do FC Dinamo Tbilisi Categoría:Xogadores do FC Lokomotiv Moscova Categoría:Xogadores do FC Rubin Kazan Categoría:Xogadores do SSC Napoli Categoría:Xogadores do Paris Saint-Germain FC Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Xeorxia Categoría:Xogadores da Eurocopa de Fútbol de 2024 Categoría:Futbolistas gañadores da Liga de Campións da UEFA