Diego Losada Gómez, nado na Coruña o 21 de abril de 1985, é un xornalista, presentador de informativos e reporteiro galego.

Traxectoria Licenciouse en Comunicación Audiovisual pola Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid e realizou un mestrado en Xornalismo de Televisión pola Universidade Rei Xoán Carlos e por RTVE Instituto e outro mestrado en Comunicación Política e Empresarial pola Universidade Camilo José Cela. Tamén realizou estudos de dobraxe.

En 2006 comezou a súa carreira profesional en Radio Fuga Aranjuez, onde dirixiu o programa musical Mardi Gras. Ese mesmo ano tomou o seu primeiro contacto co xornalismo informativo, poñendo voz aos boletíns matinais do programa Herrera en la onda, de Onda Cero, na desconexión local da Comunidade de Madrid-Sur. Escribiu tamén reportaxes para o Semanario Más.

En 2007 comezou a súa carreira na televisión como reporteiro nos informativos de fin de semana de TeleToledo. Meses despois pasou a presentar e editar o informativo das 21:00 xunto a Mónica Rodríguez, nun formato que combinaba información e entrevistas en directo.

En xuño de 2009 entrou na redacción do programa de debate e análise La noche en 24 Horas, presentado entón por Vicente Vallés no Canal 24 Horas. En outubro de 2009 incorporouse á redacción dos Servizos Informativos de TVE, como redactor da sección Sociedade e Cultura do Telediario Fin de Semana, presentado entón por María Casado e David Cantero. A súa dedicación ao narcotráfico e ás cuestións de seguridade nacional valeulle no 2010 o Premio de Xornalismo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado na súa rama da Policía Nacional pola súa reportaxe Los negociadores.

En setembro de 2012, coincidindo co 15º aniversario do Canal 24 Horas, comezou a tempada copresentando xunto a Lara Siscar o programa de información, entrevista e debate La tarde en 24 horas . Durante as dúas tempadas á fronte de La tarde presentou ocasionalmente, como substituto de María San Juan, o programa especializado en información internacional, El mundo en 24 horas .

Dende o 8 de setembro de 2014 ata o 14 de xullo de 2017 presentou o Telediario Matinal xunto a Ana Ibáñez. Entre o 18 de setembro de 2017 e o 20 de outubro de 2018 presentou o informativo Telenoticias 1 de Telemadrid con Lourdes Maldonado. Entre o 5 de novembro de 2018 e o 27 de decembro de 2019 presentou con Ana Ibáñez, España directo Desde entón pasou a ser copresentador e subdirector de La mañana de La 1 con María Casado. Despois da saída desta en maio de 2020, converteuse no principal presentador do formato ata xullo do mesmo ano.

No verán de 2021, foi presentador splente do histórico Informe semanal. Desde setembro de 2020 ata setembro de 2021, foi o presentador de La tarde en 24 horas con Paula Sainz-Pardo, no Canal 24 Horas. Ao mesmo tempo substituíu ao tamén galego Xabier Fortes en La noche en 24 horas cando este estaba ausente. De setembro de 2021 a marzo de 2022 presentou os Telediarios Fin de semana de TVE con Lara Siscar.

En marzo de 2022 deixou TVE e fichou por Mediaset España para presentar o programa En boca de todos en Cuatro. En Telecinco tamén presentou un especial tras a emisión da docuserie Dolores: la verdad sobre el caso Wanninkhof no que se abordaban aspectos deste caso nos medios e o especial Cristina de Borbón, rota de amor sobre a infanta Cristina de Borbón e a súa nova vida tras separarse. de Iñaki Urdangarin.

Con formación musical, é guitarrista e cantante no grupo de indie rock Durden.

Notas

Categoría:Nados na Coruña Categoría:Xornalistas da Coruña Categoría:Presentadores de televisión de Galicia Categoría:Presentadores de Televisión Española Categoría:Alumnos da Universidade Rei Xoán Carlos Categoría:Alumnos da Universidade Camilo José Cela Categoría:Guitarristas de Galicia Categoría:Cantantes de Galicia