Saloth Sar, nado en Prek Sbauv (Kompung Thom) en data incerta (algunhas fontes dan o 19 de maio de 1925Datos biográficos de Pol Pot na BBC, e outras o 19 de maio de 1928Brother Number One, David Chandler, Silkworm Book, 1992 p.7) e finado en Anlong Veng o 15 de abril de 1998, foi un dirixente comunista camboxano coñecido como Pol Pot, líder da guerrilla dos Khmer vermellos dende a xénese destes na década de 1960 até a súa propia morte.
Foi tamén primeiro ministro de "Kampuchea Democrática", que foi a forma na que se constituíu politicamente o actual Reino de Camboxa baixo o poder do seu réxime totalitario entre 1975 e 1979. Creador dun estado de corte maoísta (e polo tanto pro-chinés), Saloth Sar pasou á historia como o principal responsable do denominado xenocidio camboxano, que na actualidade é a principal razón da constitución dun tribunal internacional dende 2006 para xulgar ós líderes sobreviventes do réxime.
Traxectoria Unha vez conseguido o poder en 1975, Saloth Sar levou a cabo unha drástica política de recolocación da poboación dos principais centros urbanos no campo como unha medida determinante cara ao tipo de comunismo que desexaba implantar. Os medios empregados incluíron o exterminio dos intelectuais e outros "inimigos burgueses". O resultado disto foi a desaparición de polo menos un millón e medio de persoas. Tomando as estatísticas presentadas por K. D. Jackson, o 17 de abril de 1975, ano no que os Khmer vermellos tomaron Phnom Penh, había en Camboxa unha poboación de 7,3 millóns de habitantes, reducidos a 6 millóns en 1978K. D. Jackson: "The Khmer Rouge in Context" (tr.gl. "Os Khmer vermellos en contexto"), p.3, en: Cambodia 1975-1979.. K. D. Chandler sinala como motivos deste drástico descenso da poboación -que calcula en 1,5 millóns de desaparecidos- a desnutrición, os traballos forzados e as enfermidades mal atendidas en xeral, pero 200.000 persoas, probablemente máis, foron executadas sen xuízo, clasificados como "inimigos", entre os que se contaban nenos, anciáns e persoas pertencentes incluso ó mesmo PartidoD. Chandler: "Voices from S-21" (tr.gl. "Voces de S-21"), Preface.. Porque a meirande parte das vítimas pertencían á etnia khmer, Jean Lacouture denominou a este proceso "auto-xenocidio"J. Lacouture: "The Bloodiest Revolution" (tr.gl. "A Revolución máis sanguenta").
A súa política incluía a oposición a Vietnam que fixo efectiva con numerosos ataques a ese paísOs Khmer vermellos atacaron illas vietnamitas por vez primeira o 12 de maio de 1975, ó que Vietnam responde coa invasión dunha illa camboxana o 12 de xuño do mesmo ano. O 24 de setembro de 1977 os Khmer vermellos lanzaron intensos ataques a aldeas vietnamitas causando numerosas vítimas: N. Chanda, "Brother Enemy, the War After the War", p. 412., o que causou unha invasión masiva de Camboxa en 1979 que precipitou o réxime cara a súa fin.
Infancia e primeiros estudos Saloth Sar, como xa se dixo, naceu en Prek Sbauv, Kompung Thom, Camboxa, o 19 de maio de 1925 ou 1928Esta sección está fundamentada na obra "The Pol Pot Regime, Race, Power and Genocide in Cambodia under the Khmer Rouge, 1975-1979" de B. Kiernan, pp. 9 e ss., sendo o máis novo de sete fillos dun home de próspera facenda.
Ós seis anos a súa familia trasladouse a Phnom Penh para vivir co seu irmán, un oficial da Garda Real, onde Sar frecuenta o Pagode de Prata. A súa familia tiña conexións coa familia da Dinastía Norodom: unha curmá de Saloth Sar crecera no Palacio Real como bailarina e chegou a ser esposa consorte do rei Sisowath Monivong, a súa irmá máis vella, Saroeung, foi elixida tamén como consorte do rei ós 15 anos, e en 1928 o seu irmán máis vello, Loth Suong, comezou unha carreira de protocolo na corteIdem, B. Kiernan, p. 10., feito que poría a Saloth Sar en contacto coa elite da capital e do budismo khmer. Aprendeu ben o francés e estudou coa elite católica de Camboxa, aínda que nunca recibiu un diploma.
Como moitos estudantes do seu tempo, Saloth Sar uniuse ós movementos anticolonialistas da Indochina Francesa (Camboxa, Vietnam e Laos) liderado polo que sería o máximo representante da revolución vietnamita: Ho Chi Minh. Entraría entón en contacto co Partido Comunista Indochino, que era entón ilegal no país.
Saloth Sar en Francia En 1948, baixo a rexencia do novo rei Norodom Sihanouk, gañou unha bolsa de estudos do Goberno para estudar radioelectricidade en París con rapaces como Thiounn Thioeunn, Chumm e o seu irmán Mumm. Despois de desembarcar en Marsella, chega en tren a París o 1 de outubro de 1949. Inscríbese na Escola Francesa de Radioelectricidade, aínda que nunca demostrou moito interese polos estudos, de feito non chegou a rematalos. Na capital francesa, o grupo camboxano demostrou un gran nacionalismo e a oposición a calquera inxerencia vietnamita nos asuntos camboxanos. Antes da chegada de Saloth Sar a Francia, en xullo de 1946, os membros deste grupo rexeitaran asistir a unha reunión con Ho Chi Minh, na Conferencia de Fontainebleu, nos arredores de ParísIdem, B. Kiernan, p. 10-11..
Formou parte do capítulo camboxano do Partido Comunista Francés, o que o levaría a fundar o chamado "Grupo de Estudo de París", célula principal que xeraría os futuros Khmer vermellos e no cal participarían Ieng Sary, Khieu Samphan, Khieu Ponnary e Son Sen, quen serían pezas fundamentais na conformación do devandito movemento. Este grupo adicouse entón ao afondamento das ideas marxistas e do comunismo sempre en relación co Partido Comunista Francés. Traballaron arduamente en adherir os estudantes camboxanos en Francia ás súas ideas revolucionarias en contra da monarquía do rei Norodom Sihanouk, quen entón avanzaba na súa propia loita anticolonialista. Na súa obra Monarquía ou democracia afirma:
Regresa ó seu país en 1953 sen ter obtido o diploma despois de tres intentos por acadalo. Xa en Camboxa, casa con Khieu Ponnary, compañeira do Grupo de Estudo de París e a primeira muller camboxana en obter un diploma; e escollen o aniversario da Toma da Bastilla, 14 de xullo de 1956, para o seu matrimonio. Ieng Sary casaría coa irmá de Khieu Ponnary, estudante de William Shakespeare, de nome Khieu Thirith. O "Grupo de Estudo de París" sería a célula principal dos acontecementos que se desenvolverían nas seguintes catro décadas"Most of the Pol Pot's Paris friends, like the Thiounn brothers, Khieu Samphan, and two Khmer Krom students, Ien Sary and Son Sen, remained in his circle for over forty years" (tr.gl. "A maioría das amizades de París de Pol Pot, como os irmáns Thiounn, Khieu Samphan e dous khmer da Kampuchea Krom (o sur de Vietnam), Ien Sary e Son Sen, permanecerían no seu círculo durante máis de corenta anos), Idem, B. Kiernan, p. 11..
Regreso a Camboxa Saloth Sar atopa no seu regreso a Phnom Penh unha Camboxa convulsa entre o rei Norodom Sihanouk, quen pretendía tomar a bandeira da independencia do país e non deixar que o fixesen os comunistas e as faccións radicais, que esixían a Francia unha independencia inmediata.
O futuro Pol Pot únese entón á alianza comunista vietnamita-khmer onde os vietnamitas lle aprenden como "traballar coas masas de base, fundar os comités de independencia a nivel de aldeas, membro por membro"Idem, B. Kiernan, p. 11, pero segundo testemuña dun antigo camarada de Pol Pot, este dicía que a independencia camboxana debía ser liderada exclusivamente polos mesmos camboxanosB. Kiernan, "How Pol Pot, pp. 30-32, 119-122.. Os intentos de restablecer a antiga orde colonial por parte de Francia logo da derrota do Xapón en 1945 víronse obstaculizados por un forte sentimento nacionalista manifestado en protestas e que tería como máximo estímulo a detención de dous monxes budistas en 1942 polos seus sermóns pro-nacionalistas. Algúns dos monxes uniríanse ás loitas pola independencia; dous dos máis soados serían Son Ngoc Minh e Tou Samouth que en 1946 se afiliarían ao Partido Comunista de Indochina liderado por Ho Chi Minh e que serían os fundadores do Partido Comunista de Camboxa. Pero o ideal de Saloth Sar sempre permaneceu firme respecto a manter unha separación de calquera influencia vietnamita ou doutras nacións.
Saloth Sar como revolucionario O Partido Comunista Indochino disolveuse en 1951 nas tres faccións nacionais (Vietnam, Camboxa e Laos). A facción camboxana daría orixe ó Partido Revolucionario Popular de Kampuchea, PRPK, coa presenza preponderante de Saloth Sar e o seu "Grupo de Estudo de París", como xa se indicou.
O rei Norodom Sihanouk adiantaría unha campaña de represión do comunismo no país, tanto previa como posterior á independencia en 1954 e o seu recoñecemento en 1957, en parte tamén motivado polo seu temor a calquera influencia vietnamita. Colaborou na fundación do Partido Comunista Camboxano. En 1962 é asasinado Tou Samouth, o principal líder do comunismo camboxano e cuxa morte permanece sumida no misterio. Algunhas fontes suxiren que iso formaba parte da estratexia de Saloth Sar para garantir o dominio absoluto do seu liderado no Partido Comunista, xa que efectivamente se presenta para dirixilo, como suxire Kiernan:
A disputa entre o radicalismo de Saloth Sar caracterizado pola súa posición abertamente antiestadounidense e antivietnamita por unha banda, e quen defendían un comunismo moderado pola outra, faise evidente e tráelle antipatías de parte de Vietnam xa a finais dos 60. Así o expresou o viceministro de relacións exteriores de Hanoi ó xornalista Nayan Chanda en 1978 referíndose ó grupo de Pol Pot como "partisanos" que "non tiveron unha participación activa nas loitas de independencia", non seguiron a "liña correcta" ó lado vietnamita en Camboxa e cuxo comunismo era "infantil""N. Chanda: "Brother Enemy", p. 60..
Comeza a Guerra de Vietnam A guerra de Vietnam (1958 - 1975) significaría para Camboxa a apertura a un longo período de guerra e inestabilidade. O príncipe Norodom Sihanouk, entón primeiro ministro, declarou o país neutral no conflito. Denunciou reiteradamente a inxerencia doutros Estados nunha situación que Sihanouk vía como exclusiva dos vietnamitas no seu intento de reunificar o país. Esta postura anti-intervencionista púxoo en contraposición dos intereses estadounidenses. Pola súa banda, Estados Unidos insistiu en que o príncipe sostiña unha neutralidade ficticia e que prestaba o territorio camboxano como refuxio do Viet CongM. Osborne: . O 18 de marzo de 1970, mentres o príncipe estaba nunha xira internacional, o xeneral Lon Nol, co apoio de Washington, levou a cabo un golpe de Estado e aliñou a Camboxa cos Estados Unidos e Vietnam do Sur. Este feito non significou outra cousa que unha oportunidade histórica para Saloth Sar. Co príncipe afastado do poder e un inimigo visible como Lon Nol, os Khmer vermellos poderían coller as bandeiras da liberación do país que Sihanouk non permitira durante a independencia do mando francés. O Grupo de Estudo de París tomou o control definitivo do PRPK e cambioulle o nome polo de Partido Obreiro de Camboxa. Entre as súas primeiras decisións estaría a separación definitiva de calquera nexo vietnamita. Saloth Sar xa fora elixido primeiramente Camarada Tres no comité central do partido, e - logo da misteriosa morte de Samouth - Secretario Xeral do POC en 1968. En xullo de 1970, despois do golpe de Estado de Lon Nol, Saloth Sar e moitos dos membros do POC deixaron Phnom Penh e crearon unha guerrilla denominada Oficina 100 nas fronteiras con Vietnam do Norte, ó nordeste de Camboxa. Nese momento o Viet Cong pediulle atrasar a súa axenda revolucionaria en Camboxa até que os estadounidenses fosen expulsados de Vietnam do Sur.