Sinesio Vaudilio García Fernández, coñecido como Diego Abad de Santillán, nado en Reyero (provincia de León) o 20 de maio de 1897 e finado en Barcelona o 18 de outubro de 1983, foi un militante e teórico anarquista e escritor español.
Traxectoria Naceu nunha familia de campesiños pobres, aos oito anos de idade emigrou a Arxentina cos seus pais, Donato García Paniagua e Anxela Fernández. En 1913 volveu a España e comezou a estudar o bacharelato en León e marchou posteriormente a Madrid para estudar Filosofía e Letras. Nunha das súas primeiras obras, El derecho de España a la revolución (1916) adoptou o pseudónimo de Diego Abad de Santillán. Participou na folga xeral de 1917 e estivo na cadea ano e medio, alí fixo amizade con Salvador Seguí e comezou a militar no movemento anarquista. Logo de saír do cárcere e para evitar o servizo militar marchou a Arxentina e integrou a Federación Obrera Regional Argentina e dirixiu o seu órgano La Prostesta. Abad de Santillán foi clave para que esa central sindical non caese baixo o influxo das ideas marxistas que se espallaban con enorme forza logo da revolución rusa. En 1922 fuxindo da represión desatada tras a folga de Patagonia marchou para Berlín, estudou medicina e foi un dos fundadores da Asociación Internacional de Traballadores.
En 1927 regresou a Arxentina e en 1930 tras ser condenado a morte tras o golpe de estado de José Félix Uriburu fuxiu ao Uruguai onde permaneceu ata a proclamación da República en España. Dirixiu o órgano da FAI, Tierra y Libertad e a revista teórica Tiempos Nuevos. Residente en Barcelona cando se produciu o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, participou activamente contra os sublevados na cidade, contribuíndo a organizar o Comité de Milicias Antifascistas de Cataluña, foi conselleiro de Economía da Generalitat de Cataluña (decembro de 1936-marzo de 1937), crítico co goberno de Juan Negrín e coa actuación do PCE durante a guerra. Tras a derrota da República volveu a Arxentina, fundou varias editoriais, traduciu a Bakunin e editou a Gran Enciclopedia Argentina. En 1976 volveu a España pero decepcionado coa actuación da CNT volveu a Arxentina. Regresou a España en 1983, xa enfermo, morrendo aos poucos meses.
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Anarquistas de Castela e León Categoría:Nados na provincia de León Categoría:Nados en 1897 Categoría:Finados en 1983 Categoría:Anarcosindicalistas