Ángela María Mariño Varela, coñecida como Ánxela Mariño, nada en Vilagarcía de Arousa en 1969, é unha artista, pintora e profesora galega. Desenvolve a súa actividade principalmente no campo das artes pictóricas.

Traxectoria Estudou na Facultade de Formación do Profesorado en Pontevedra, na Universidade Nacional de Educación a Distancia e na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. É membro da Asociación Profesional de Artistas de Galicia, A Colectiva. En 1998 instalouse na Estrada, e alí a súa pintura deriva na procura de novas vías artísticas con obras de diverso tipo: expresionistas como soños (2000); cubistas como sombreiros (2002), cabelo (2003); fauvistas, como dedos (2000), Ría de Ferrol (2001); ou postimpresionistas. como bodega (2004) caracois (2005), cunchas e charco (2006). A súa traxectoria artística inclúe tamén gravados como momentos da túa vida (2005-2006); relevos, como liñas de area (2005); alén de debuxos impresionistas, como rostros (2010- 2011), De muller (2010); e pezas surrealistas, como Serie oníricos (2011), ou erótica (2016). Ademais, a pintora tense adentrado nos campos da escultura, con liñas (2010), e da fotografía conceptual, con Lyrics (2012), Orgánico ou What about the room (2015).

Alén de artista, a pintora é docente no IES de Pontepedriña, especialista en pedagoxía terapéutica, e promove e participa en varias asociacións ecoloxistas. A obra da artista está realizada utilizando técnicas variadas tanto en pintura, como en debuxo, e tamén escultura.

A artista realizou xa varias exposicións na cidade ao longo da súa carreira, nos Centros Socioculturais da Rocha, Sar e Conxo, onde expuxo a colección de gravados. Tamén ten participado en exposicións colectivas como Tiene un algo que es un no sé qué, dirixida por Chelo Matesanz, na Cidade da Cultura, así como na Walking Gallery 2016 celebrada na cidade.

Unha das series foi presentada na exposición Co-existencias no Claustro do Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, programada pola Área de Cultura da USC.

Notas

Categoría:Nados en 1969 Categoría:Pintores de Galicia do século XXI Categoría:Nados en Vilagarcía de Arousa Categoría:Profesores de educación secundaria Categoría:Alumnos da Universidade de Vigo Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes