Areteo chamado a miúdo o Capadocio (latín Aretaeus, grego antigo Αρεται̂ος Καππάδοξ) foi un médico grego, un dos máis famosos de todos os médicos gregos antigos, pero non se coñecen detalles da súa vida. Traxectoria Probabelmente viviu no século I durante os reinados de Nerón e Vespasiano. Escribiu en grego xónico un tratado xeral sobre enfermidades que aínda existe, onde describía os síntomas minuciosamente. O seu sistema de loita contra as enfermidades era bastante intelixente e máis enérxico que o dos metódicos. Na súa práctica seguiu as ensinanzas de Hipócrates, pero prestou pouca atención ao que se chamaba "as accións naturais do sistema" e ao contrario do seu inspirador, non dubidaba en contrarrestalas cando lle parecían prexudiciais.
Polo que se deduce dos seus tratamentos, utilizaba purgas, narcóticos, flebotomías e elementos externos. Algúns o consideran membro da seita dos pneumáticos, próxima á escola dogmática, porque mantiña doutrinas similares ás desta escola de medicina, e segundo outros debería situarse na seita dos eclécticos ou empíricos.
A súa obra consta de oito libros, dos cales catro se titulan Περὶ Αἰτιω̂ν καὶ Σημείων ̓Οξέων καὶ Χρονίων Παθω̂ν, De Causis et Signis Acutorum et Diuturnorum Morborum, e os outros catro Περὶ Θεραπείας ̓Οξέων καὶ Χρονίων Παθω̂ν, De Curatione Acutorum et Diuturnorum Morborum, conservados case completos, aínda que faltan algúns capítulos.
Notas
Categoría:Nados no século I Categoría:Finados no século II Categoría:Nados na Grecia antiga Categoría:Médicos Categoría:Escritores en lingua grega antiga