A cultura Chimú, tamén Reino de Chimor ou Imperio Chimú, foi unha cultura que xurdiu no actual Perú ao redor do ano 900, sucedendo á cultura moche, e posteriormente foi conquistada polo emperador inca Topa Inca Yupanqui ao redor de 1470, cincuenta anos antes da chegada dos españois á rexión. Chimú foi o reino máis grande do Período Intermedio Tardío, abarcando 1.000 km de costa.

Segundo as historias orais, Chimú comezou coa chegada de Taycanamo ao val de Moche dende o mar nunha balsa. Desde alí os seus descendentes conquistarían os arredores comezando polo seu fillo Guacriur. Guacricur integrou o reinado Chimú sobre o val inferior e Ñancempinco, o neto de Taycanamo ampliaría o reino conquistando o val superior.

Os primeiros vales pareceron unirse de boa gana, pero o territorio influenciado pola cultura sicán foi adquirido mediante a conquista. Tamén foron significativamente influenciados polas culturas pre-incas cajamarca e wari. Segundo a lenda, a súa capital Chan Chan foi fundada por Taycanamo, que chegou á zona por mar. Chimú foi o último reino que tivo algunha posibilidade de deter o Imperio Inca. Pero a conquista inca comezou na década de 1470 por Topa Inca Yupanqui, derrotando ao emperador e descendente de Taycanamo, Minchançaman, e estivo case completa cando Huayna Capac asumiu o trono en 1493.

Os Chimú residían nunha franxa de deserto da costa norte do actual Perú. Os ríos da comarca labraban unha serie de veigas, moi chairas e ben adaptadas ao rego. A agricultura e a pesca foron ambas moi importantes para a economía chimú.

Adorando a lúa, os chimús, a diferenza dos incas, considerábana máis poderosa que o sol. As ofrendas xogaron un papel importante nos ritos relixiosos. Un obxecto común para as ofrendas, así como un utilizado polos artesáns, era a cuncha do marisco Spondylus, que só reside nas augas cálidas costeiras fronte ao actual Ecuador. Asociadas ao mar, ás precipitacións e á fertilidade, as cunchas de Spondylus eran moi apreciadas e comercializadas polo pobo chimú, e o intercambio das cunchas tivo un importante papel económico e político no imperio.

O pobo Chimú é máis coñecido pola súa distintiva cerámica monocromática e o traballo fino de metal de cobre, ouro, prata, bronce e tumbaga. A cerámica adoita ter formas de criatura ou de figura humana sentada ou de pé sobre unha botella cuboide. O acabado negro brillante da maioría da cerámica chimú conseguiase cocendo a cerámica a altas temperaturas nun forno pechado, o que impedía que o osíxeno reaccionase coa arxila.

Notas

Categoría:Estados da Idade Media Categoría:Culturas precolombianas do Perú Categoría:Historia do Perú