A Feira da carne ó caldeiro e produtos locais é unha festa de exaltación culinaria e de produtos da comarca que se celebra en Castro de Carballedo no mes de abril desde o ano 2001.

A feira No ano 2000, por mor da encefalopatía esponxiforme bovina, produciuse unha diminución na venda de carne de becerro e en Castro decidiuse exaltar a carne ao caldeiro para tirar o medo ás ‘vacas tolas’ e demostrar a confianza no produto. Encargouse da organización a Asociación de Veciños Bubaíño, con Hita Gómez Neira á cabeza e participa toda a xente de Castro. Son os carniceiros do lugar os que preparan a carne de becerro ese día. Comezaron só os veciños, en 2007 xa recibiu axuda da Xunta de Galicia e cos anos foron incorporándose o Concello de Carballedo, a Deputación de Lugo, o Sindicato Labrego Galego e a Caixa Rural.

Durante todo o día hai exposicións de artesanía e venda de produtos da contorna: viño, porco celta, pan, queixos etc. Tamén se fan obradoiros hai actuacións musicais. Cada ano encárgase de dar o pregón algunha figura coñecida da contorna.

O prato principal do xantar é a carne ao caldeiro, pero tamén se pode comer carne richada e polbo á feira.

A carne ao caldeiro Segundo Ramón Rodríguez Porto a carne de becerro ao caldeiro puido nacer arredor da Casa de Cartelos (orixinaria dos Temes). Trouxérona os arrieiros maragatos e axiña se fixo moi popular impulsada polos frades de Oseira. Na contorna o nome tradicional é do "carne cocida" ou "vitela cocida".

Parte do segredo da calidade da carne en Castro está en ter boa materia prima (mellor becerro pinto), botarlle unto castelán e cocer en auga sen cloro con lume lento de carballo, deixala escumar ben e darlle o repouso axeitado. Nas feiras teñen un sistema especial de cocer a carne: díselle ao carniceiro cantos son a comer e el xa prepara anacos de diferentes partes do becerro que engarza nun arame, a ese arame ponlle un número e anota nun papel o nome e o número. Á hora de comer vaise coller a carne, o carniceiro mira o número no papel e tira polo arame correspondente. Este sistema lembra o "alambre de res" mexicano. Tamén se conta que o costume vén de cando cada arrieiro traía os seus anacos de carne atados cun cordel que metía a cocer no caldeiro común.

A tradición era comer as “postas de carne” nunha fonte común, sen pratos, íase picando nos diferentes anacos e así arrefriaba menos. Tamén son típicas as cuncas do caldo que queda no caldeiro tomadas moi quentes na sobremesa. Pode servirse con patacas ou comida con navalla enriba dun anaco de pan de Cea.

Son moitas as festas da carne ao caldeiro en Galicia e ten tamén moita fama a servida nas feiras da Peroxa e da Gouxa.

Tamén é típica de Castro (ou de Forcarei) a "carne richada": carne de vitela cortada en anacos pequenos e fritida, con cebola.

Edicións I: abril de 2001. II: abril de 2002. III: abril de 2003. IV: abril de 2004. V: abril de 2005. VI: 26 de marzo de 2006. VII: (20, 21) 22 de abril de 2007. Conferencias de Eloi Villada e Xosé Ramón Cendán VIII: abril de 2008. IX: (18) 19 de abril de 2009. Exposición etnográfica da asociación Barcas do Minho. X: 11 de abril de 2010. Pregón de Mini. XI: 3 de abril de 2011. Pregón de Xosé Lois García, actuación da Banda Cultural de Carballedo. XII: 22 de abril de 2012. Pregón de Afonso Eiré. XIII: 14 de abril de 2013. Pregón de Mercedes González, presidenta da Asociación Galega de Sumilleres. XIV: 4 de maio de 2014. Pregón de José Antonio Rodríguez, de San Mamede. XV: 12 de abril de 2015. Pregón de Xosé Lois Grande Grande. XVI: 10 de abril de 2016. Pregón de Lois Diéguez, actuacións de Mago Dani e Velaísca. XVII: 23 de abril de 2017. Pregón de Xosé Lois González Vázquez, creador do Carrabouxo. XVIII: 8 de abril de 2018. Pregón de Baldomero Iglesias, Mero. XIX: 7 de abril de 2019. Pregón de Anxo González Guerra, actuación dos Chantadinos.

En 2020 e 2021 a feira non se celebrou por mor da pandemia da COVID.

XX: 23 de abril de 2023. Pregón de Rubén Camilo Lois González. Actuacións de Falcatrueiros, Charanga Unión Phenosa e Ce Orquesta Pantasma. XXI: 14 de abril de 2024. Pregón de María Vázquez. Actuacións de Charanga Unión Phenosa e Paco Nogueiras. Ruta guiada polo románico do sur de Carballedo (A Cova e Chouzán). XXII: 13 de abril de 2025. Antes, degustación de porco celta o 12 ás 8 da tarde polo programa "Un gusto de rural, un rural de Gusto" da Deputación de Lugo. XXIII: 5 de abril de 2026.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

2019: Pregón de Anxo González Guerra 2024: Canle Ribeira Sacra: vídeo da Feira. 2024: Pregón de María Vázquez, Canle Ribeira Sacra.

Categoría:Carballedo Categoría:Festas gastronómicas de Galicia Categoría:Carne e produtos cárnicos