O HLA-E (antíxeno de histocompatibilidade de clase I HLA, cadea alfa E, tamén coñecido como antíxeno MHC de clase I E) é unha proteína que nos humanos está codificada no xene HLA-E do cromosoma 6. O HLA-E humano é unha molécula do MHC de clase I non clásica que se caracteriza polo seu limitado polimorfismo e unha menor expresión na superficie das células que os seus parálogos clásicos. O homólogo funcional en ratos denomínase Qa-1b, agora coñecido oficialmente como H2-T23.

Estrutura

Como outras moléculas do MHC de clase I, o HLA-E é un heterodímero que consta dunha cadea pesada α e unha cadea lixeira (β-2 microglobulina). A cadea pesada é de aproximadamente 45 kDa e está ancorada á membrana. O xene HLA-E contén 8 exóns. O exón 1 codifica o péptido sinal, os exóns 2 e 3 codifican os dominios α1 e α2, polos cales se une ao péptido, o exón 4 codifica o dominio α3, o exón 5 codifica o dominio transmembrana, e os exóns 6 e 7 codifican a cola citoplasmática.

Función O HLA-E ten un papel moi especializado no recoñecemento polas células asasinas naturais (células NK). O HLA-E únese a un conxunto restrinxido de péptidos derivados dos péptidos sinal das moléculas do MHC de calse I clásicas, concretamente HLA-A, -B, -C e -G. Estes péptidos libéranse da membrana do retículo endoplasmático (RE) pola acción da peptidase de péptido sinal e son recortados polo proteasoma citosólico. Despois do seu transporte ao lume do RE polo transportador asociado co procesamento do antíxeno (TAP), estes péptidos únense a un suco de unión a péptidos que hai na molécula do HLA-E. Isto permite que o HLA-E se ensamble correctamente e se exprese na superficie celular. As células NK recoñecen o complexo HLA-E + péptido usando o receptor heterodimérico CD94/NKG2A/B/C. Cando interveñen o CD94/NKG2A ou o CD94/NKG2B, isto produce un efecto inhibitorio na actividade citotóxica da célula NK para impedir a lise celular. Porén, a unión do HLA-E a CD94/NKG2C (ver KLRC2) ten como resultado a activación da célula NK. Esta interacción viuse que orixina a expansión dos subconxuntos de células NK en respostas antivirais, nas cales as células NK adaptativas que expresan CD94/NKG2C poden recoñecer especificamente antíxenos peptídicos derivados do citomegalovirus humano (HCMV).

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Kuby Immunology, 6ª edición, by Thomas J. Kindt, Richard A. Goldsby, and Barbara A. Kuby W. H. Freeman and Company, Nova York

Categoría:Complexo maior de histocompatibilidade