Andrés de Prada e Gómez de Santalla, nado arredor de 1545 en Outarelo (O Barco de Valdeorras) e finado en Madrid o 13 de xuño de 1611, foi un político galego, secretario dos reis españois Filipe II e Filipe III.
Traxectoria
Comezou a súa carreira na Corte real en 1568, ao servizo do príncipe Xoán de Austria, bastardo de Carlos I de España, con quen participaría en accións diversas en Flandres, nas guerras contra os mouriscos na Alpujarra, 1569-1571, e mais na batalla de Lepanto, 1571. Cando morre o príncipe en 1578, Andrés de Prada era xa o seu secretario. En 1584 o marqués de Villafranca nomeouno gobernador dos seus estados. Mais á morte de Juan Escobedo, o rei Filipe II chamouno para que se ocupase dunha das Secretarías de Guerra, con xurisdición sobre España e o Norte de África. Ao mesmo tempo o rei faino Secretario persoal. Por cada cargo de Prada pasa a cobrar un soldo de 100.000 marabedís.
En 1600 o novo monarca Filipe III noméao Secretario do Consello de Estado para Francia, Flandres e Alemaña, cargo no que foi cesado en 1610, para pasar a ocupar a Secretaría de Estado para Italia, á par que conservaba a Secretaría de Guerra que levaba desde a época do Rei Prudente.
Foi nomeado Cabaleiro de Santiago, e Comendador da vila de Ocaña (provincia de Toledo), pero sen dereito a sucesión. Ademais obtería o dereito a crear un morgado na súa localidade natal de Outarelo, que herdaría, por falta de descendencia propia, o seu sobriño Diego de Prada e González, converténdose no segundo Señor da Casa de Outarelo. Levou a Outarelo o cranio do santo Francisco Blanco, mártir no Xapón.. Notas
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos Andrés de Losada e Prada
Categoría:Políticos de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes finados hai máis de 80 anos Categoría:Finados en 1611 Categoría:Nados no Barco de Valdeorras Categoría:Nobres de Galicia do século XVI Categoría:Nobres de Galicia do século XVII