A lingua literaria é o rexistro lingüístico dunha determinada linguaxe empregada na escrita literaria. Tamén pode incluír a lingua litúrxica. A diferenza entre formas literarias e non literarias (lingua coloquial) é máis pronunciada nunhas linguas ca noutras; cando hai unha gran diverxencia, dise que a lingua presenta diglosia.
O latín clásico era o rexistro literario do latín, a diferenza do latín vulgar que se falaba en todo o Imperio Romano. O latín levado polos soldados romanos á Galia, Iberia e Dacia non era o latín das obras de Cicerón ou doutros autores clásicos, con grandes diferenzas de vocabulario, sintaxe e gramática.L. R. Palmer. The Latin Language (repr. Univ. Oklahoma 1988, ISBN 0-8061-2136-X) Algunhas obras literarias que amosan o rexistro máis baixo da lingua durante o período do latín clásico poden dar unha idea do mundo do latín vulgar arcaico; as obras de autores como Plauto e Terencio, por seren comedias con diferentes personaxes, como escravos ou pertencentes ás clases baixas, conservan algunhas características latinas basiletais, como o discurso dos libertos rexistrado na sección Cea Trimalchionis do Satiricón, novela escrita por Petronio. Durante o terceiro Concilio de Tours de 813, ordenouse aos sacerdotes que predicasen en lingua vernácula, xa sexa na lingua rústica románica (latín vulgar) ou en linguas vernáculas xermánicas, pois a xente xa non podía entender máis o latín formal.
Ás veces, unha lingua literaria é só unha convención entendible polos falantes pero en realidade non falada vernaculamente por ninguén. Por exemplo o alto alemán antigo aínda que usa léxico altoxermánico dos séculos VIII e IX usa unha sintaxe que en moitos puntos imita a gramática e a orde do latín, polo que moitas das súas oracións parecen máis ben latín clásico parafraseado en altoxermánico, mentres que na lingua coloquial a gramática non calcaba as estruturas latinas. Outro caso interesante é o francoitaliano que se usou para a primeira versión das viaxes de Marco Polo no século XIII, xa que aínda Dante Alighieri non escribira A divina comedia que a partir de mediados do século XIV sería amplamente usada como estándar literario na península italiana, a pesar de que coloquialmente en moitas rexións empregábanse linguas romances diferentes do toscano medieval de Alighieri.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Crystal, David (ed.), The Cambridge Encyclopedia of the English Language (Cambridge, 2003) ISBN 0-521-53033-4 McArthur, Tom (ed.), The Oxford Companion te lo the English Language (Oxford, 1992), ISBN 0-19-280637-8 McArthur, Tom, The English Languages (Cambridge, 1998) ISBN 0-521-48582-7
Categoría:Literatura Categoría:Sociolingüística