Arthur Francis George Kerr, nado en Kinlough en 1877 e finado en 1942, foi un médico e botánico irlandés. É especialmente coñecido polas súas achegas ao estudo da flora de Tailandia.
Traxectoria A. F. G. Kerr naceu en Kinlough (Irlanda), mais estudou en Dorchester (Inglaterra). Posteriormente, regresou a Irlanda para graduarse en Medicina e Botánica polo Trinity College de Dublín. Foi enviado a Siam (actual Tailandia) en 1902, exercendo a medicina en varios lugares do país.
Durante a súa estancia, realizou numerosas descricións da flora local de Tailandia e outras rexións do sueste asiático. A súa colección de espécimes, de máis de 20,000 exemplares, foi fundamental para o estudo da flora tailandesa. Tras a súa morte, foi doada ao Museo Británico. Kerr tamén impulsou a outros botánicos, como Emily Collins, a recoller espécimes de plantas.
En 1903, casou con Daisy Muriel Judd, coa que tivo tres fillas.
Obra
Botánica Kerr aportou algúns nomes botánicos, como o xénero Dimetra (Oleaceae). Porén, a súa gran contribución á botánica foi a súa colección de flora tailandesa, xunto coas súas descricións, estudos e diarios de viaxe. As pormenorizadas anotacións permiten situar os espécimes xeograficamente con gran precisión.
Outros campos No ámbito da lingüística e a etnografía, Kerr foi o primeiro occidental en documentar o pobo gong e a súa lingua, nun artigo de 1927. Tamén realizou fotografías e descricións da Tailandia de comezos do século XX, que constitúen unha importante fonte documental.
Influencia Existen varias especies nomeadas na súa honra, como o Dipterocarpus kerrii, o Hoya kerrii, o Loranthus kerrii, o Nepenthes kerrii, o Platanus kerrii ou o Rafflesia kerrii. Tamén hai algúns xéneros de plantas que levan o seu nome, como o Kerriochloa, o Kerriodoxa, o Kerriothyrsus e o Afgekia, que procede dunha abreviatura dos seus nomes.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Finados en 1942 Categoría:Nados en 1877 Categoría:Botánicos de Irlanda