María de la Concepción Vázquez Martínez, máis coñecida como Concha Vázquez, nada en Santiago de Compostela o 7 de decembro de 1906 e finada na mesma cidade o 3 de xullo de 1971, foi unha pintora galega. Asinou algunhas das súas obras como Concha Vázquez Eleicegui Martínez.
Traxectoria Naceu en 1906, sendo a terceira de cinco irmáns nados nunha familia que, á parte dos escritos inéditos do seu pai, non tivera vínculos co mundo artístico.
Aos dezaoito anos, comezou a súa formación na pintura da man de Juana Brocos, que lle ensinou os conceptos básicos, seguindo os métodos tradicionais de ensino artístico, consistente en copiar láminas e figuras de xeso.
Dous anos despois, ingresou no taller de Tito Vázquez, considerado o pai da escola compostelá de pintura, co que tamén se formaron artistas como Elvira Santiso, Juan Luis López, Lino Martínez Villafínez ou Manuel López Garabal. Neste taller tivo un método de ensino completamente distinto, baseado no estudo directo do natural. Incorporou nas súas obras os retratos de cabezas de persoas anciás e unha paleta rica en tonalidades terrosas, amarelas e carmín e comezou a asinar a súa obra como "Concha Vázquez Eleicegui Martínez" para deixar claro que non era sobriña do mestre, motivo polo que utiliza os dous apelidos do seu pai.
En 1928, baixo a tutela de Tito Vázquez, participou na exposición Rexional de Arte Galega celebrada en Vilagarcía de Arousa con dúas cabezas. En 1929 abriu o seu primeiro estudo de arte e en 1930 realizou a súa primeira exposición individual na sala do Club Náutico de Vigo.
Mudouse co seu irmán José á aldea de Mallas, en Fisterra, cando este finalizou a carreira de Medicina, xa que, sendo solteiro, necesitaba a alguén que o acompañase e o axudase coas tarefas domésticas da súa casa e na consulta. Debido á guerra civil española, regresou a Santiago de Compostela, onde tivo que comezar a traballar xa que o seu pai se xubilou e os seus irmáns foran suspendidos de pago. Durante un ano traballou como axudante de sección no taller de Artes Industriais de Ramón Torres Carraqué.
A súa pintura, cun estilo orixinal, inscribiuse na corrente rexionalista, caracterizada por un forte humanismo e a súa capacidade para captar a mirada e transmitir a carga emocional dos seus modelos. Nas súas obras reflectiu o cambio das mulleres campesiñas e do mar na Galicia do século XX. Tamén introduciu elementos das súas etapas vitais, como xoguetes infantís na época das súas maternidades ou, como no caso do seu último cadro, no que retratou xoguetes do seu neto.
O 17 de setembro de 1939, casou co pintor Manuel López Garabal. A partir de 1948, realizaron numerosas exposicións xuntos nas principais cidades de Galicia e en Madrid. En abril de 1957, realizou con grande éxito de crítica e público unha exposición presentada polo académico Xulio Sigüenza nos Salóns Macarrón de Madrid, que foi impulsada polo Centro Galego e patrocinada polo pintor Fernando Álvarez de Sotomayor. Ese mesmo ano, tras a inauguración doutra exposición na sala da Unión Protectora de Artesáns en Santiago de Compostela, sufriu unha serie de graves enfermidades que deterioraron a súa saúde e impedíronlle, entre outras cousas, volver expor en Madrid.
En 1964, Concha Vázquez, xunto con pintores do taller de Tito Vázquez e outros artistas como Felipe Criado, Manuel Pesqueira, Segundo Hevia ou Antonio Moragón, formou o grupo que se denominou 'Mateo'.
O 3 de marzo de 1971, inaugurou en Santiago a que foi a súa última exposición en vida, enfermando esa mesma noite. Poucos días antes, enviara dous cadros á I Exposición Nacional Trienal de Belas Artes. Finou o 3 de xullo de 1971.Necrolóxica en La Voz de Galicia, 4-7-1971, p. 34.
A súa familia, legou parte da súa obra á cidade de Santiago de Compostela.
Recoñecementos En 1971, o xurado da I Exposición Nacional Trienal de Belas Artes concedeulle por unanimidade a Medalla de Honra como homenaxe póstuma á súa obra e dedicación artística.
O concello de Santiago de Compostela dedicou unha sala á súa pintura no museo da cidade.
Obra Algunhas das súas obras máis destacadas foron:
El zapatero, 1930 Manolito, 1948 Carga de Manzanas, 1948; Conchita, 1949 Naiciña, 1950 La niña del remolino, 1951 Gitana, 1951 En el mercado, 1954 Lavanderas, 1956 Familia marinera, 1956 Moziños, 1963 Muchachas en el mercado, 1970.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
J. M. B. López Vázquez, Concha Vázquez Pintora Compostelana, en Compostellanum, XXV, (1980), páxs. 3-22; VV. AA. Homenaje a pintores compostelanos, A Coruña, Deputación Provincial, 1981 J. M. B. López Vázquez e Y. Seara, El Arte Contemporáneo, A Coruña, Ediciones Hércules, 1995 J. M. B. López Vázquez, “Concha Vázquez” en C. del Pulgar Sabín (ed.) Artistas Galegos Pintores, Regionalismo III, Vigo, Nova Galicia Edicións, 1999 P. Corredoira (ed.), Pintores compostelanos, A Coruña, Consorcio de Santiago, 2004.
Categoría:Pintores de Galicia do século XX Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Nados en 1906
Categoría:Finados en 1971