Albertine Sarrazin, nada o 17 de setembro de 1937 en Alxer, e finada o 10 de xullo de 1967 en Montpellier, foi unha escritora relevante na literatura francesa.
Traxectoria Non é dodado reconstruír a súa historia porque non hai moita información da primeira etapa da súa vida. Parece ser que o seu pai, foi un médico militar destinado en Alxer (capital da entón colonia francesa de Alxeria) que deixou embarazada unha criada española, e obrigouna a ceder á nena á Asistencia Pública onde recibiu o nome de Albertine Damien. Posteriormente adoptouna, sen revelar o seu parentesco nin á súa filla nin á súa esposa. Moitos anos despois da morte de Albertine Sarrazin, hai testemuños baseados en declaracións de Julien Sarrazin (quen foi o seu marido) que o pai natural era tamén o pai adoptivo, o tenente coronel médico Amédée Maurice Antoine Renoux, francés de Lión.
Tras a xubilación do médico a familia regresa a Francia e instálase en Aix-en-Provence. Criouse nun ambiente de educación ríxido, no seo dunha familia burguesa. Un acontecemento tráxico marcou a súa vida: foi violada aos dez anos. De carácter difícil e pouco disciplinado foi internada nun reformatorío de Marsella, o Bon Pasteur, no que tiñan o costume de rebautizar ás internas: ela sería Annick, un alcume que conservaría toda a súa vida.
O carácter rebelde da súa mocidade perdurou o resto da súa existencia que estivo marcada pola súa relación coa delincuencia, a prostitución e as fugas dos cárceres. Lembra a súa peripecia vital á de Jean Genet: ambas persoas marcadas por unha infancia e adolescencia desgraciadas que viven á marxe das normas.
Ao terminar o bacharelato fuxiu a París. Alí atopouse cunha compañeira do reformatorio, levando unha existencia desordenada. As dúas mozas foron detidas e condenadas. Albertine, despois dunha estancia en Fresnes, foi transferida á prisión escola de Doullens, da que fuxiu o 19 de abril de 1957, saltando un muro, e rompendo o astrágalo. Un paseante axudouna e curouna: era Julien Sarrazin, con quen casou dous anos máis tarde. Encerrada de novo, escribeu dúas novelas, A fuga e L'Astragale, que tiveron un enorme éxito. Libres e famosos, Albertine e Julien non foron felices moito tempo: Albertine morreu en Montpellier aos trinta anos, nunha mesa de operacións, cunha morte infestada de erros médicos, unida aos estragos producidos polo alcol.Sección de biografía en
A lectura de L'Astragale, serviu de inspiración ao escritor Henri Charriere (Papillon) para escribir as súas memorias carcerarias, as súas fugas e horrores vividos en diferentes prisións durante 30 anos, entre 1931 e 1961.(francés/español)
O doutor en filoloxía francesa e escritor, Antonio Bueno García, na súa tese Las formas de la autobiografía en Albertine Sarrazin (1993), estudou en profundidade a escritura intimista de Albertine Sarrazin, descubrindo os mecanismos e fundamentos da súa expresión autobiográfica.
Obras Deixou escritas tres novelas e varios artigos. A súa obra máis importante foi L'Astragale, novela na que conta a súa experiencia carcelaria (o astrágalo é un óso do pé que Albertine fracturou ao saltar, cando fuxiu da prisión e que a deixou coxa para sempre).
1965: L'Astragale. 1968: La Cavale.Adaptada ao cinema por Michel Mitrani en 1971) 1966: La Traversière 1969: Romans, lettres et poèmes. Éditions Pauvert. 1969: Poèmes. Éditions Pauvert. 1971: Lettres à Julien. Éditions Pauvert. 1973: La Crèche, Bibiche, l'Affaire Saint-Jus, le Laveur (nouvelles, éditions Sarrazin. 1974: Lettres de la vie littéraire. Éditions Pauvert. 1976: Biftons de prisón.
Notas
Categoría:Nados en 1937 Categoría:Nados en Alxer Categoría:Finados en 1967 Categoría:Escritores de Francia