Alfred-Marie Liénard, nado en Amiens o 2 de abril de 1869 e finado en París o 29 de abril de 1958, foi un físico e enxeñeiro francés. Os seus estudos centráronse na teoría da electricidade e o magnetismo.
Traxectoria Alfred-Marie Liénard estudou na Escola Politécnica de Francia de 1887 ata 1889, e na Escola Superior de Minas de Saint-Étienne de 1889 ata 1892. Desenvolveuse como enxeñeiro de minas en Valencia, Marsella e Angers dende 1892 ata 1895. Na Primeira guerra mundial serviu no exército francés.
Entre 1895 e 1908, foi profesor na Escola Superior de Minas de Saint-Étienne e, posteriormente, na Escola Nacional Superior de Minas de París, entre 1908 e 1936, onde foi catedrático de Electricidade Industrial. Foi subdirector de dita escola entre 1918 e 1929, e director da mesma desde 1929 ata o seu retiro en 1936. Presidiu a Sociedade Matemática de Francia durante 1933.
En 1898 (e dous anos despois, Emil Wiechert), deduciu os agora chamados potenciais de Liénard–Wiechert, que describen o efecto electromagnético clásico dunha carga eléctrica puntual en movemento en termos dun campo potencial e escalar.
As súas dúas únicas obras puramente matemáticas foron impulsadas polos seus estudos en mecánica. Na primeira delas, xunto con Henri Chipart, estableceron o criterio de Liénard-Chipart para determinar cando a parte real das raíces dunha ecuación alxébrica é negativa, con interese en problemas relacionados coa radioelectricidade. Na segunda delas, estudou en profundidade a ecuación de Liénard polo seu interese en aplicacións a circuítos eléctricos e sistemas onde aparecen oscilacións autosostenidas, isto é, sen acción dunha forza externa.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas
Annales.org: Alfred-Marie Liénard
Categoría:Nados en 1869 Categoría:Físicos de Francia Categoría:Enxeñeiros de Francia