Jordan Bardella, nado en Drancy (Illa de Francia), o 13 de setembro de 1995, é un político francés militante da Agrupación Nacional. Militante das mocidades da Fronte Nacional dende 2012, é Conselleiro Rexional da Illa de Francia dende 2015, eurodeputado dende 2019, é o presidente de Agrupación Nacional dende o 5 de novembro de 2022. Estreito colaborador de Marine Le Pen, liderou Agrupación Nacional nas eleccións lexislativas de 2024 co obxectivo do ser o primeiro ministro.
Traxectoria
Primeiros anos e formación Naceu o 13 de setembro de 1995 en Drancy, no departamento de Sena-San Denis, é fillo único da unión dos seus pais, que se separaron cando el tiña un ano. O pai era propietario de máquinas expendedoras e a nai docente de educación infantil, o seu avó materno inmigrou a Francia dende Turín na década de 1960, o seu bisavó paterno era de orixe alxerina e o seu avó por parte de pai converteuse ao islam. Estudou o ensino medio no Liceo Xoán Bautista de La Salle, un centro privado, e comezou a carreira universitaria de Xeografía na Sorbona, aínda que non a rematou.
Carreira política Con 16 anos, e moi influído pola figura de Marine Le Pen, comezou a militar nas mocidades da Fronte Nacional. Protagonizou un rápido ascenso político: no 2015 foi asesor do eurodeputado da Fronte Nacional, Jean-François Jalkh, e resultou electo membro do Consello Rexional da Illa de Francia. Paralelamente, gañou sona como referencia para os asuntos relativos ás banlieues (suburbios parisienses deprimidos): organizou as chamadas Banleieus Patriotiques, coa finalidade de difundir á Fronte Nacional entre os residentes nelas e atraer voto nos que chamaban "territorios abandonados da República". No 2017 formou parte do equipo de campaña das presidenciais de Marine Le Pen, quen chegou á segunda volta mais derrotada por Emmanuel Macron. Semanas máis tarde, Jordan Bardella procurou ser deputado na Asemblea Nacional candidatándose polo distrito 12 de Sena-San Denis. Aínda que obtivo o 15,06% dos votos emitidos, non logrou pasar á segunda volta. Ese mesmo ano foi nomeado un dos voceiros do partido e, no 2018, liderou Generation Nation, as mocidades do partido.
Foi o cabeza de lista de Agrupación Nacional para ás eleccións europeas de 2019, quedando en primeira posición co 23,34% dos votos. Como eurodeputado integrouse no grupo de Identidade e Democracia e foi membro da comisión parlamentaria de Peticións. Tamén se presentou para presidente rexional da Illa de Francia en 2021, aínda que perdeu contra a gaullista Valérie Pécresse. Se ben na primeira volta lograra o 13,12% dos sufraxios, na segunda baixou ao 10,79%. Na opinión dalgúns analistas, a súa falta de formación universitaria e a escasa conexión coa realidade rexional, limitaron a súa valoración polos votantes. Dende 2022 ocupa a presidencia da Agrupación Nacional logo da renuncia de Marine Le Pen a esta responsabilidade.
Eleccións de 2024: europeas e lexislativas Nas eleccións europeas do 2024 revalidou a súa primeira posición sumando o 31,37% dos votos, duplicando a candidatura en segunda posición. O impacto destes resultados levaron ao presidente Emmanuel Macron a disolver á Asemblea Nacional e a convocar eleccións lexislativas para o 30 de xuño e 7 de xullo de 2024. Jordan Bardella liderou á Agrupación Nacional neses comicios: aínda que non se presentou en distrito ningún para ser deputado, propúxose como primeiro ministro. Na primeira volta, a Agrupación Nacional confirmou a súa condición de favorita, e gañou as eleccións lexislativas por vez primeira, conseguindo o 33,34% dos votos e quedando en primeira posición en 297 circunscricións das 577 e con 39 deputados electos antes da segunda volta. Por primeira vez, a extrema dereita gañaba unhas eleccións lexislativas en Francia. Con todo, na segunda volta electoral, a Agrupación Nacional caeu á terceira posición con 143 deputados, tras as candidaturas gañadoras da Nova Fronte Popular (coalición da esquerda) e os seus 183 deputados electos e do centro dereita próximo ao presidente Macron que logrou 163 deputados. Segundo os analistas, o electorado mobilizouse para bloquear á Agrupación Nacional tentando evitar a súa chegada ao goberno. Deste xeito, a aspiración de Jordan Bardella de ser Primeiro Ministro non foi cumprida e en setembro de 2024 anunciouse que Michel Barnier sería o novo xefe executivo.
Politicamente é moi próximo a Marine Le Pen, considerado por algúns como un "monicreque" dela. É parella dunha sobriña de Marine Le Pen, o que levou a certas acusacións de nepotismo.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Ficha no Parlamento Europeo de Jordan Bardella (en castelán)
Categoría:Nados en 1995 Categoría:Políticos de Francia Categoría:Europarlamentarios de Francia Categoría:Nados no departamento de Sena-San Denis