Yu Xuanji (chinés tradicional: 魚玄機; chinés simplificado: 鱼玄机; pinyin: Yú Xuánjī; Wade-Giles: Yü2 Hsüan2-chi1), nada cara ao 840 e finada contra 868, nomes de cortesía Youwei (幼薇) e Huilan (蕙蘭), foi unha poeta chinesa de finais da dinastía Tang. É unha das Catro Grandes Poetas de Tang, xunto con Li Jilan, Liu Caichun e Xue Tao.
Nome O seu apelido, Yu, é pouco frecuente na China. O seu nome, Xuanji, significa algo así como "teoría profunda" ou "principio misterioso", un termo técnico no daoísmo e o budismo. Pola súa banda, Youwei quere dicir "pequeno e diminuto", e Hulian refírese a unha especie de orquídea fragrante.
Traxectoria Pouco se sabe de certo sobre a breve vida de Yu Xuanji. Naceu ou medrou na capital dos Tang, Chang'an, remate oriental da Ruta da Seda. Yu foi casada como concubina ou esposa menor dun funcionario chamado Li Yi, cando só tiña 16 anos. Divorciáronse tres anos máis tarde, debido á animadversión da muller principal de Li.
Logo, fíxose monxa daoísta. Durante aquela época, estas monxas eran coñecidas pola súa liberdade sexual. Famosa polas súas aventuras amorosas, Yu é a primeira muller abertamente bisexual coñecida da historia da China. Como relixiosa, viaxou con frecuencia, experiencia que plasmou na súa escrita.
Mantivo unha relación con Wen Tingyun, á que dedicou algúns dos seus poemas. Segundo o San shui xiao du 三水小牘 ("Taboíña dos tres ríos"), tivo unha vida sexual escandalosa para a época, debido á súa promiscuidade. Yu foi decapitada aos 28 anos por afogar á súa parella, Luqiao. Esta historia ten un carácter parcialmente lendario, e podería reflectir a desconfianza da sociedade chinesa sobre as mulleres independentes.
Poesía Yu Xuanji destacou pola calidade dos seus poemas, moitos deles compostos nun estilo autobiográfico franco e directo, empregando a súa propia voz no canto dunha persoa literaria. En vida, publicou a escolma Yi ge bei lixiangguo de pianduan 一個北理想國的片段 ("Fragmentos dun paraíso setentrional"), hoxe perdida. Os corenta e nove poemas conservados foron recollidos no Quan Tangshi 全唐詩 ("Poesía completa dos Tang").
Traducións En catalán Pedra i pinzell: Antologia de la poesia xinesa clàssica (2012). Tradución directa de Manel Ollé. Editorial Alpha.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas Obras de Yu Xuanji traducidas en España Poemas de Yu Xuanji en inglés
Categoría:Finados en 869 Categoría:Nados en 840 Categoría:Escritores en lingua chinesa Categoría:Personalidades da cultura LGTB