Paula Ginzo Arantes, nada en Santoña o 16 de febreiro de 1998, é unha xogadora de baloncesto galega, que xoga na posición de pívote no Club Baloncesto Jairis, da Liga Feminina. É internacional coa selección española, coa que participou en dous Campionatos de Europa (conseguindo unha prata en 2023) e nos Xogos Olímpicos de 2024.
Traxectoria Nacida circunstancialmente en Santoña, a onde se desprazara súa nai por motivos laborais, criouse en Ourense, onde comezou a practicar varios deportes como tenis, natación e fútbol. Aínda que seu pai era adestrador de tenis, foi convencida polo seu contorno para que practicase baloncesto, xa que era alta e seu irmán xogaba no club dos Salesianos.
Comezou a xogar na posición de ala nos propios Salesianos, ata que o equipo se desfixo e pasou ao Carmelitas Vedruna. Con 14 anos medía xa preto de 1,90 metros e destacaba no equipo ourensán e nas categorías inferiores da selección galega, cando ingresou no centro formativo Segle XX de Esplugues de Llobregat, no que permaneceu catro anos. No seu primeiro ano como xuvenil, xogaba xa de xeito habitual co primeiro equipo na LF2 e na seguinte campaña (2015/16) obtivo unha media de 9,5 puntos e 7,7 rebotes por partido.
En xuño de 2016, rematada a súa etapa como xuvenil, comprometeuse co UCAM Jairis de Alcantarilla, tamén da LF2, pero só uns días despois o club foi descendido administrativamente, fichando entón Paula polo Rivas Ecópolis, onde completou un gran ano.
Para a tempada 2017/18 fichou polo Estudiantes, co que debutou na Liga Feminina. Posteriormente xogou dúas campañas no Al-Qázeres (2017-19) e outras dúas no Gernika (2020-22). En maio de 2022 anunciouse o seu regreso a Galicia como nova xogadora do Ensino Lugo. Co equipo de Antonio Pernas gañou a Copa Galicia, tras derrotar na final ao BAXI Ferrol.
En 2023 recibiu unha oferta do Barça Santfeliuenc, tamén da máxima categoría. En abril de 2024, despois de lograr a permanencia co club catalán, este permitiulle deixar o equipo para que puidese disputar a parte final da tempada co Valencia Basket, ocupando o lugar da tamén galega Raquel Carrera, que sufriu unha lesión de longa duración. Co equipo valenciano disputou a derradeira xornada de liga e tamén os play-offs polo título, nos que se acabou proclamando campioa.
Selección española Internacional coa selección española dende as categorías inferiores, gañou un Campionato de Europa sub-16 (2013), un sub-18 (2015) e dous sub-20 (2017, 2018).
En novembro de 2018 debutou coa selección española absoluta, da man do seleccionador Lucas Mondelo, nun partido de clasificación para o Europeo contra os Países Baixos en Ámsterdam. En 2021 disputou o seu primeiro Campionato de Europa e dous anos despois o segundo, no que conseguiu a prata tras perder a final diante de Bélxica.
En 2024 foi unha das 12 xogadoras seleccionadas polo vigués Miguel Méndez para os Xogos Olímpicos de París. Debutou nos Xogos cunha vitoria sobre a China na prórroga. Dúas vitorias nos dous seguintes partidos colocaron á selección española como líder do Grupo A, pero o equipo caeu nos cuartos de final contra Bélxica por 66-79.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Galegos nos Xogos Olímpicos de 2024
Categoría:Nados en Santoña Categoría:Nados en 1998 Categoría:Xogadores de baloncesto de Galicia Categoría:Xogadores de baloncesto olímpicos de Galicia Categoría:Xogadores de baloncesto olímpicos de España Categoría:Xogadores de baloncesto nos Xogos Olímpicos de 2024