Eulalia de Abaitua Allende-Salazar, nada en Bilbao o 25 de xaneiro de 1853, e finada o 16 de setembro de 1943, foi unha fotógrafa vasca. É a primeira fotógrafa da que existen referencias no País Vasco. Destacou pola calidade técnica das súas fotografías; por recompilar os costumes, festas e tradicións do momento; polo interese social e humano dos seus retratos ao natural, xa que rompe coa práctica habitual dos fotógrafos que se centraban en monumentos e retratos de estudo; e por retratar as faenas e actitudes das mulleres dándolles protagonismo.
A maioría do seu traballo, que foi de carácter afecionado por ser muller na súa época e que suma máis de 2.500 imaxes, consérvase no Museo Vasco de Bilbao onde está exposta unha mostra.
Traxectoria
Inicios na fotografía En 1861, mudouse coa súa familia a vivir a Liverpool en Inglaterra, coincidindo coa Terceira guerra carlista. Alí casou cun enxeñeiro civil, Juan Narciso con quen tivo catro fillos. Durante a súa estancia en Inglaterra, Abaitua descubriu a fotografía, os materiais e a súa técnica.
Ao seu regreso a España en 1876 estableceuse no Palacio do Piñeiro, situado xunto ao Santuario da Virxe de Begoña, en Bilbao (Biscaia). No soto desta mansión instalou o seu laboratorio fotográfico e empezou a retratar o universo que a rodeaba. O seu material preferido foron as placas estereoscópicas de vidro, tanto positivas como negativas, en formato 4,5 cm x 10,7 cm, e emulsión de gelatinobromuro.
Estudos e traballo Estudou no colexio do Sagrado Corazón de Xesús de Sarriá (Barcelona), aínda que se descoñece que estudou.
A obra de Abaitua é un documento histórico que recolle os costumes, festas, tradicións da súa época, considerada fotografía antropolóxica. Baixo unha atenta e sensible ollada recolle aspectos da vida rural e urbana que a rodeaba, á vez que capta as máis diversas faenas e actitudes das mulleres da época, dándolles un importante protagonismo e achegando o seu papel aos nosos días.
Debido á calidade técnica das súas fotografías e ao profundo interese social e humano dos seus retratos, nunha época na que os fotógrafos retrataban sobre todo monumentos e personaxes en estudo, é recoñecida como unha fotógrafa excepcional e unha das pioneiras da fotografía en España.
Traxectoria artística Abaitua foi fotógrafa da sinxeleza, a naturalidade e a espontaneidade e traballou case sempre en exteriores e coa luz natural. Para fotografar persoas, utilizou varios encadramentos: planos de busto ou medios, americanos ou de tres cuartos e de corpo enteiro.
Inmortalizou coa súa cámara múltiples escenas nas que as mulleres son as protagonistas: vendedoras de sardiñas no Mercado da Ribeira, lavandeiras nas beiras do río Nervión, leiteiras, mulleres carrexando auga ou cultivando a terra. Capturou tamén as celebracións sociais, os recunchos mariñeiros e urbanos, persoas de todas as idades, os rostros, os traballos e os xestos, achegando unha visión etnográfica da súa terra na súa época.
Centrouse en retratar, sen retoques, a sinxeleza das xentes do pobo, as persoas humildes, na súa vida común, no quefacer diario e no tempo de asueto, describíndoa como "Insólitas estampas da vida cotiá en pleno auxe dunha revolución industrial que parecía que soterraba todo o demais e que conforman un universo de recordos".
A súa obra divídese en tres bloques: a vida privada, as imaxes costumistas e as viaxes. O primeiro bloque protagonízano familiares e amizades no Palacio do Piñeiro; o segundo componse de instantáneas que rexistran o ambiente da súa localidade e arredores; o terceiro son fotografías das viaxes por Italia, Venecia, Marrocos, Lourdes, Málaga, Madrid, Illa de Creta e outros lugares.
Arquivo fotográfico Os fondos documentais do arquivo fotográfico de Abaitua atópanse no Museo Vasco de Bilbao, que custodia máis de 2.500 imaxes tomadas pola fotógrafa. Unha mostra deste traballo exponse para dar a coñecer a vida e obra desta muller, proporcionándolle un merecido recoñecemento público pola beleza das instantáneas e por ser un testemuño de indubidable valor histórico sobre a súa época.
A colección completa resulta unha mostra da paisaxe urbana e rural de Biscaia no paso do século ao século. Por iso, o seu traballo fotográfico, levado a cabo cunha linguaxe directa, considérase como unha proba rigorosa da realidade do seu tempo.
Exposicións
Individuais
Las mujeres de Eulalia Abaitua (Museo de Las Encartaciones, Sopuerta, 2021) Arratiako irudiak / Imágenes de Arratia (Ludoteca de Areatza, Bilbao, 2013) La fotógrafa Eulalia de Abaitua, 1853-1943 (Museo Vasco, Bilbao, 2010-2011) Gernika-Lumo (Euskal Heria Museoa, 2011) República y Santuario / Errepublika eta Santutegia (2005) Miradas del pasado / Lehenagokoen begiratuak (1998) La Familia / Senitartea (1994) La Ría imágenes de otro tiempo / Kresalibaia behinolako irudiak (1991) Mujeres Vascas de Ayer / Gure Aurreko Andrak (Museo Vasco, Bilbao, 1990) Begoña (1900)
Colectivas
El contrato (Alhóndiga Bilbao, Bilbao, 2014) España contemporánea: fotografía, pintura y moda (Fundación Mapfre, Madrid, 2013) 100 años en femenino: una historia de las mujeres en España (Centro Conde Duque, Madrid, 2012) Pasado de moda / Boladaz pasatuta (Museo Arqueológico, Etnográfico e Histórico Vasco / Euskal Arkeologia, Etnografía eta Kondaria Museoa, Bilbao, 2003)
Homenaxes e recoñecementos O seu nome incluíuse no rueiro dalgunhas cidades:
Glorieta Eulalia Abaitua, Valdemoro (Madrid) Rúa Eulalia Abaitua, Guadalaxara Rúa Eulalia Abaitua, Bilbao
Notas
Véxase tamén Bibliografía Jiménez Ochoa de Alda, Maite: La Fotógrafa Eulalia Abaituna (1853-1943). BBK. 2010. Álvarez Kaller, Alberto: XIV Symposium Bilbainas/os en la historia. Periódico Bilbao - 246. Marzo de 2010. Jiménez Ochoa de Alda, Maite: Las mujeres de Eulalia Abaitua. Publicación.
Ligazóns externas XIV Symposium Bilbainas/vos na historia Consultado 5 de marzo de 2016. Wiki-historias - Eulalia Abaitua Consultado 5 de marzo de 2016. Eulalia Abaitua 1853-1943. Argazkilaria - A Fotógrafa (15'10") Consultado 5 de marzo de 2016. Emsime-Eulalia Abaitua
Categoría:Fotógrafos de España Categoría:Nados en Bilbao Categoría:Finados en 1943 Categoría:Nados en 1853