Marie-Clémentine Valade, nada en Bessines-sur-Gartempe o 23 de setembro de 1865 e finada en París o 7 de abril de 1938, foi unha pintora e modelo francesa, coñecida como Suzanne Valadon.

Traxectoria miniatura|esquerda|Valadon como modelo en Baile en Bougival (1883), de Pierre-Auguste Renoir Valadon era filla dunha lavandeira solteira coa que foi a vivir ao barrio de Montmartre de París cando era moi nova. Aos quince anos comezou a traballar como acróbata de circo, mais unha caída non tardou en frear esta actividade. Chamou a atención de pintores (Edgar Degas, Pierre Puvis de Chavannes, Henri de Toulouse-Lautrec, Pierre-Auguste Renoir...) que a solicitaron como modelo e ela, posando e intuitivamente, foi aprendendo os pormenores da técnica pictórica. Con dezaoito anos e de pai descoñecido, tivo o seu fillo Maurice.

En 1889 coñeceu o catalán Miquel Utrillo, enxeñeiro, crítico e tamén pintor, que xa estivera en París de mozo e que regresaba por mor da Exposición Universal. Mantiveron unha relación apaixonada, ata o punto de que recoñeceu o seu fillo, o futuro pintor Maurice Utrillo (1883-1955), ao que entón lle cambiou o apelido. En 1890 Suzanne Valadon expuxo por primeira vez unha serie de retratos, entre eles o do compositor Erik Satie, e inmediatamente fíxose un nome entre os pintores do momento.

En 1893 deixou a Utrillo para converterse en amante de Satie, unión que durou pouco tempo. O ano seguinte ingresou na Société Nationale des Beaux-Arts, a primeira muller en ser admitida alí. En 1896 casou con Paul Mousis, un corretor de bolsa que lle proporcionou unha situación o suficientemente cómoda como para dedicarse plenamente á arte.

En 1909, xa consolidada como pintora, divorciouse do seu marido e uniuse a un mozo pintor amigo do seu fillo e que só tiña 22 anos, André Utter, co que acabou casando en 1914. Este matrimonio, aínda que moi tumultuoso, durou ata o final. Pintaba con moderación mentres se adicaba intensamente á vida social, na que se fixo famosa polas súas excentricidades, como levar sempre un feixe de cenorias nas mans, ter unha cabra no seu apartamento para darlle de comer os debuxos que non lle gustaban, ou convidar os amigos o primeiro venres de cada mes (unha burla ao costume católico) para veren como lle daba caviar ao seu gato. O trío Valadon-Utrillo-Utter era coñecido como a «Trinité Maudite» (trindade maldita) polas súas extravagancias autodestrutivas.

Tamén expuxo en Barcelona. Entre 1915 e 1919, sen que se coñeza a data exacta, participou nunha exposición colectiva de obras dunha gran casa fidalga que se celebrou nas Galeries Laietanes. Na mesma sala, en 1932 a súa obra tamén formou parte dunha exposición-venda dunha colección de procedencia privada e contra 1935 estivo entre os artistas dunha mostra semellante.

Suzanne Valadon morreu rodeada dos seus amigos os pintores André Derain, Georges Braque e Pablo Picasso.

Obra Suzanne Valadon cultivou principalmente os bodegóns e as paisaxes, cunha técnica vistosa e moi elaborada. A miúdo traballou durante anos no mesmo cadro antes de dalo a coñecer.

A súa obra consérvase en moitos museos franceses, incluíndo o Centro Georges Pompidou de París, que ten unha importante colección de debuxos, e o Musée de Montmartre, onde se pode visitar o seu apartamento-taller. As súas obras tamén se poden atopar noutros museos europeos, como o Musée du Petit Palais de Xenebra ou o Museo de Arte de Basilea, entre outros.

Nos Estados Unidos, teñen obras de Suzanne Valadon o Metropolitan Museum of Art de Nova York, o Museum of Fine Arts de Houston e o Smart Museum of Art de Chicago. Así mesmo, conservano o Museo de Arte Sompo (Shinjuku) e o Museo de Arte de São Paulo.

Galería

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas Valadon na páxina Réunion des Musées Nationaux de França Suzanne Valadon, a rebellious female painter who has been overlooked for a century - CNN Style

Categoría:Nados no departamento do Alto Vienne Categoría:Nados en 1865 Categoría:Finados en 1936 Categoría:Pintores de Francia Categoría:Modelos femininas de Francia Categoría:Pintores paisaxistas Categoría:Pintores retratistas Categoría:Pintores do século XIX Categoría:Pintores do século XX