María Isabel Perelló Doménech, nada en Sabadell (Barcelona) o 18 de marzo de 1958, é unha xuíza española, pertencente ao Tribunal Supremo desde 2009. En setembro de 2024 converteuse na primeira muller en presidir o Consello Xeral do Poder Xudicial e o Tribunal Supremo de España.

Traxectoria Isabel Perelló criouse na Coruña, facendo os estudos medios na Compañía de María para logo estudar Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Ingresou na Carreira Xudicial en 1985, o seu primeiro destino foi Carballo e ocupou cargos no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Maó (Menorca), na Audiencia Provincial de Barcelona e no Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña. Maxistrada especializada en materia contencioso-administrativa, exerceu na Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía con sede en Sevilla (1991) e na da Audiencia Nacional (1994). En 1993 comezou a traballar no Tribunal Constitucional como avogada, cargo que ocupou ata 2003.

En 2009 ascendeu ao rango de xuíza do Tribunal Supremo, sendo destinada á Sala do Contencioso-Administrativo. Neste posto, especializouse en control económico, supervisando a actividade de organismos reguladores como a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia ou o Banco de España. Forma parte da asociación Xuízas e Xuíces para a Democracia.

Notas

Categoría:Nados en Sabadell Categoría:Xuíces de España Categoría:Nados en 1958