Sarasadat Khadem al-Sharieh (en ), nada en Teherán o 10 de marzo de 1997, tamén coñecida como Sara Khadem, é unha xadrecista iraniano-española que posúe os títulos de Mestra Internacional (IM) e Gran Mestra (WGM).
Primeiros anos Khademalsharieh era seguidora de diversos deportes como o tenis e o baloncesto. Tras ser introducida no xadrez aos oito anos por un compañeiro da escola, pediulle aos seus pais que a inscribisen a clases de xadrez. Malia os seus pais non xogaren xadrez, Khademalsharieh afirmou que a apoiaron. Tamén mencionou que un dos seus amigos lle presentou a Khosro Harandi, Mestre Internacional iraniano (IM) e adestrador, o que foi un paso decisivo no avance da súa carreira. Xa na adolescencia, o seu adestrador foi Robin van Kampen, Gran Mestre (GM) holandés.
Traxectoria Khademalsharieh gañou o Campionato Asiático Feminino Sub-12 en 2008, o Mundial Feminino Sub-12 en 2009, o Campionato Asiático Feminino Sub-16 de Xadrez Rápido en 2012 e o Mundial Feminino Sub-16 de Xadrez Rápido en 2013. En 2014 foi subcampioa no Mundial Xuvenil Feminino.
Khademalsharieh co equipo iraniano nas Olimpíadas de Xadrez de 2012, 2014 e 2016. En xaneiro de 2020 anunciou que renunciaba a seguir competindo co equipo nacional, aínda que volveu ao equipo en maio.
Gañou o campionato feminino de Irán de 2015, celebrado en xaneiro de 2016.
Khademalsharieh clasificouse para o Grand Prix Feminino da FIDE de 2015–16 como convidada da cidade anfitrioa tras gañar un xogo clasificatorio contra Atousa Pourkashiyan en Teherán. Na fase do Grand Prix que tivo lugar na capital iraniana era a xogadora coa menor puntuación na clasificación. Con todo, acabou en segundo lugar e conseguiu a primeira norma para o título de Gran Mestra.
Competiu no Mundial Feminino de Xadrez de 2017, mais foi eliminada na primeira rolda por Sopiko Guramishvili.
En 2018 foi subcampioa no Mundial de Xadrez Rápido Feminino e no Mundial Feminino de Xadrez "Blitz", celebrados en San Petersburgo.
Gañou o Campionato Feminino de España de Xadrez de 2023, celebrado en Marbella.
Vida privada En setembro de 2017 Khademalsharieh casou co presentador e director de cine iraniano Ardeshir Ahmadi. O seu marido tamén posúe pasaporte canadense. Teñen un fillo en común.
Protesta contra o hijab En decembro de 2022 Khademalsharieh decidiu non poñer hijab durante o Mundial de Xadrez Rápido e os Campionatos de Xadrez Blitz. As mulleres iranianas teñen a obriga de levalo en público, mesmo no estranxeiro, aínda que moitas deportistas decidiron non facelo no contexto das protestas pola morte de Mahsa Amini.
Despois dos campionatos, Khademalsharieh comprou unha casa en España e planeou trasladarse alí coa súa familia. En xaneiro de 2023 mudouse ao sur de España cun visado de residencia asociado á propiedade da súa vivenda. Ese mes Irán emitiu unha orde xudicial de arresto contra ela. En xullo de 2023 obtivo a cidadanía española e transferiuse a súa ficha da federación de Irán á de España.
Notas
Categoría:Xadrecistas do século XXI Categoría:Xadrecistas de España Categoría:Nados en 1997 Categoría:Nados en Teherán