O estigmasterol é un dos esterois de plantas (fitosterois) máis abundantes, que ten a importante función de manter a estrutura e fisioloxía das membranas celulares das plantas. Na Unión Europea é un aditivo alimentario ao que se lle deu o número E E499, e pode utilizarse na elaboración de alimentos para incrementar o contido de fitosterol, o que potencialmente faría baixar os niveis de colesterol LDL.
Descubrimento O estigmasterol, tamén chamado na metade do século XX factor de Wulzen, foi descuberto pola fisióloga da Universidade de California Rosalind Wulzen (nada en 1886).
Distribución natural O estigmasterol é un fitosterol insaturado que forma parte das graxas ou aceites vexetais de numerosas especies de plantas, como a soia, feixón de Calabar e colza, e de herbas utilizadas en herboristaría, como a herba chinesa Ophiopogon japonicus (Mai men dong), e na planta americana Mirabilis jalapa.
O estigmasterol é un constituínte de varios vexetais, legumes, noces, sementes, e do leite non pasteurizado (a pasteurización inactiva o estigmasterol). Os aceites comestibles conteñen maiores cantidades que os vexetais.
Usos O estigmasterol é un aditivo alimentario de produtos alimenticios elaborados na Unión Europea e Reino Unido.
Foi introducido como precursor por Percy Lavon Julian para a fabricación industrial a grande escala de proxesterona semisintética, unha valiosa hormona humana que exerce un importante papel fisiolóxico nos mecanismos reguladores e de reconstrución de tecidos relacionados cos efectos dos estróxenos, así como actuando como intermediario na biosíntese de andróxenos, estóxenos e corticoides. Tamén se usou como precursor da vitamina D3.
A compañía Upjohn utilizou o estigmasterol como materia prima inicial para a síntese comercial de cortisona en 1959.
Investigacións Como é un dos principais fitosterois, o estigmasterol está incluído entre os compostos esterois da dieta e ten o potencial de reducir o risco de doenzas cardiovasculares. O consumo de 2 gramos ao día de esterois vexetais está asociado cunha redución no colesterol LDL sanguíneo dun 8 a un 10 %, posiblemente por diminuír o risco de ter doenzas cardiovasculares. Por ser un factor que intervén nos procesos celulares das plantas, o estigmasterol pode ter funcións nas respostas ao estrés das plantas, no seu metabolismo e sobre os encimas implicados na biosíntese das membranas celulares das plantas. Tamén se sabe que exerce efectos antianxioxénicos e anticanceríxenos por medio da regulación á baixa do TNF-alfa e o VEGFR-2.
Posible precursor da boldenona Como esteroide que é, o estigmasterol é precursor do esteroide anabólico boldenona. A boldenona undecilenato é usada comercialmente en veterinaria para inducir o crecemento do gando vacún, pero tamén é un dos esteroides anabólicos dos que con máis frecuencia se abusa na preparación para deportes. Isto levou á sospeita de que algúns atletas que deron positivo no test para a boldenona non tomaron ese esteroide como tal, senón que comeron alimentos ricos en estigmasterol; pero isto acabou demostrándose que non era así.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Carantina, un estigmasteril glicósido atopado na planta Momordica charantia. Estigmastanol, un fitosterol estreitamente relacionado co estigmasterol. Sitosterol, un fitosterol común.
Categoría:Fitosterois