Raimundo de Borgoña, tamén coñecido como Reimundo de Borgoña, nado en Besançon cara a 1070 e finado en Grajal de Campos no 24 de maio de 1107, foi un nobre do Condado de Borgoña, fillo do conde Guillerme I e irmán do papa Calisto II.
No ano 1087 acudiu á Península Ibérica, xunto con outros nobres franceses, para deter o avance dos exércitos almorábides, vencedores das forzas cristiáns na batalla de Zalaca. Durante a súa estadía foi concertada unha alianza política que incluía o seu casamento coa infanta Orraca, filla e herdeira do rei Afonso VI, o que o colocou no primeiro posto da liña sucesoria. O rei Afonso confioulle dúas importantes tarefas, o goberno dun Reino de Galicia no que se desencadeara recentemente unha revolta nobiliaria que ameazaba coa secesión do territorio, e a defensa das terras fronteirizas cos reinos musulmáns, en especial da recentemente anexionada taifa de Toledo.
Froito dos seus esponsais con Orraca naceron dous fillos, a infanta-raíña Sancha Raimúndez e o futuro emperador Afonso VII, primeiro rei da chamada dinastía de Borgoña nos reinos de Galicia, León e Castela.
Antecedentes familiares esquerda|miniatura|Miniatura do papa Calisto II, irmán de Raimundo de Borgoña, no prólogo do códice calixtino|alt= Raimundo de Borgoña foi membro dunha poderosa familia aristocrática do Condado de Borgoña, territorio do Sacro Imperio Romano Xermánico posteriormente coñecido como Franco Condado.
O seu visavó foi o conde Otón Guillerme de Borgoña, primeiro conde dun condado de Borgoña nado após a desaparición do reino de Arlés, tamén chamado das dúas Borgoñas. O seu avó, Rexinaldo I de Borgoña era fillo e herdeiro de Otón, e o seu pai, fillo de Rexinaldo, foi o conde Guillerme I de Borgoña. Raimundo foi o terceiro dos dez fillos que o conde Guillerme tivo coa súa esposa Estefanía de Borgoña.
Durante os seus primeiros anos, Raimundo gobernou como conde o pagus de Amous, unha das catro divisións administrativas do Condado borgoñónBARÓN FARALDO 2017. p. 24.. A maioría dos seus irmáns ocuparon tamén importantes cargos na aristocracia europea do seu tempo: O seu irmán mais vello, Rexinaldo II, herdou o condado do seu pai. Faleceu en Terra Santa na primeira cruzada; o segundo irmán, Estevo I, asumiu a rexencia do condado á morte de Rexinaldo. Acudiu tamén ás cruzadas onde morreu no 1102; Hugo de Borgoña, foi arcebispo de Besançon; Sibila de Borgoña, foi duquesa de Borgoña (Reino de Francia) polo seu casamento co duque Eudes I de Borgoña; Xisela de Borgoña foi condesa de Savoia etc...BARÓN FARALDO 2017. pp. 63-81
Entre todos os irmáns destaca pola súa importancia, Guido, cuarto fillo do conde Guillerme. Guido foi arcebispo de Vienne desde o ano 1088 e posteriormente, no ano 1109, alcanzou o pontificado baixo o nome de Calisto II. Moi relacionado con Galicia, foi un firme defensor dos dereitos hereditarios do fillo de Raimundo, o seu sobriño Afonso VII. Tamén foi o impulsor das peregrinacións xacobeas ao conceder á sé eclesiástica de Compostela a dignidade metropolitana de Mérida e instaurar o ano santo xacobeo. Atribuíuselle a autoría de parte do códice calixtino, manuscrito que porta o seu nome.
Chegada á Península Ibérica esquerda|miniatura|Condado de Borgoña (Sacro Imperio Romano Xermánico) e Ducado de Borgoña (Reino de Francia). Raimundo era fillo do Conde Guillerme I de Borgoña (1020-1087). Henrique do duque Henrique de Borgoña (1035-1066)|alt=Após a anexión da Taifa de Toledo por Afonso VI no ano 1085, os almorábides, respondendo á petición dalgúns dos reis das restantes taifas andalusís, interviron militarmente na Península Ibérica derrotando os exércitos dos reinos cristiáns na batalla de Zalaca. A alarmante derrota, que ameazaba con recuperar para o islam o territorio toledano, obrigou a Afonso VI a reclamaren axuda cristián para a defensa das novas fronteiras. No ano 1087, dentro do espírito da Cruzadas, tropas francas comandadas polo duque Eudes I, cuñado de Raimundo de Borgoña, acudiron á chamada do rei Afonso para frear o avance almorábide. Na súa chegada atoparon que o exército sarraceno abandonara xa a península de regreso ao norte de África polo cal foron convidados a atacar Tudela, na taifa de Zaragoza.
Esta alianza francesa, tecida pola orde de Cluny en torno ao matrimonio do rei Afonso con Costanza de Borgoña, garantía o fluxo de parte do ouro tributado polas taifas cara á orde relixiosa e resultaba imprescindíbel na península para neutralizar o poderío almorábide. É por isto que o rei Afonso procedeu a consolidala mediante o casamento das súas dúas fillas, Orraca e Tareixa, con dous dos nobres borgoñóns incluídos na cruzada, Raimundo e Henrique de Borgoña.
Henrique, irmán do Duque Eudes I de Borgoña (Reino de Francia), desposou a Teresa, filla natural de Afonso VI e a aristócrata Ximena Muñoz. Raimundo, fillo do Conde Guillerme I de Borgoña (Sacro imperio Romano Xermánico), casou coa infanta Orraca, filla do rei Afonso e Costanza de Borgoña. Na altura, Orraca era a lexítima herdeira dos reinos do seu pai, polo que, co casamento, Raimundo pasou a ser considerado o futuro monarca. Foille concedido o goberno do reino de Galicia, lugar onde o sitúan as primeiras referencias documentais xa no 1087, data da súa chegada á península e, posibelmente, tamén da voda coa princesa Urraca.
Goberno do Reino de Galicia miniatura|220x220px|Reinos da península ibérica no século XI.|alt=|esquerdaO rei García II recibira no ano 1065 a coroa do Reino de Galicia como herdanza á morte do seu pai Fernando I. O goberno deste reino foille arrebatado polo seu irmán Afonso VI no ano 1072, data no que o prendeu e encerrou no castelo de Luna, na montaña leonesa. A consecuencia destes feitos Afonso enfrontouse a un alzamento da aristocracia galega liderado polo conde Rodrigo Ovéquiz e o bispo de Compostela Diego Páez, que proxectaba repoñer no trono o rei García e casalo cunha filla de Guillerme de Normandia.
Para poñer remedio á inestábel situación, nun momento no que medraba no sur a ameaza almorábide, Afonso confiou ao seu xenro Raimundo e á súa filla Orraca o goberno do reino galego. Raimundo alcanzou entón enormes cotas de poder, suplantando a autoridade do rei e comportándose como un auténtico príncipe feudal.BARÓN FARALDO 2017. p. 450 Da súa independencia e autoridade falanos a creación arredor da súa figura da estrutura administrativa propia dun monarca, con mordomo, meiriño e chanceler propios, así como as fontes documentais nas que é designado empregando formulas propias da realeza. Na documentación obsérvase tamén como bispos e condes extra-galegos asisten a Raimundo como confirmantes e como este exerce a súa autoridade en Zamora ou Salamanca o que indica que a zona leonesa era tamén recoñecida como parte do seu dominioLÓPEZ CARREIRA 2008. pp. 350-352.
Raimundo e Orraca contaron desde moi cedo coa aceptación do clero e da nobreza galega, en especial da poderosa casa de Traba, é constante a presenza do conde Pedro Froilaz e outros membros do clan familiar nos diplomas do período. Co seu apoio o conde Raimundo gobernou con man firme un reino galego que abranguía na altura gran parte da faixa occidental peninsular, desde o mar Cantábrico até o sur de Coímbra.
Medidas de goberno esquerda|miniatura|Raimundo de Borgoña no Tombo A de Compostela. O conde, grande benfeitor da igrexa, é representado coa espada desenvaiñada o que o identifica como "defensor Ecclesiae"|alt=alt=|miniatura|Imaxe de Raimundo de Borgoña no Compendio de Crónicas de Reyes (séc. XIV) miniatura|Catedral de Salamanca. No ano 1102, Raimundo de Borgoña restaurou a diocese de Salamanca, sufragánea da arquidiocese de Compostela desde o 1120.|alt=|esquerda Baixo o mandato de Raimundo de Borgoña iniciouse en Galicia a chamada Era Compostelá, un período de prosperidade que abrangueu tamén o reinado dos seus descendentes: o seu fillo Afonso VII, o seu neto Fernando II e o seu bisneto Afonso VIII. Durante esta época, grazas á estabilidade política e factores de orde económica (prosperidade agraria, apertura do comercio marítimo, intensificación das rutas xacobeas) proliferaron as construcións románicas por todo o país, erguéronse as catedrais actuais, redactouse a Historia Compostellana e o Codex Calixtinus e espallouse a lírica galego-portuguesa.
Durante os anos de goberno do conde Raimundo en Galicia foron emitidas unha serie de medidas lexislativas que contribuíron ao desenvolvemento dos núcleos urbanos, fomentando a súa economía e protexendo os seus cidadáns e comerciantes dos abusos da nobreza. Estas medidas, favorábeis aos intereses dos bispos, que ostentaban o señorío nas cidades, resultaban prexudiciais para a aristocracia laica, privada de recursos humanos e económicos. É este un proceso de fortalecemento das estruturas monárquicas, iniciado no século XI, e que foi unha das causas das sucesivas revoltas nobiliares LÓPEZ TEIXEIRA 2013. pp.14-17. durante os reinados de Fernando I (revolta do conde Munio Rodríguez); García II (revolta do conde Nuno II Mendes); e Afonso VI (revolta do conde Rodrigo Ovéquiz). Esta última rebelión, acaecida no mesmo ano da chegada do conde Raimundo á península, veu predecida da retirada por Afonso VI de bens territoriais en Rábade, Sobrado, Chamoso, Pallares, Portomarín e Ulloa para entregalos ao couto xurisdicional da catedral de LugoBARÓN FARALDO 2017. p. 283..
Dous casos exemplificadores das normativas impulsadas polo goberno de Raimundo e Orraca son as referentes ás cidades de Lugo e Compostela.
No caso da cidade de Santiago, no ano 1095, foille concedido un salvoconduto aos seus comerciantes, asiduamente asaltados e roubados cando transitaban alén dos muros da cidade pola propia nobreza feudal. Este salvoconduto é considerado un logro dos cidadáns de Compostela que aparecen deste xeito por primeira vez como protagonistas. O seu acusado dinamismo levaraos en anos posteriores a tentar asumir mesmo o control da cidade. No ano 1105, confirmouse a cidadanía plena de todos os moradores da urbe. Esta decisión impulsou a demografía da vila pois significaba o abandono das duras condicións da servidume feudal para todas as persoas que trasladasen a súa residencia á cidade, ademais retirouselles aos cidadáns composteláns toda unha serie de obrigas e cargas fiscais que pesaban sobre eles, por exemplo, estaban exentos do pago dos impostos de fosadeira, luctuosa e caritel e non estaba obrigados a acudir ao fosado, é dicir á guerra, a non ser que puidesen ir e volver no mesmo día, o que limitaba de facto a súa acción á propia terra de Santiago.
Similares normativas foron implementadas na cidade de Lugo, á que se concedeu unha carta foral arredor do ano 1090, e na que se iniciou un necesario proceso repoboador, pois aínda acusaba os efectos demográficos da recente revolta do conde Rodrigo Ovéquiz, ocasión na que vila foi asediada e asaltada polo exército de Afonso VI. No 1102, reguláronse as actividades comerciais cunha serie de normas que as fomentaban e daban seguridade a comerciantes e clientes e no 1106 emitiuse un salvoconduto para a protección dos mercadores nos seus desprazamentos polos distintos dominios señoriais.
Xunto a isto, observase un favorecemento continuado do estamento clerical mediante a confirmación dos seus privilexios e a cesión de bens patrimoniais e territoriais. Existe documentación deste tipo para a maioría dos bispados do reino galego do tempo: Compostela, Lugo, Mondoñedo, Tui, Ourense, Coímbra e Salamanca, diocese esta última restaurada polo conde Raimundo no ano 1102. Como bispo da mesma o conde nomeou o cluniacense Xerónimo de PerigueuxBARÓN FARALDO 2017. p. 145..