Francisco Hipólito Asorey González, nado en Fefiñáns, Cambados o 4 de marzo de 1889 e finado en Santiago de Compostela o 2 de xullo de 1961, comunmente citado como Asorey, foi un escultor galego, considerado un dos renovadores da arte galega, e por algúns críticos como unha das figuras mais relevantes da renovación da arte escultórica española do século XX. Está soterrado no Panteón de Galegos Ilustres. Francisco Asorey foi homenaxeado no Día das Artes Galegas de 2024.

Traxectoria Nado en Fefiñáns, na mesma localidade onde nacera 13 anos antes Ramón Cabanillas, na casa onde a súa familia tiña o seu negocio de teas localizada na rúa que daquela se chamaba Rúa do Sol e actualmente coñecida como Praza de Francisco Asorey. A casa familiar foi vendida por mor das débedas no ano 1895. Estudou no colexio dos Salesianos en Sarrià (Barcelona) e logo foi profesor de debuxo na escola que tiñan en Barakaldo (Biscaia). Despois viviu uns anos en Madrid, onde entra en contacto co ambiente artístico da capital, que non lle agrada moito, alí coñece e fai moita amizade co pintor Julio Romero de Torres e empeza os seus primeiros traballos artísticos de relevancia. miniatura|250px|Asorey ós 25 anos, á dereita, no seu estudio da Caramoniña rematando o busto do fotógrafo Enrique Guerra.Imaxe publicada na revista Vida Gallega, 1914. En 1918 gaña por oposición a praza de escultor anatómico da facultade de Medicina de Santiago de Compostela, cidade á que se traslada definitivamente a vivir. Alí casa con Jesusa Ferreiro na década de 1920 e monta un taller de escultura na rúa Caramoniña (xunto ao convento de San Domingos de Bonaval). Deste taller saen as obras en madeira policromada tituladas Picariña, Naiciña, O Tesouro, Ofrenda a San Ramón, A Santa e San Francisco (1ª medalla da Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid).

Na década de 1930 traslada o taller a Santa Clara por necesidades de espazo. Alí fixo os grandes monumentos de Loriga, Curros Enríquez, Virxe de Guadalupe... A represión da guerra civil lévalle a moitos dos seus amigos (como Camilo Díaz Baliño) e el vive eses anos nun plano discreto; adáptase á nova situación e segue traballando, facendo en moitos casos obras para as autoridades franquistas co vocabulario propagandístico que se lle esixe pero tamén afronta encargas de gran calidade, como a Piedade para o Panteón do Centro Galego de Bos Aires, o monumento ao Padre Feijoo no Mosteiro de Samos, o monumento a Ramón Aller en Lalín ou a magnífica talla en madeira do Cristo da igrexa de Santa María de Moiá en Barcelona.

En 1957 foi nomeado académico de honra da Real Academia Galega..

Obra (selección)

Monumento funerario da familia Gil-Sarabia (1922). Cemiterio de Pereiró de Vigo. Naiciña (1922). Rosario, Arxentina. O tesouro (1924). Familia Luca de Tena, Madrid. Monumento a José F. Soage Villarino (1925). Alameda de Cangas de Morrazo. Monumento a Vicente Carnota (1925). Parque Félix Rodríguez de la Fuente de Ordes. Monumento ó doutor Maximino Rodríguez Fornos (1925). Mondariz. A Santa (1926). Centro Gallego de Montevideo. San Francisco (1926). Museo Provincial de Lugo. Monumento a García Barbón (1927). Vigo. Monumento a Eduardo Cabello (1928). Bouzas, Vigo. Monumento a San Francisco (1926-1930). Santiago de Compostela. Monumento á Virxe de Guadalupe (1929-1932) Rianxo. Monumento ao aviador Joaquín Loriga. Lalín (1933). Monumento a Curros Enríquez (1934). Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. Altar do Panteón do Centro Galego de Bos Aires (1944). Cemiterio da Chacarita de Bos Aires. Monumento ao Sagrado Corazón (1945). Parque de Maráns de Cuntis. Monumento a Manuel Barreiro Cabanelas (1946). Hospital Provincial de Pontevedra. Monumento ao Padre Feijóo (1947). Mosteiro de Samos. Monumento a Manolo Quiroga (1949) Xardíns de San Fernando de Pontevedra. Monumento aos Caídos (1951). Parque de San Lázaro de Ourense. Monumento aos mortos na Guerra de África (1951). Praza de Galicia de Ferrol. Cristo da Igrexa de Santa María (1952). Moià (Barcelona) Monumento funerario a Cesáreo Corbal (1953). Cemiterio de Pereiró. Monumento ao alcalde López Pérez (1958). Lugo. Monumento a Guillermo Álvarez Pérez (1959). Cortegada. Monumento a Ramón Cabanillas (1960). Paseo da Calzada de Cambados. Monumento a Ramón María Aller (1960). Praza da Igrexa de Lalín.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Os renovadores Ligazóns externas Páxina da Fundación Asorey 20px Francisco Asorey Galicia no tempo (15/07/1991) da TVG.

Categoría:Escultores de Galicia Categoría:Nados en Cambados Categoría:Nados en 1889 Categoría:Finados en 1961 Categoría:Membros de honra da Real Academia Galega Categoría:Membros correspondentes da Real Academia Galega