A violencia de xénero e as violacións na España franquista foron comúns por parte das forzas falanxistas e os seus aliados durante a guerra civil española. As tropas da retagarda falanxista violaron, torturaron e asasinaron en cemiterios, hospitais, granxas e prisións a mulleres socialistas, mozas, enfermeiras e milicianas. Os soldados nacionalistas regulares repetiron patróns similares de violacións, torturas e asasinatos en lugares como Maials, Callús e Cantalpino. Os lexionarios estranxeiros marroquís foron utilizados para cometer violacións contra mulleres co fin de infundir terror entre as poboacións locais, coa violación como arma de guerra. As mulleres presas tamén foron violadas e acotío enfrontábanse á morte se se negaban a ter relacións sexuais cos seus capturadores. Probabelmente nunca se chegue a saber o alcance exacto destas prácticas, xa que se levaban menos rexistros sobre as mulleres.
Tras a guerra civil española, os homes españois regresaron a unha cultura que insistía en que as mulleres estaban completamente subordinadas aos homes, mentres que a estes se lles permitía ter relacións sexuais con prostitutas e ser promiscuos. Ás mulleres ensinóuselles a ser servís e a que pensasen que a súa felicidade non era importante. Esta cultura fomentaba a violencia doméstica por parte dos maridos cara ás súas esposas e incluía a violación. As leis declararon ilegal o sexo non acordado nalgúns casos, pero existía unha tremenda presión social para non denunciar este comportamento. As mulleres con vínculos republicanos foron violadas acotío até polo menos a década de 1960, con aceptación social da práctica. Estas adoitaban tentar mudarse ás cidades para volvérense máis anónimas. Algunhas, como Lidia Falcón, foron violadas e acosadas sexualmente en prisión.
Tras a morte de Franco en 1975 e o inicio da transición española, celebrouse en 1976 en Barcelona a primeira manifestación de condena á violencia contra as mulleres. As leis sobre a idade de consentimento cambiaron dous anos despois, xunto coas leis sobre honestidade. Os homes tamén podían ser considerados legalmente vítimas de violación. En 1981 legalizouse o divorcio e en 1983 tiveron lugar outras reformas legais. Aínda así, a violación non foi tratada como un problema institucional grave dentro de España e as vítimas tiñan poucos recursos. En 1987 o Tribunal Supremo de España ditaminou que as vítimas de violación non necesitaban demostrar a loita activa contra o seu violador para presentaren unha denuncia.
As leis de memoria histórica de España deron como resultado unha maior atención á violencia que enfrontaron as mulleres durante a guerra civil española e o franquismo. En 2010 a Xunta de Andalucía comezou a ofrecer compensacións ás mulleres pola violencia exercida contra elas. Tamén comezaron a explorarse casos xudiciais contra os autores destes crimes. Realizáronse algunhas accións en España, pero a maioría dos intentos de procesalos tiveron lugar na Arxentina.
Historia
As forzas franquistas no período da guerra civil española (1936 - 1939) Na era moderna enténdese que o tipo de violencia que sufriron as mulleres na guerra civil española foi común ao longo da historia. España foi criticada polo «completo esquecemento dentro da Lei de Memoria Histórica dos crimes de lesa humanidade cometidos contra as mulleres republicanas». Antes dos anos 90 en España non había forma de coñecer o número de mulleres asasinadas polos seus noivos ou maridos. O abuso e asasinato de mulleres en España é considerado unha forma de terrorismo sexista, con máis vítimas que o de ETA.
A violencia sexual foi unha táctica adoito utilizada polas forzas sublevadas durante a guerra civil española, dirixida exclusivamente ás mulleres. Sumouse a outros actos de violencia dirixidos ás mulleres, como obrigalas a beber aceite de rícino para que fixesen as súas necesidades enriba sen control, quitarlles os nenos en prisión ou antes de seren executadas e colocalos en fogares franquistas. As mulleres eran consideradas presas de guerra e os seus corpos parte dun campo de batalla que as forzas sublevadas debían derrotar.O propósito era obrigar ás mulleres á subordinación ou utilizar o seu trauma para controlar os membros masculinos da familia. Nos cárceres sublevados foron violadas. Como forma de castigo, ás veces facíanas desfilar polas rúas vestidas con moi pouca roupa ou obrigábanas a cantar o Cara al Sol. Decote afeitábanlles a cabeza nun intento de humillalas desposuíndoas dun dos seus signos externos de feminidade. Moitas destas prácticas foron tomadas do fascismo italiano.
Para aumentar a humillación destas mulleres, moitas delas sufriron saqueos nos seus fogares. Todos os seus obxectos de valor foron roubados por partidarios franquistas, quen logo os venderon no mercado negro. As accións do franquismo contra as mulleres durante a guerra civil foron violacións flagrantes e non procesadas da Convención da Haia de 1898 e da Convención de Xenebra de 1929. Probabelmente nunca se saberá o número total de mulleres que foron vítimas de violencia e abuso sexual durante a guerra civil española.
As tropas falanxistas actuaron como tropas de retagarda. Servían en lugares capturados polas tropas ou onde nunca houbera realmente oposición sublevada. En 1936, Daria e Mercedes Buxadé, dúas irmás de Barcelona, participaron na acción republicana contra as forzas de Franco en Mallorca. Tras seren capturadas, as tropas falanxistas fixéronlles unha proba de virxindade e logo violáronas brutal e repetidamente. Margalida Jaume, tamén en Mallorca nese momento, tamén foi violada polos falanxistas. Pilar Sánchez, esposa dun membro do Partido Socialista, tamén se escondía dos falanxistas. Foi descuberta por un grupo de catro falanxistas que a golpearon e violaron, antes de levala ao cemiterio onde a violaron novamente e logo executárona. Todas elas foron botadas en fosas comúns.
Durante a guerra civil, os falanxistas violaron a mulleres no patio do hospital de Oviedo e no cárcere de Melilla. O cabo da Garda Civil Juan Vadillo e o falanxista Fernando Zamacola foron condecorados polas forzas sublevadas despois de violaren mulleres en Benamahoma (Cádiz). Na localidade de Brenes (Sevilla) unha muller foi levada a unha masía e logo obrigada a deitarse no chan e enrolar o vestido para deixar ao descuberto os seus xenitais. Despois, entregáronlle unha tesoira ao falanxista Joaquín Barragán Díaz para que cortase todo o pelo xenital da muller, pero negouse. Con todo, un garda civil comezou a facelo e o xefe de Falange de Brenes completou o traballo. A esposa dun concelleiro socialista de El Gastor, María Torreño, foi golpeada tan brutalmente que abortou. Logo foi abandonada polos seus torturadores falanxistas, e morreu pouco despois por consecuencia das torturas ás que fora sometida. Despois de que Frasquita Avilés rexeitase a un falanxista que se namorou dela, este matouna e logo violouna nun cemiterio.
En agosto de 1936, en Larraga (Navarra), un grupo de falanxistas detivo a Vicente Lamberto e levaron a súa filla Maravillas Lamberto, de 14 anos. Foi violada na secretaría da comisaría. O día seguinte uns campesiños atoparon a Maravillas espida nun descampado, morta e mordida polos cans. Botaron gasolina sobre o seu cadáver, o que a antropóloga e historiadora Lourdes Herrasti Erlogorri denomina «un lume purificador». A Maravillas considérana un símbolo da represión franquista, "a rosa de Larraga". Tres dos seus verdugos violaran antes á mestra de Castiliscar Cándida Bueno Iso. Outra mestra de 26 anos, Camino Oscoz, foi violada reiteradamente antes de ser fusilada. O seu corpo foi tirado por un barranco en Urbasa para facelo desaparecer.
Galiza foi dos primeiros territorios en caer en mans dos golpistas. Sucedéronse durante as primeiras semanas centenares de asasinatos, secuestros, violacións, detencións ilegais e xuízos sumarísimos. No Pozo da Revolta de Bagüín, na parroquia de Mogor (Marín), un grupo de falanxistas vexou, torturou, mutilou e asasinou a Carmen Pesqueira Domínguez, coñecida como A Capirota. Pasearon o seu cadáver por Bueu mostrando os seus seos mutilados antes de deixalo abandonado na rúa.
En Fuentes de Andalucía (Sevilla), María León Becerril, María Jesús Caro González, Joaquina Lora Muñoz, Coral García Lora e Josefa García Lora, cinco mozas de entre 16 e 22 anos, foron violadas, asasinadas e logo botadas a un pozo por falanxistas o 27 de agosto de 1936. Previamente foron obrigadas a beber alcol e practicar sexo oral a homes falanxistas, ademais de facelas desfilar polas rúas en roupa interior. Tras seren botadas ao pozo, os falanxistas desfilaron pola vila coa roupa interior das mulleres colgada dos seus fusís e escopetas. Cinco enfermeiras barcelonesas foron capturadas en Mallorca tras a retirada republicana. Realizáronselles probas de virxindade e foron violadas en grupo en Manacor. O día seguinte foron asasinadas no cemiterio de Son Coletes. Tras as súas mortes, os falanxistas tentaron presentalas como prostitutas para xustificaren as súas accións. Até 2005 non se rehabilitou a reputación destas enfermeiras republicanas.
Mulleres, algunhas embarazadas, foron violadas e logo executadas en cidades como Peguerinos, Fuente de Cantos, Zafra, Almendralexo, Aguacho, Fuente del Maestre, Boecillo, Valdedios, Pallars Sobirà ou Zufre. En ocasións marcaban os peitos das súas vítimas co xugo e as frechas da Falange. En novembro de 1937, despois da caída de Asturias durante a guerra civil, Rosario Montes, embarazada de 8 meses, foi violada e brutalmente torturada, e finalmente fusilada na Costa Vindoria. A finais de 1938, unha moza de 17 anos de Unarre (Lleida) foi obrigada a presenciar a execución da súa nai e logo foi brutalmente violada en grupo e executada. Cando as tropas sublevadas ocuparon Biscaia no verán de 1937, os seus partidarios involucráronse en acoso sexual a grande escala. Afeitáronlle a cabeza ás mulleres e algunhas foron golpeadas en público semiespidas. Estes feitos causaron danos psicolóxicos non só ás vítimas, senón tamén aos seus familiares que tiveron que ser testemuñas do abuso. As tropas franquistas católicas tamén participaron en actos de violencia sexual contra mulleres republicanas. Liderados polo xeneral Mola, un grupo de habituais en Valdediós violaron e asasinaron a catorce enfermeiras e a unha moza de 15 anos.
Soldados sublevados regulares violaron polo menos a catro mulleres en Maials. Outro grupo de habituais violou a unha muller, á súa filla e á súa curmá en Callús. Ao terminaren, golpeáronas coa baioneta. Outros habituais de Marganell violaron a dúas mulleres e logo executáronas colocándolles granadas entre as pernas. Os habituais tamén violaron a varias mulleres novas en Cantalpino. As milicianas tamén eran violadas e afeitábanlles a cabeza cando eran capturadas no campo de batalla.
Nos cárceres sublevados as mulleres eran violadas con frecuencia. En Can Sales (Palma de Mallorca) as mulleres eran trasladadas polos falanxistas aos seus cuarteis para seren violadas. Trinta mulleres foron violadas no transcurso de tres meses por dous funcionarios da prisión de Albacete. Podíanse escoitar as voces das vítimas gritando por toda a prisión. As mulleres en prisión enfrontábanse constantemente a gardas que lles pedían favores sexuais a cambio de mellorar a súa situación en prisión ou a doutros familiares encarcerados. A finais de 1937, varias presas políticas en Biscaia negáronse a ter relacións sexuais cos seus captadores militares franquistas, mesmo baixo a ameaza de seren executadas. A noite despois de se negaren, moitas delas foron fusiladas. As historias da resistencia destas mulleres difundíronse na fala da xente e convertéronse en símbolos de resistencia para outras mulleres que enfrontaban a represión.