miniatura|Xeo negro nunha estrada en Alemaña.
O xeo negro é unha cuberta de xeo glaseado que se forma, por exemplo, na superficie de rúas, estradas ou lagos. En realidade este xeo non é negro, senón transparente, o que permite que se vexa o pavimento asfaltado das estradas que está debaixo, que xeralmente é negro ou gris moi escuro, porque a luz pode atravesar o xeo. Os niveis normalmente baixos de gránulos de xeo visibles, neve ou auganeve que rodean o xeo negro significan que as áreas con xeo son a miúdo case invisibles para os condutores de vehículos ou os camiñantes. Deste xeito, hai un risco de escorregar e poden producirse accidentes debido á inesperada perda de tracción.
Definicións O termo xeo negro pode definirse como "xeo disperso en estradas ou outras superficies viarias que non se pode ver doadamente. Adoita ser transparente (non branco nin negro) e deixa ver a superficie escura da estrada que hai debaixo. É máis frecuente de mañanciña, especialmente despois de que a auga do derretemento da neve tivo a oportunidade de reconxelarse durante a noite cando as temperaturas baixan ata o punto de conxelación. O xeo negro pode tamén formarse cando as estadas están escorregadizas pola chuvia e as temperaturas caen por debaixo do punto de conxelación pola noite."
As definicións da Organización Meteorolóxica Mundial de xeo negro son:
Unha alternativa popular para o termo xeo glaseado. Unha delgada capa de xeo, de aparencia relativamente escura, que se pode formar cando cae unha chuvia lixeira ou poalla sobre a superficie dunha estrada que está a temperatura por debaixo do punto de conxelación ou, alternativamente, cando a auga que xa está sobre a estrada se conxela cando a súa temperatura cae por debaixo do punto de conxelación. Tamén se pode formar cando pingas de néboa superconxelada son interceptadas polos edificios, valados e vexetación. Xeo novo delgado sobre auga doce ou salgada, que parece de cor escura debido á súa transparencia, como resultado da súa estrutura de gran columnar.
Formación
Sobre estradas e beirarrúas O Glosario de Meteoroloxía da Sociedade Meteorolóxica Americana inclúe a definición de xeo negro como "camada delgada de xeo, de aparencia relativamente escura, [que] pode formarse cando cae unha chuvia lixeira ou poalla sobre a superficie dunha estrada que está a unha temperatura por debaixo de 0 °C." Como supón só unha delgada acumulación, o xeo negro é moi transparente e así é difícil de ver comparado coa neve, a neve a medio derreter conxelada ou as capas de xeo máis grosas. Ademais, adoita estar intercalada con áreas de pavimento húmido, que teñen unha aparencia case idéntica.
miniatura|Sinal de advertencia de pavimento con xeo en Quebec, Canadá Esta condición das estradas fai que a condución de automóbiles sexa difícil, e que andar en bicicleta ou camiñar sobre as superficies afectadas sexa extremadamente perigoso. O desxeo con sal (cloruro de sodio) é efectivo ata temperaturas duns -18 °C. Téñense usado outros compoñentes como o cloruro de magnesio ou o cloruro de calcio para as temperaturas extremadamente frías, xa que o descenso crioscópico desas solucións é menor.
A temperaturas inferiores (por debaixo de −18 °C), pode formarse xeo negro nas estradas cando a humidade do escape dun vehículo, como coches ou motocicletas, condensa na superficie da estrada.
Tales condicións poden causar moitos accidentes se se prolongan por longo tempo. A ineficacia do uso de sal para derreter o xeo a esas temperaturas tan baixas é parte do problema. O xeo negro pode formarse incluso cando a temperatura ambiental é de varios graos sobre o punto de conxelación da auga de 0 °C, se o aire se quenta subitamente despois dun período frío prolongado que deixou a superficie da estrada moi por debaixo do punto de conxelación da auga.
Sobre pontes miniatura|Sinal de advertencia nunha ponte dunha autoestrada dos Estados Unidos As pontes e pasos elevados poden ser especialmente perigosos. O xeo negro fórmase antes nesas construcións porque o aire pode circular tanto por riba coma por debaixo da superficie da vía elevada cando a temperatura ambiental baixa, causando que a temperatura do pavimento na ponte descenda rapidamente. miniatura|A ponte I-35W sobre o río Mississippi vista desde abaixo en 2006
Sobre a auga miniatura|Xeo negro sobre unha canle nos Países Baixos Cando a temperatura está por debaixo da conxelación e o vento está en calma, como cando hai altas presións atmosféricas nas noites de outono, pode formarse unha delgada capa de xeo sobre as augas abertas dos lagos. Se a profundidade do corpo de auga é grande dabondo, a súa cor é negra e é posible ver a través do xeo. Nos lagos o xeo negro está frecuentemente cuberto por xeo branco formado pola reconxelación de neve ou auganeve contra a primavera. O xeo negro transmite ao seu través máis luz que o branco, o cal pode ser importante para os produtores primarios que viven nos lagos, como o fitoplancto. O xeo negro ten unha maior capacidade de resistencia ao peso que o xeo branco, o cal é unha consideración importante a facer para estimar a seguridade de realizar actividades recreativas sobre lagos conxelados, como patinaxe sobre xeo e pesca no xeo.
O xeo pode formarse tamén con auga salgada salferida e vapor de auga que se conxelan ao contacto coa superestrutura dun barco cando a temperatura é o suficientemente baixa. O xeo formado desta maneira coñécese como sincelo, cencellada ou rime. A medida que progresa a súa formación, o peso que carga o barco aumenta e pode finalmente causar que capote. Ademais, este xeo pode impedir o correcto funcionamento de importantes instrumentos de navegación de abordo, como o radar ou instalacións de radio. Empréganse diferentes estratexias para retirar ese xeo: cortalo mecanicamente ou mesmo usar mangueiras para sacalo.
En montañas O xeo negro é un perigo a ter en conta polos escaladores de montañas. O tempo frío é común a grandes alturas, e o xeo negro pode formarse rapidamente sobre a superficie da rochas. A perda de tracción é tan repentina e inesperada coma nunha estrada, e pode ser moi perigosa se a rocha está nun lugar moi exposto sobre o que pinga a auga. O uso dun machado para xeo e crampons é esencial en tales circunstancias, xa que poden previr caídas, e unha corda de amarre de seguridade axuda a parar unha posible caída.
Notas
Outros artigos Xeada Xeada branca Accidentes de tráfico
Véxase tamén Ligazóns externas
Is there really such a thing as black ice?, do equipo The Straight Dope
Categoría:Xeo Categoría:Meteoroloxía