miniatura|dereita|A nave Argo, por Lorenzo Costa Na mitoloxía grega, os Argonautas (en grego: Αργοναύται) eran un grupo de heroes que, en anos anteriores á Guerra de Troia, acompañaran a Xasón á Cólquida, na busca do vélaro de ouro. O seu nome procede do nome da súa nave, a Argo, que á súa vez fora designada así en honra do seu construtor Argos; de modo que, literalmente, Argonautas significa "mariñeiros do Argo".
Lenda do mito Pelias converteuse en rei de Iolco tras destronar a Esón. Este, temeroso de que o seu fillo Xasón, quen era herdeiro ó trono, fose asasinado enviouno á cova do centauro Quirón onde recibiu instrución ata o seu regreso a Iolco para reclama-lo seu dereito ó trono.
Na súa viaxe a Iolco, Xasón perdeu unha das súas sandalias e ó presentarse ante Pelías este lembrou que un antigo oráculo advertíralle sobre alguén cunha soa sandalia que baixaría do monte para destronalo e matalo. Pelias accedeu a devolverlle o trono a Xasón pero esixiulle cumprir co suposto pedido de regresar á súa orixe o vélaro de ouro.
Xasón aceptou o encargo e ordenoulle a Argos a fabricación dunha nave. Esta embarcación tiña o don da fala e da profecía. Despois formou a tripulación cos mozos máis valentes daqueles tempos.
Os Argonautas partiron da costa de Págasas e, ó seu paso pola illa de Limnos, habitada por mulleres, uníronse con elas coa idea de que concibiran fillos homes. Pasaron por Samotracia e chegaron á terra dos Dolións, onde o seu rei Cícico os acolleu. Ó partir os ventos leváronos de novo á costa, onde por erro se enfrontaron ós seus antigos anfitrións resultando mortos o rei Cícico e a súa corte. Nas costas de Misia, as ninfas apoderáronse de Hilas, e Heracles e Polifemo abandonaron o barco para ir na súa axuda e a viaxe continuou sen eles. Ó pasar pola terra do adiviño cego Fineo, librárono das Harpías, e el en agradecemento deulles o contrasinal para evita-las rochas Cianeas que destruían calquera nave que se atrevese a pasar entre elas.
Despois destas e outras aventuras a expedición chegou ó reino de Eetes. Xasón realizou unha visita ó monarca e solicitoulle a entrega do Vélaro de Ouro. O rei para entregarllo pediulle a cambio que domara os touros con unllas de bronce e que arase o campo e o sementase con dentes de dragón que lle entregaría.
Medea, filla de Eetes e namorada de Xasón, ofreceuse a axudarlle sempre e cando Xasón casase con ela. Entregoulle unha cataplasma máxica para que a aplicase sobre o seu corpo e un escudo co que quedaría protexido contra o lume e o ferro. Advertiulle que ó sementa-los dentes do dragón converteríanse en soldados que o asasinarían. Indicoulle que lanzara pedras sen ser visto e deste modo confundiríaos facendo que loitasen e se matasen entre eles.
Xasón realizou estas tarefas con éxito, pero Eetes incumpriu a súa promesa. Entón Xasón, axudado por Medea, durmiu ó dragón gardián, apoderouse do vélaro de ouro e fuxiu con ela. Cando o rei Eetes descubriu a fuga e o roubo do vélaro de ouro, lanzouse na súa procura. Medea, para atrasalo, deu morte ó seu irmán Apsirto, e lanzou ó mar un a un os seus membros. Eetes non puido levar a bo termo a persecución ó ir recollendo os restos do seu amado fillo.
De regreso, ó seu paso pola illa das sereas, os argonautas foron protexidos dos seus cantos por Orfeo, músico de Tracia, coa súa melodiosa lira e voz; chegaron a Creta, onde se enfrontaron ó xigante Talos coa axuda dos feitizos de Medea.
Ó chegar a Iolco, traendo o vélaro de ouro, Xasón soubo que Pelias asasinara a tódolos seus parentes e que ademais se negaba a entregarlle o trono. Medea convenceu ás fillas do rei a que lle axudaran a eliminalo prometéndolle-la eterna xuventude. Xasón asumiu o trono e, con Medea, reinou en Iolco. Anos máis tarde concibiron un fillo, confiándolle a súa educación ó centauro Quirón.
Os Argonautas máis célebres Partiron en total cincuenta guerreiros, dos cales os principais Argonautas eran:
Xasón e seu primo Acasto, fillo de Pelias. O adiviño Idmon, fillo de Apolo. Os Dióscuros (fillos xemelgos de Zeus) Cástor e Pólux. Os semideuses do vento, fillos de Bóreas, Calais e Zetes. Anfión. Etalides, fillo do deus Hermes. O xigante Argos, que foi o construtor do navío e o seu piloto. Ascálafo, fillo do deus Ares e rei de Orcómene. Unha muller Atalanta que tentou embarcar disfrazada de home, mais foi descuberta por Xasón. O ladrón Autólico, fillo do deus Hermes e que viría ser o verdadeiro pai de Ulises. Laertes, que era o "pai putativo" de Ulises. Butes, fillo de Téleon. Équion, tamén fillo de Hermes. Eufemo, fillo de Poseidón. Euríalo. Heracles, o seu sobriño Iolao e o seu discípulo Hilas, ambos "amigos moi íntimos" de Heracles. Poias e seu fillo, Filoctetes, ambos amigos de Heracles. Os xemelgos Idas e Linceo, rivais de Cástor e Pólux, o segundo dotado de agudísima vista, capaz de ver detrás dos muros. Oileo, que viría ser pai de Áiax, e que era namorado de Apolo. Meleagro. O poeta Orfeo, fillo de Apolo e da musa Calíope. Peleu, que viría ser pai de Aquiles, e o seu irmán Telamón. O concerta-todo Palemón, fillo de Hefesto. Poriclimeno, fillo de Poseidón, que tiña o poder de se metamorfosear en calquera animal mariño. Talao, rei de Argos. Tífis e Anceo que se relevaran como temoneiros do navío Argo. Erxino, que substituíu a Tífis cando este morreu. Anfiarao, outro célebre adiviño. Admeto, fillo do rei Feres. Asclepio, fillo de Apolo, médico dos expedicionarios. Teseo, príncipe de Atenas. Pirítoo, rei dos lapitas etc.
Véxase tamén Outros artigos Xasón Argo Navis (mitoloxía) Vélaro de Ouro
Categoría:Heroes da mitoloxía grega